domingo, 19 de febreiro de 2017

Retorno a Piornedo


“Vin a aldea arredada no seu propio segredo
Nin se perdeu o celme inxel do Beatus Ille
Pasei a contemplar tanta fidelidade

Vin burriños cargados de herba e de xestas vivas
alpendres que harmonizan cos aparellos rústicos
a humilde ferramenta trasnoitada
ou talvez encetar o pan de cada día signándolle
unha cruz por riba cun coitelo

Vin a camelia gaélica en Bínn Eadair
A paixón dos triskeles baixo o rigor dos liques
                                         e da chuvia insubmisa
Vin pallozas e torques
e os míticos tesouros daquel reino de Tara”

Luz Pozo Garza, As arpas de Iwerddon 



Hai lugares aos que cómpre volver, grandes e pequenos universos que nalgún máxico intre descubrimos e que nunca endexamais puidemos esquecer, paraxes naufragadas no devalar da nosa curta historia, como áncoras aferradas no leito nostálxico e pracenteiro da nosa feble pero selectiva memoria. Así foi como o meu amigo Xoán e máis eu decidimos retornar este pasado outono, e unha década despois, até un dos recunchos galegos que máis precisabamos volver a percorrer, até unha das aldeas máis históricas e senlleiras do noso país; estouvos a falar, nin máis nin menos, que da aldea prerromana e fronteiriza de Piornedo


Piornedo é unha pequena aldea de hórreos e pallozas, unha pequena pero inigualable comunidade que sobrevive dende a longa noite dos séculos nesta solitaria e fría Serra dos Ancares. A aldea localízase a uns 1200 metros de altitude e pertence á parroquia de San Fiz de Donís, no concello lugués de Cervantes. Desta volta retornariamos a Piornedo, a esta aldea practicamente castrexa, non somentes para percorrela e achar nela cada un dos recordos que tanto nos fixeron recordala, senón tamén para emprender unha curta pero intensa viaxe que nos levaría até os pés do Mustallar, un dos teitos da Galiza.


Nada máis entrar neste moderno castro con vida da Comarca dos Ancares, achariamos a súa antiquísima fonte que data do ano 1787 e sobre da que descansan os pétreos corpos de dous mozos separados por unha granítica cruz. Internámonos paseniño, logo de beber do seu cano, polos estreitos carreiros que converxen entre os hórreos, as pallozas e os pendellos, que se somerxen baixo os fumegados tellados de palla das vivendas galegas máis auténticas e ancestrais. Escasos corenta veciños conviven aínda neste contemporáneo castro de vivendas prerromanas, nesta aldea esquecida de teitumes vexetais.


A cada paso fomos recordando aquela primeira viaxe, o ollar inocente co que namoramos deste lugar pensado para os que gustan da paz, para os que eiquí naceron e teñen o honor e a coraxe de pertenceren aínda a esta comunidade ancestral. Mais este xa non era o Piornedo de anos pasados. Hai xa abondas primaveras que non se escoita o canto da pita do monte, en troques os coches arremuíñanse polos rueiros e valados, namentres que uralitas e plásticos negros cobren de loito algún que outro tellado… pois disque xa non quedan teitadores; con eles morreu este nobre oficio de antano. 


Os fogares máis antigos son agora, na súa meirande parte, cortellos baleiros e sombrizos, son hoxe “alpendres que harmonizan cos aparellos rústicos a humilde ferramenta trasnoitada”. Escoitamos na taberna, que hai tempo que non se albiscan machos de rebezo nos cumios da serra. O lixo do progreso e a decadencia do pasado mestúranse hoxe en día en Piornedo, froito deste noso mal endémico que está a degolar o celme i a paisaxe das nosas aldeas; estamos a envelenar a nosa propia esencia con plásticos, bañeiras, uralitas… tambores de lavadora e metálicos de colchón.


Tanto esta aldea de Piornedo como a do Cebreiro, -ámbalas dúas fronteirizas coa provincia de León e consideradas a evolución das aldeas prerromanas-, son as que atesouran a maior concentración de pallozas do noso país, e teoricamente; as mellor conservadas. Lembremos que as pallozas son as estruturas construtivas máis antigas da nosa terra. A súa planta circular, os seus muros de cachotería e a súa cónica teitume, soportada por unha estrutura de madeira cuberta de palla, son a clara pero maina evolución das construcións castrexas. 


As poucas diferenzas existentes entre aquelas vivendas castrexas e as pallozas que aínda se conservan hoxe en día tanto en Piornedo como no Cebreiro, semellan radicar nun maior diámetro e altura destas últimas, que adoitaban posuír dous andares, o inferior destinado para o gando e o superior empregado como dormitorio; deste xeito aproveitábase o calor dos animais para quecer o interior da palloza. Mais estas antigas construción adoitaban dispoñer tamén de lareiras para prender lume e cociñar así como fornos para cocer o pan. O fume resultante destas actividades traspasaba aqueles teitos de madeira e de palla contribuíndo a conservalos mellor, secando aquela cuberta vexetal da humidade das chuvias e das nevaradas. Mais estas antigas cubertas vexetais xa adoitaban erixirse empinadas ca fin de que tanto a neve como a auga non se acumulasen e rematasen por danala ou derrubala. 


Algunha destas pallozas de Piornedo, como a Palloza Museo Casa do Sesto, estivo habitada até o ano 1970. Hoxe en día segue a amosar ao visitante o xeito de vivir nestes históricos e senlleiros fogares. En Piornedo consérvase un total de 14 pallozas, das que a meirande parte funcionan como cortellos ou fican dalgún xeito maltratadas polo tempo ou pola man humana. De pouco ou nada semella axudar a declaración de Ben de Interese Cultural, ou o turismo, a conservar e a dignificar esta pequena aldea que agoniza, esta comunidade ancestral esquecida por todos nós que pide a berros respecto e axuda, xente que a habite, teitadores que a conserven, e un pobo que esperte e que comprenda a magnitude deste patrimonio imprescindible e protexa este xeito de vivir.


Collemos camiño cara o alto de Piornedo. Alí lembramos ter atopado a pequena pero feiticeira Ermida de San Lourenzo, e cara aquel recordo tamén desexabamos retornar. Dende alí, ademais, tiñamos o comezo da ruta que nos levaría até os pés do Pico Mustallar, o cumio máis alto da provincia de Lugo e o segundo da Galiza, somentes superado pola impoñente Pena Trevinca. Albiscamos a pequena e feiticeira Ermida de San Lourenzo no alto da aldea, nun pequeno e idílico outeiro e sobre dun manto de herba rozada polas bestas. 


Tras desta belida ermida albiscamos parte dos cumios que estabamos a piques de ascender, o cordal de Cuíña, Mustallar e Tres Bispos. Estabamos ante os máis elevados outeiros da solitaria e impoñente Serra dos Ancares. Mais no mesmo intre de deixar Piornedo, esta aldea á que tanto desexabamos retornar, e poñérmonos a camiñar cara o noso procurado destino, aparecerían ante nós dous anxos encarnados en cans que farían posible que volvésemos a lembrar este máxico lugar polo resto das nosas vidas. 


Aquelas experimentadas ánimas caninas custodiaríannos polos esgrevios e solitarios camiños que conducen até os mesmos pés do lendario e impoñente Mustallar. Somentes por esta máxica obra do destino, polo amparo e a compaña desinteresada deste par de amigos, pagou a pena regresar. 

martes, 24 de xaneiro de 2017

Renace das súas cinzas o Castro da Cidá


“Q'a libre Boyana
De nos ouza e fale;
E digan os castros,
E digan os vales,
E os pinos de Suevia
Q'os céfiros branden:
Certo, este hé dos fortes,
Que nobres combáten;
E leva grabado,
Na testa radiante,
Cal fero lostrégo, grandioso e sublíme,
O sello dos grandes”
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Este pasado mes de novembro, xusto denantes de arribar até o Faro do Cabo Corrubedo, achegámonos até un dos recunchos máis históricos e senlleiros do concello coruñés de Ribeira; o Castro da Cidá. Este poboado castrexo, que conta con máis de 2.500 anos de historia, localízase sobre dun cumio da parroquia de San Paio de Carreira dende o que se albisca unha impresionante panorámica do Parque Natural das Dunas de Corrubedo e da entrada da Ría de Arousa. Ascendemos os pouco máis de 200 metros de altitude do Monte do Castro, e denantes mesmo de achegármonos á cima, quedariamos fascinados con aquel enorme penedo coñecido como a Pedra da Rá, así como ca espectacular i engaiolante paisaxe, aquel perfecto balcón natural sobre do Atlántico que se albiscaba xusto detrás. 


Semella máis que evidente que esta elevada i estratéxica paraxe constituía un lugar perfecto para o asentamento dunha gran comunidade castrexa. Dende eiquí, aqueles habitantes da Idade do Ferro posuían unha privilexiada visión sobre de contorna que os arrodeaba e até sobre das terras que se perdían alén do horizonte.  Achegámonos até estoutra cima do Barbanza, até estoutro outeiro onde se localizan as ruínas deste castro recentemente escavado, deste castro fortificado que até non fai moito ficaba asolagado baixo da húmida i enraizada cortiza terrestre. 


Á fin estabamos a pisar o chan dos nosos devanceiros, o pétreo chan do elevado e impoñente Castro da Cidá, un gran asentamento castrexo arrodeado por tres liñas de murallas que se erixe sobre do mar e sobre das terras da contorna. Nada máis penetrar pola muralla superior desta impresionante cidade en ruínas, puidemos albiscar pequenas vivendas de planta circular, cuadrangular e algunha que outra rectangular con vértices redondeados.  O conxunto arqueolóxico abrangue uns aproximados 20.000 metros cadrados, mais somentes sería escavada unha pequena parte. 


Este castro foi erixido sobre a rudeza dun afloramento granítico, sobre a núa osamenta da terra. Aínda se poden ollar as cicatrices do pasado nas rochas que arrodean hoxe en día o vértice xeodésico. Naquelas rochas achamos pías rabuñadas na pedra, algunhas delas con desaugadoiros, que aínda contiñan auga, que aínda reflectían as infindas cores do ceo. Por outra banda, tamén puidemos observar marcas de cuñas na rocha que, coma trabadas de xigante, testemuñan a extracción masiva de pedra para a construción levada a cabo entrámbolos anos 50 e 80 do pasado século XX, Este castro segue a ser obxecto de estudo, polo que é bastante probable que nun futuro non moi afastado se continúen a realizar traballos arqueolóxicos. 


Malia que os traballos se levaron a cabo en tan somentes 750 metros cadrados dos 20.000 totais, tanto o número de cabanas achadas, unhas 15, como a superficie total do castro; fai pensar aos arqueólogos que se trata dun conxunto dun tamaño similar ao veciño Castro de Baroña. Segundo relata Miguel Vidal, que dirixiu os traballos arqueolóxicos, neste Castro da Cidá puideron chegar a ter cohabitado preto dun cento de persoas. Na segunda fase de escavacións, sairían á luz cinco pezas de pasta vítrea que segundo Vidal puideron formar parte dunha pulseira ou dun colar. Oxalá poidan ter continuidade estas tarefas arqueolóxicas no futuro, oxalá se siga a investigar sobre deste importante castro que até fai cousa dun par de anos ficaba baixo dun manto de toxos e silvas, na máis escura e profunda sima da nosa memoria colectiva.


Despedímonos destoutro castro galego albiscando no horizonte o Areal do Vilar, Aguiño, Sálvora, O Grove, Corrubedo; a inmensidade do mar da Arousa Norte e a monumentalidade destes montes antergos que conforman a erma e impoñente Serra do Barbanza

martes, 17 de xaneiro de 2017

Os gravados do Outeiro do Filladuiro


“Ando polos carreiros do monte d'Alén,
nas ladeiras e nas beiras dos regueiros,
e entre os muros dos prados caídos,
subo no medio das laxes e outeiros
atallo polo monte de xestas e pinos,
onde cabei unha estivada de centeo
pra reencontrar o eco de meus asubíos.

Ando por entre as pedras de suavela e
nos carreiros feitos polos gandeiros,
piso nas pedras que eu sentei un día
axexando alá encima o coto de Bernalda,
vexo o Sol nacer, peseniño, nos outeiros,
alumeando o camiño dos meus pasos
pra encontrar as bágoas que eu chorei”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

Este pasado outono apoderármonos dos ardentes raios do crepúsculo para sacar á luz as laxes escritas polos nosos máis remotos devanceiros. Ascendemos de novo os outeiros, “polos carreiros do monte d'Alén, nas ladeiras e nas beiras dos regueiros”, para achar outra laxe escrita carnotá, outra estación de arte rupestre dende a que somentes se albisque O Pindo e Fisterra, dende a que somentes se albisque a inmensidade do mar. Andabamos camiño do Outeiro do Filladuiro, outra estraña mensaxe milenaria gravada no alto dos montes do Concello de Carnota. Para dar con este extraordinario petróglifo, tivemos que ascender a mesma pista forestal que conduce cara o Castro de Mallou. Deixamos o castro á nosa dereita e continuamos a ascensión até chegar a un cruce de camiños dende o que se albisca unha impresionante panorámica do Monte Pindo e do areal de Carnota


Estabamos a pisar un museo arqueolóxico á intemperie, polo que sabiamos de antemán que non teriamos dificultade para dar co noso obxectivo. Naquel cruce de camiños atopariamos varios indicadores que nos sinalaban a pista que debiamos coller para chegar, tanto aos petróglifos do Outeiro do Filladuiro, como para dar cos de As Laxiñas e os de Portaventosa. Os petróglifos que agora nos ocupan, os do Outeiro do Filladuiro, localízanse na parte alta dun impoñente outeiro rochoso que semella emerxer da terra como un mítico xigante. Todo o que dende alí se albisca semella diminuto. Achariamos o primeiro petróglifo, case imperceptible pero sumamente interesante, sobre dunha rocha moi erosionada. De non ser pola incidente e momentánea horizontalidade dos raios do solpor, non teriamos chegado a visualizar as características e a dimensión deste particular cosmos de sucos cuadrangulares.


Estes particulares gravados, de cuadrangulares e redondeados vértices, semellan todos eles unidos por un suco perimétrico que os aperta e os envolve. Malia que para moitos, estes sucos semellan lembrar ós trazos dunha figura humana, a min somentes me transmitían a representación dunha planta dun conxunto de construcións arrodeadas por un valo ou unha muralla. Tal e como ben sinalou José Luís Galovart na súa bitácora “El Laberinto Atlántico”, este petróglifo carnotán presenta unhas claras similitudes co de Outeiro de Rego Lamoso, localizado nestes mesmos montes de Carnota.  A escasos metros deste primeiro petróglifo achariamos o segundo; unha pequena laxa granítica na que puidemos observar un conxunto de círculos concéntricos, trazos curtos e serpeantes, e numerosas coviñas de notable profundidade. 


A nosa presenza neste artístico e milenario outeiro carnotán foi tan efémera como o sol estimou oportuna. Cantas diferenzas gardan estas dúas laxas escritas a pesares de ficar unha tan preto da outra. Canta historia se concentra nestes pedregosos montes de Mallou…