sábado, 4 de febreiro de 2012

As vellas vinganzas de Castro Caldelas


"E do castelo que s'ergue
Sobre del, ben adornado,
Cos seus adárves e torres,
Todo ô redor almenados:
Ou Castro, ben se conoce,
Que naceches desleirado,
Entre soldados é muros,
E calabozos é escravos!"

Eduardo Pondal, “O Bardo”, Queixumes dos pinos

As poderosas torres de Castro Caldelas
Era unha noite escura e bretemosa nas altas terras de Caldelas. O frío ascendía polas ladeiras do Sil e invadía co seu bafo aldeas e fragas. Os sentinelas, mentres tanto, adormecían nas troneiras das xigantescas torres da fortaleza dos Fernández de Castro, cabeza dun pequeno imperio feudal que dominaba parte das terras fronteirizas entre Lugo e Ourense, ós pés das maxestosas serras de Queixa e San Mamede. Don Pedro, mordomo real, recibe as terras da man do monarca, en pago polos seus servizos. Alí, no alto dun impenetrable outeiro que dominaba o val, o vello patriarca ergueu o castelo de Castro Caldelas, onde xa o fixeran moito antes castrexos e romanos. Era un alto que vixiaba dende antano a antiga Vía Nuova, que enlazaba Braga con Astorga. Alí foi ergueita a fortaleza. Pero o soño de Don Pedro custou suor e bágoas: os campesiños e labregos foron avasalados con impostos abusivos. 
Mentres o pobo chan sufría calamidades e miseria, a liñaxe dos Castro semellaba vivir tempos gloriosos. A Torre da Homenaxe, o torreón máis antigo de todos os que compoñen a fortaleza, albergaba entre os seus muros ós cortesáns e servos que ficaban preto do señor. Os garridos cabaleiros chegaban triunfantes e atravesaban as portas do castelo para mostrar os seus modos e encantos ante as damas do castelo. Na casa pacega, os señores administraban os seus bens e disfrutaban dos seus privilexios. No patio privado, á sombra do muro defensivo e da Torre da Homenaxe, un reloxo de sol marcaba o ritmo das idades do home, por medio de catro faces que as representaban. No corazón estratéxico do castelo, un profundo pozo abastecía de auga ós habitantes do castelo e ós seus animais; un intelixente xeito de garantírense o subministro deste recurso fundamental. 

O reloxo da torre domina o val 
Os vasalos estaban fartos da soberbia dos señores e do xugo ó que os sometían. Por iso, aquela noite bretemosa ninguén avisou ós sentinelas da presenza de pequenos fachos que se adentraban polo val. Enrique de Trastámara, doente polo apoio dos Fernández de Castro ó seu inimigo Pedro I, ordenou ás súas tropas a toma da vella fortaleza de Castro Caldelas, bastión do señorío. Un cerco de lumeiradas perturbou o plácido sono dos vixías, que deron a voz de alarma; o castelo estaba sendo sitiado. O vello Don Pedro saíu dos seus apousentos aterrado e ollou por riba das altas almeas como os seus homes comezaban a perder a batalla. Os inimigos estaban xa a derrubar as portas e penetrando triunfantes nos dominios da fortaleza. Aquela noite, Enrique de Trastámara expulsou das súas terras ós Señores de Castro, ante as olladas cheas de xenreira dos seus antigos vasalos. Pouco despois, Enrique II, xa como Rei, ofreceulle á neta de Don Pedro a posibilidade de recuperar o castelo, se a cambio casaba cun sobriño seu. E así foi. Mais pouco durou o seu dominio: unha noite de 1467, o castelo volveu ser asediado, desta volta polos temidos irmandiños. Baixo os berros de “Abaixo os señoríos!”, os vasalos tomaban por asalto e destruían os vestixios enferruxados da nobreza pacega. 
A vila de Castro Caldelas
Cando o Conde de Lemos recuperou o castelo, obrigou ós veciños de Caldelas a reconstruílo de novo. Aquel amencer, o poderoso Conde berraba dende o alto da Torre: “Vós a tirastes, vós habédela erguer!”. O vello fortín foi reconstruído pouco despois coma unha residencia pacega, que acabou en mans da Casa de Alba. Durante a Guerra da Independencia, o castelo viviu a súa derradeira batalla cando o Xeneral Marchand incendiou a vila como represalia polo ataque dos caldelaos ó rexemento francés. 
Hoxe, somentes unha catapulta enferruxada defende o castelo, soñando cos vellos combates doutrora. A meirande parte das súas murallas aínda seguen en pé, e a vella Torre da Homenaxe, segue a dominar os confíns dos vales das Terras de Caldelas. Que non esvaeza a historia adurmiñada baixo os muros do vello castelo dos Fernández de Castro! 

2 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Un dos mellores castelos de Galicia, sen dúbida. Gran reportaxe sobre a historia desta garrida fortaleza. Noraboa e un saúdo!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Un dos máis impresionantes que vin na miña vida!. Grazas e saúdos!