xoves, 5 de novembro de 2015

O Dolmen do Forno dos Mouros


“Conheço o mundo dos mortos. É frio, com terra
por cima, restos de tábuas, ossos desfeitos pelos invernos.
Os mortos vêem-nos: de onde estao, eles chamam pelos nomes
familiares, nun murmúrio, e o vento dispersa-lhes os sopros
- música de ciprestes. Por isso, há quem ande entres as campas,
ao fim da tarde, com os ouvidos tapados; quem reze,
entre lábios, datas estéreis como as antigas pedras”
Nuno Júdice

Fai tempo, un bo amigo contoume que aló polas saias dos montes da Serra do Bocelo, nos modernos límites fronteirizos dos concellos de Toques e de Sobrado, achara fai anos un impresionante monumento megalítico coñecido como o Forno dos Mouros que conservaba unha serie de pinturas rupestres de formas serpeantes, moi semellantes ás do dolmen vilalbés de Roza das Modias. Cantos montes e serras temos percorrido xa na procura destas pétreas estacións que nos conectan coa paisaxe e coa vida cotiá dos nosos máis primitivos devanceiros. Cantos vieiros e corredoiras temos camiñado xa na procura destes antiquísimos vestixios mortuorios dos primeiros habitantes deste noso país. Aproveitei unha morna e gris tarde de domingo para internarme no Concello de Toques e seguir as pistas que me levarían, sen maiores atrancos, até as milenarias laxas do dolmen de Forno dos Mouros.


A do Bocelo é unha serra privilexiada en canto a restos megalíticos, xa que nela foron catalogadas un total de 32 mámoas, a meirande parte das mesmas fican aliñadas co Camiño Real que atravesa a crista da serra de NE a SO. O Forno dos Mouros é, sen lugar a dúbidas, o máis espectacular destes restos e poida que un dos exemplos máis fermosos e mellor conservados dos monumentos megalíticos do noso país. Este dolmen localízase nunha erma contorna dominada por asombrosos penedos moi preto do lugar da Moruxosa, no concello coruñés de Toques, e a unha altitude de 713 metros. Este monumento sepulcral data do III milenio denantes de Cristo, é unha estrutura megalítica con cámara poligonal conformada por unha gran laxa horizontal sostida por sete esteos. A laxa da cuberta aparece fracturada pola súa parte setentrional. 


Este importante monumento megalítico foi escavado i estudado entrámbolos anos 1987 e 1989 pola Universidade de Santiago de Compostela. A cámara consta dun corredor de acceso de dous tramos e atesoura, nas súas mouras e telúricas entrañas, representacións pictóricas nas que destacan motivos en forma de zig-zag pintados en cores negras e vermellas sobre dun fondo branco. Nas diversas campañas de escavación que se levaron a cabo neste xacemento apareceron restos de materiais líticos e cerámicos, mais por riba disto destacan os restos dunha excepcional peza. Trátase dun vaso campaniforme cordado con influencias decorativas vinculadas coa Bretaña francesa; o que nos demostra as complexas redes de circulación existentes xa no III milenio. 


No verán do ano 2009, o dolmen do Forno dos Mouros foi obxecto dunha última actuación realizada por un equipo do CSIC que tivo coma fin velar pola conservación do mesmo, acondicionar a súa contorna e deter a deterioración das pinturas; para esta última fin optouse por soterrar de xeito preventivo as mesmas. Nesta mesma intervención tamén se reforzou a estabilidade do conxunto.  Foi unha mágoa non poder coñecer as súas pinturas pero coido que a actuación levada a cabo é vital para a conservación das mesmas. Semella como se tanto a paisaxe penedía como o silencio imperturbable desta erma contorna conspirasen pra somerxerme por uns intres no imaxinario mundo dos mortos, nese vieiro escuro, inevitable e “frio, com terra por cima, restos de tábuas, ossos desfeitos pelos invernos” que tanto eludimos pero que tanto nos vincula aínda cos nosos máis primitivos devanceiros. 

mércores, 28 de outubro de 2015

O corredor milenario da Arca do Rabós


“E no abrente,
Inti no Samamede,
prenderás prata
nas vidreiras
e roibén
nos toxais de Trasdamámoa
e lentura nas Campinas
e as antas, catedrais eternas,
rexurdirán loor,
e entón sentiremos
o teu ola de paz”
Xoán Babarro, O nome do Rei que ha de volver

Esta pasada fin de semana, namentres viaxaba camiño da miña Fisterra nai, lembrei grazas a un indicador que albiscaría nun dos extremos do lugar de Baíñas, que debía retomar aquela andaina que fai uns anos me achegaría até o magnífico universo de dolmens e de mámoas que se concentran ó abeiro do fértil e verdescente Val da Soneira. Sería aló polo mes de febreiro do ano 2012 cando coñeceramos os esteos milenarios, nas terras de Treos e Serramo, de Pedra Cuberta, Pedra Moura, Pedra da Lebre e Pedra da Arca. Nese mesmo ano acharamos tamén a mítica e pondaliana Arca da Piosa no Concello de Zas, e somentes un ano despois, tamén a Casota de Freáns en Berdoias, a Fornela dos Mouros no Concello de Laxe e o dolmen de Mina da Parxubeira en Mazaricos. 


Naquel indicador que albisquei a carón da estrada denantes mesmo de deixar atrás o lugar de Baíñas puiden ler algo así como “Arca do Rabós”, e inmediatamente despois decataríame de que se trataba dun dolmen que obviaramos naquela primeira andaina, a pesares de ficar na mesma parroquia que Pedra da Arca, i esqueceramos coñecer nas seguintes. O certo é que o devandito indicador incitoume a retomar esta interesantísima ruta, a mergullarme de novo neste descoñecido universo de mámoas e de dolmens, neste escurecido mundo onde adormecen e latexan os medos, os pesares e as espranzas dos nosos máis primitivos devanceiros. Achegueime de novo até o lugar de Baíñas na compaña da miña curmá Inma para retomar a ruta dos dolmens e tratar de coñecer agora os milenarios esteos da Arca do Rabós. 


A Arca do Rabós localízase ó norte da Pedra da Arca, nunha extensa necrópole megalítica que coma un micelio xigantesco se estende de leste a oeste pola parroquia de San Antoniño de Baíñas, poida que seguindo algún remoto vieiro de paso. Non foi difícil dar con estoutra arca megalítica da Soneira. Achámola nunha leira privada na marxe dereita da pequena estrada pola que penetramos logo de seguir as indicacións do cartel. Segundo o que puidemos ler noutro cartel informativo que atopariamos denantes mesmo de dar coa Arca do Rabós, esta sería somentes unha das vinte mámoas que se localizan no Chan de Cabral e O Rabós. Algunhas delas fican desaparecidas e outras moitas poida que fosen estragadas pola construción de estradas ou polas tarefas agrícolas. 


A Arca do Rabós somentes conserva a parte dianteira da súa disposición orixinal, mais crese que presentaba unha tradicional estrutura de cámara poligonal e corredor orientado cara o leste. Nos nosos días somentes se poden ver os restos deste corredor, no que aínda se conserva íntegra a súa tampa de cubrición. Estes monumentos megalíticos adoitaban seren colocados en certos lugares visibles coa intención de marcar ou delimitar un determinado territorio. Denantes de marchar ollamos aquel corredor que agoniza, aqueles esteos que resisten aínda dobregados pola pegada das centurias e polo peso dunha pontella, máis que tampa, que nos achega ós nosos máis incertos e xenésicos tempos. 

domingo, 11 de outubro de 2015

A monumental Praia das Catedrais


“botar as redes
cubrirnos de vento
hai un país de catedrais
homes en silencio
longos camiños cara ao mar”
Eduardo Estévez, Os veos da paisaxe

Cantos amenceres fuxiron xa dende aquela fugaz viaxe á Mariña Lucense, dende aquela curta pero intensa aventura que nos achegaría ó norte galaico e que nos ensinaría os máis vertixinosos cantís de fráxil e moura lousa rabuñada que atesoura a costa cantábrica galega. Pasaron oito anos xa daquela viaxe, oito  chuviosos outonos e oito coloridas primaveras, polo que quero partillar con vos algunhas fotografías que se perderon no vello cartafol do esquecemento, que esvaeceron co monótono "tic tac" das agullas dun reloxo de intres cada vez máis presos de albedrío. Ollando aquelas imaxes, que achegarían á miña mente unha restra de ledos momentos e me lembrarían aquelas primeiras viaxes pola terra e a fin da miña adolescencia, atoparía unha serie de fotografías dun dos nosos máis espectaculares areais; a afamada i extraordinaria Praia das Catedrais. 


Corría unha morna e gris mañá de abril cando nos achegamos até a parroquia da Devesa, no concello lugués de Ribadeo, para tratarmos de contemplar unha das meirandes obras mestras que o vento e o mar tiveron a ben esculpir, sen descanso e ó longo dos tempos, nos cantís de mouras lousas da Praia das Catedrais. Lembro que por aquel entón, este senlleiro areal aínda non gozaba da gran sona que atesoura nos nosos días, polo que foi un auténtico pracer para nós percorrelo sen sentírmonos violentados pola presenza masiva de turistas e visitantes. Lembro tamén a profunda impresión que nos produciu albiscar este areal, cuxo nome orixinal é Augas Santas, baixo dos nosos pés e sobre dos impoñentes cantís de lousa que semellan emerxer da súa fina e branca area. Lembro que logo de descendermos até a praia coa baixamar, e de topármonos baixo daqueles pétreos e monumentais arcos, entenderiamos porqué este areal recibe o sobrenome de As Catedrais. 


I é que as obras da natureza son sempre superiores a calquera máxima expresión artística do ser humano, e neste Areal de Augas Santas, queda patente. I é que a natureza sempre foi e será, en maior ou menor medida, o espello consciente ou subconsciente no que se inspira o ser humano. Debeu ser a monumentalidade, a grandeza e a beleza oculta tralos pétreos arcos e cantís deste areal de Ribadeo, algúns deles de máis de 30 metros de altura, o que levou a moitos a denominalo popularmente como a Praia das Catedrais en lugar de Augas Santas, que é o seu topónimo real e que se cree que fai referencia á antiga presenza dun manancial de augas medicinais con propiedades milagreiras. Independentemente do nome, o certo é que este recuncho atesoura unhas características que o fan único e sinxelamente espectacular. 


Os cantís deste areal agochan todo tipo de furnas, arcos e até rochosos e labirínticos pasadizos moldeados polo mar ó longo dos séculos. Esta singular praia, duns aproximados 1.400 metros de lonxitude e localizada a uns 10 quilómetros cara o oeste de Ribadeo, é Bandeira Azul dende o ano 1997 e foi declarada Monumento Natural pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. É practicamente imprescindible achegarse a este areal coa baixamar para contemplar en plenitude toda a fermosura e a grandeza dos seus arcos, que tanto lembraron a moitos dos seus visitantes ós piares e contrafortes das catedrais góticas. Pouco tempo despois de percorrer boa parte do areal, teríamos que ascender até o alto dos cantís desta característica costa cantábrica galega logo de vérmonos sorprendidos pola rápida subida da marea. 


A contorna destes monumentais cantís de Augas Santas posúe un importante valor, non somentes paisaxístico, senón tamén natural. Nestes cantís, neste delicado ecosistema, conviven as urceiras húmidas atlánticas (Ericaciliaris e Ericatertralix) coas urceiras secas atlánticas costeiras (Ericavagans). Tampouco debemos esquecernos da endémica Acelga salgada  (Limonium dodartii), en perigo de extinción, a "herba de namorar" (Armeria pubigera) ou a Angelica pachycarpa. O ceo de As Catedrais adoita ser sobrevoado polas gabitas (Haematopus ostralegus), os virapedras (Arenarioa interpres) ou os pilros escuros (Calidris maritima), amais de aves mariñas como as pardelas, os mascatos e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis)


Tampouco debemos esquecernos de mamíferos como a londra (Lutra lutra) e de especies mariñas como os arroaces (Tursiops truncatus). As pozas de As Catedrais tamén son o refuxio de anfibios como a rá de San Antón (Hyla molleri) e réptiles como o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). Agora, oito anos despois daquela viaxe, aínda me arrepío cando me lembro da vertixe que sentimos ó albiscar este areal dende o alto dos cantís e a impresión que nos produciu ollar estes góticos e cantábricos contrafortes dende abaixo; a rentes mesmo do mar. Nos nosos días é tal a cantidade de xente que se achega até Augas Santas que se tivo que controlar e restrinxir o acceso. Oxalá que a masificación turística non mude endexamais este pequeno paraíso cantábrico e galego, estes “longos camiños cara ao mar”.