mércores, 28 de outubro de 2015

O corredor milenario da Arca do Rabós


“E no abrente,
Inti no Samamede,
prenderás prata
nas vidreiras
e roibén
nos toxais de Trasdamámoa
e lentura nas Campinas
e as antas, catedrais eternas,
rexurdirán loor,
e entón sentiremos
o teu ola de paz”
Xoán Babarro, O nome do Rei que ha de volver

Esta pasada fin de semana, namentres viaxaba camiño da miña Fisterra nai, lembrei grazas a un indicador que albiscaría nun dos extremos do lugar de Baíñas, que debía retomar aquela andaina que fai uns anos me achegaría até o magnífico universo de dolmens e de mámoas que se concentran ó abeiro do fértil e verdescente Val da Soneira. Sería aló polo mes de febreiro do ano 2012 cando coñeceramos os esteos milenarios, nas terras de Treos e Serramo, de Pedra Cuberta, Pedra Moura, Pedra da Lebre e Pedra da Arca. Nese mesmo ano acharamos tamén a mítica e pondaliana Arca da Piosa no Concello de Zas, e somentes un ano despois, tamén a Casota de Freáns en Berdoias, a Fornela dos Mouros no Concello de Laxe e o dolmen de Mina da Parxubeira en Mazaricos. 


Naquel indicador que albisquei a carón da estrada denantes mesmo de deixar atrás o lugar de Baíñas puiden ler algo así como “Arca do Rabós”, e inmediatamente despois decataríame de que se trataba dun dolmen que obviaramos naquela primeira andaina, a pesares de ficar na mesma parroquia que Pedra da Arca, i esqueceramos coñecer nas seguintes. O certo é que o devandito indicador incitoume a retomar esta interesantísima ruta, a mergullarme de novo neste descoñecido universo de mámoas e de dolmens, neste escurecido mundo onde adormecen e latexan os medos, os pesares e as espranzas dos nosos máis primitivos devanceiros. Achegueime de novo até o lugar de Baíñas na compaña da miña curmá Inma para retomar a ruta dos dolmens e tratar de coñecer agora os milenarios esteos da Arca do Rabós. 


A Arca do Rabós localízase ó norte da Pedra da Arca, nunha extensa necrópole megalítica que coma un micelio xigantesco se estende de leste a oeste pola parroquia de San Antoniño de Baíñas, poida que seguindo algún remoto vieiro de paso. Non foi difícil dar con estoutra arca megalítica da Soneira. Achámola nunha leira privada na marxe dereita da pequena estrada pola que penetramos logo de seguir as indicacións do cartel. Segundo o que puidemos ler noutro cartel informativo que atopariamos denantes mesmo de dar coa Arca do Rabós, esta sería somentes unha das vinte mámoas que se localizan no Chan de Cabral e O Rabós. Algunhas delas fican desaparecidas e outras moitas poida que fosen estragadas pola construción de estradas ou polas tarefas agrícolas. 


A Arca do Rabós somentes conserva a parte dianteira da súa disposición orixinal, mais crese que presentaba unha tradicional estrutura de cámara poligonal e corredor orientado cara o leste. Nos nosos días somentes se poden ver os restos deste corredor, no que aínda se conserva íntegra a súa tampa de cubrición. Estes monumentos megalíticos adoitaban seren colocados en certos lugares visibles coa intención de marcar ou delimitar un determinado territorio. Denantes de marchar ollamos aquel corredor que agoniza, aqueles esteos que resisten aínda dobregados pola pegada das centurias e polo peso dunha pontella, máis que tampa, que nos achega ós nosos máis incertos e xenésicos tempos. 

Ningún comentario: