sábado, 13 de febreiro de 2016

Os vivos canastros de Paredes


“Mentras qu' él atesouraba
pra traguer tanto diñeiro,
sonando c' un habaneiro
unha velliña choraba.
E choraba sin consolo
sempr' agardand' agardando,
á aquil que rind' e cantando,
rolou de neno n-o colo.
Os eidos mirab' en ermo
o horreo falto de millo...
¡o seu curazon sin fillo!
¡o esprito soilo y-enfermo!
E tanto, tanto choraron
os ollos d' a probe vella,
que d' una faixa bermella
as bágoas llos roldearon.
Entrou a fame n-a casa,
detrás xusticia y-usura,
y-a velliña en tal negrura
vertendo pranto qu' abrasa
decía á Dios de xinollos:
«¡devólveme aquil filliño
qu' era sol d' o meu cariño,
e crara luz d' os meus ollos!»
E tanto a enfeliz chorou,
tantas bágoas derramaron
os seus ollos, que secaron,
y-a probe vella cegou”
Filomena Dato Murais, Follatos

Pouco despois de ter o pracer de coñecer o pequeno pero feiticeiro conxunto de canastros de Cendós, no concello ourensán de Avión, amais dos de Barroso, Quins ou A Merca, decidín internarme no Concello de Leiro para procurar un conxunto semellante ós anteriores que se localiza no lugar de Paredes, entre as parroquias de Santo Tomé de Serantes e San Miguel de Lebosende. Esta fermosa aldea atesoura un interesante conxunto de canastros que seguen a testemuñar o xeito de vivir das súas xentes. I é que estes de Paredes son uns canastros vivos, que gardan nas súas entrañas o mesmo gran, as mesmas espigas, a mesma laboura e a mesma sabedoría herdada doutros días; que fican coas portas abertas. Canto gran deberon ter conservado estes canastros, estas mostras vivas de arquitectura popular tan diversas e representativas do verdexante chan galiciano. 


Paredes atesoura unha vintena de canastros que seguen a ser empregados de xeito cotiá polos seus veciños, e somentes unha pequena parte dos mesmos semellan presentar un lixeiro estado de abandono; froito quizais do progreso, orfos quizais da diáspora. A diferenza dos de Cendós, estes canastros de Paredes presentan unha teitume cuberta de tella do país e non de lousas graníticas. O resto da súa estrutura é practicamente igual á dos que resisten en Barroso, Quins ou Cendós. A carón deste interesante conxunto de canastros de Paredes localízase outro esquecido conxunto etnográfico, desta volta conformado por media ducia de muíños, que se sitúan sobre do Regato do Foxo e que, a pesares de non atesourar tanta sona como os canastros, foron igual de importantes para a veciñanza. 


Foi unha grata sorpresa comprobar que algúns destes canastros ficaban coas portas abertas e coas espigas de millo secándose ó calor do sol ourensán, unha mostra real de que os veciños de Paredes seguen a empregar e a manter con vida estas construcións, este legado patrimonial de indubidable valor etnográfico que se espalla por toda a nosa xeografía e que adoitamos esquecer. Lisquei de Paredes cavilando en novos canastros e novas eiras, en recunchos esquecidos pero ateigados de historia e de simbolismo; testemuños de tempos finados que se resisten a desaparecer. 

xoves, 11 de febreiro de 2016

A bergantiñá Torre de Nogueira


“E das cousas pequenas
faránse as torres
para que da torre
saia un grande puño
e nese puño
aniñará un pardal
sendo cativo
acadará o horizonte
e no horizonte
abismaráse o mundo
cara un elo fantástico
que todo o xunte
e dese xunto faremos unto
e dese unto un todo lene
un ovo novo
que deite leite
porque no branco bota raíz o escuro
o carbón negro do que sairá o meu diamante”
Estíbaliz Espinosa, Pan (Libro de ler e de desler)

Aló polas avermelladas terras de Coristanco, na cantareira Comarca de Bergantiños, procurei fai cousa dun par de meses unha histórica torre que formaba parte dun antigo pazo erixido pola familia Bermúdez de Castro aló polo século XV no couto de Nogueira, na parroquia de San Mamede de Seavia. Trátase da Torre de Nogueira, unha das meirandes mostras da arquitectura civil medieval que atesoura esta Comarca de Bergantiños. Interneime paseniño, unha gris e monótona tarde de domingo, nesta parroquia da pataqueira vila de Coristanco. Xa albiscara, de camiño ó lugar de Nogueira, a silueta da súa torre, o porte medieval dos seus rexos muros, a súa garrida e cuadrangular estrutura. Detívenme de fronte a ela e tratei de procurar en cadansúa xanela, en cadansúa porta, en cada unha das pedras que aínda a manteñen en pé; as súas orixes e os seus antigos moradores. A Torre de Nogueira e a casa que se localiza ó seu carón formaban parte dun pazo erixido polos Bermúdez de Castro durante o século XV que orixinariamente atesouraba dúas torres. A que aínda resiste, erixida con traballadas pezas graníticas, posúe unha planta cadrada duns aproximados 9 metros cada de lado e uns muros de máis dun metro de ancho. A torre carece de ameas e presenta unha teitume a catro augas cuberta de tellas de arxila.


En tempos baixomedievais, o couto de Nogueira, onde se localiza esta torre, foi unha concesión dos monxes do mosteiro de San Mamede de Seavia á familia Bermúdez de Montaos, e suporía unha extensión aproximada dunhas 1.000 hectáreas. Os primeiros moradores do pazo eiquí erixido serían o VIII Señor de Montaos Pedro Bermúdez "O Vello" e Leonor de Castro e Guzmán. O Señorío de Nogueira sería herdado tempo despois polos seus descendentes, Inés de Nogueira e Fernando de Castro, até que a comezos do século XVII, o por aquel entón Señor de Nogueira Pedro Bermúdez de Castro e Pardo de Donlebún, contrae matrimonio con Ana María de Bardaxí Díez de Guevara Girón. Dende aquel entón o Señorío de Nogueira pasaría a mans dos Marqueses de Cañizar, completamente alleos a Galicia. No 1847, este couto de Nogueira, xunto coa torre e a casa anexa, pasaría a mans de José María Maya Barrera e a súa familia, que remataría por vendelo no 1941 a Pilar Maya Cano-Manuel. Nos nosos días, esta vella torre i esta histórica casa seguen a ser unha propiedade privada. Os seus donos actuais, a familia Rabuñal Pose, adquiriríana no ano 1959. Deixei tras de min esta torre i este couto de Nogueira pero non a morfoloxía oxival das súas xanelas, as súas portas nin os escudos de armas que aínda testemuñan o poder dos seus antigos moradores. Lisquei de San Mamede de Seavia coa esperanza de que algún día esta torre fique pra sempre coas portas abertas, agoirando a liberdade que descoñece,  narrando batallas e soñando treguas.

mércores, 10 de febreiro de 2016

A eira e canastros de Cendós


“Entr' as mozas que mallan n' a eira
non-hay de mais garbo, 
que, Carmela, rapaza garrida
de vintedous anos.
a morena d' olliños mais negros, 
de dentes mais brancos, 
de beizos mais roxos, 
de pelo mais largo, 
e de corpo mais feito e xeitoso
que pisa no campo,
pol-o qué n' as romaxes a chaman
a fror de Seixalvo”
Xesús Rodríguez López, Costumbres gallegas. A malla

Hai lugares que namoran, sinxelos recunchos da vida cotiá que fican sen pena nin gloria, sen afanaren a sona, sen agardar tempos mellores amais das primaveras que deixaron atrás. Hai recunchos que posúen unha beleza inherente, que non precisan artificios, que nos envolven e nos enmeigan, que nos mergullan nunha realidade diferente. Hai lugares que se resisten a morrer, a finaren relegados nun caixón esquecido da nostálxica memoria dos máis vellos. Hai recunchos que atesouran unha forza que nos convida a transitalos, a coñecelos e a lembralos, a amalos sen motivo aparente, a desexalos como unha parte de nós. Viaxei cara o concello ourensán de Avión na procura dun conxunto de eira e canastros que, a diferenza doutros moitos que tiven a oportunidade de coñecer nesta provincia, como o de Barroso, o de Quins ou o da Merca, non atesoura un gran número de hórreos pero si unha beleza, unha sinxeleza e unha maxia realmente indescritible. 


Os meus pasos dirixíanse agora cara o centro da vila de Avión, cara a eira e canastros de Cendós, que fican a escasos metros doutra pequena eira do lugar; a de Navás. Interneime naquela pequena e xeitosa eira de Cendós, que ficaba arrodeada e protexida polos fogares do lugar, e ollei un por un aqueles 13 fermosísimos canastros que conforman o conxunto. Tratei de maxinar aquelas duras xornadas da malla, xeracións de veciños traballando xuntos, man a man, neste pequeno obradoiro de Cendós. Sentei sobre daquela eira e tratei de recrear os mellores tempos destes pequenos recunchos que agora semellan agonizar e ficar á marxe da nosa realidade, coma pantasmas do noso pasado. Neste Concello de Avión, de gran riqueza etnográfica e patrimonial, a existencia de canastros semella remontarse ó século XIV, tal e como semella evidenciarse nos diezmos abonados no ano 1487 polas parroquias de Abelenda, San Cristovo e San Xusto ó Señor de Ribadavia; 16 fanegas de pan de millo e centeo a de Abelenda, dúas fanegas de pan a de San Cristovo e outras 40 fanegas de pan os de San Xusto. Este feito fai supoñer que estas parroquias tiñan a necesidade de almacenar nun lugar seco, fresco e ventilado tal cantidade cereal. 


No ano 1630, novos pagos ó Señor de Ribadavia semellan deixar de manifesto que durante este tempo continuaría a explotación de cereais na bisbarra. Precisamente a Enciclopedia de Pascual Madoz, escrita no ano 1843, cita as parroquias de Avión, Abelenda e Amiudal como territorios agrícolas nos que sobresaía o millo e o centeo. Nos nosos días, os aproximados 700 canastros que se perden por cada un dos recunchos deste concello ourensán de Avión dan boa conta da importancia que estas pequenas e humildes construcións tiñan na vida cotiá dos nosos máis próximos antepasados; dos nosos pais e avós. Nos nosos días aínda resisten neste concello pequenos pero importantes conxuntos etnográficos coma este de Cendós. É o caso dos conxuntos de Beresmo, Abelenda e as xa citadas eiras de Barroso e de Navás. Todos e cada un destes canastros, que aportan a súa nota de beleza a este humilde pero fermoso conxunto etnográfico de Cendós, foron restaurados recentemente por un grupo de veciños desempregados.


A restauración deste humilde conxunto etnográfico de Cendós conseguiu transformar unhas pétreas, ocas e decadentes estruturas en desuso, asolagadas polas hedras e silveiras, nun espazo máxico e inspirador propicio para soñar e remontarnos ás nosas orixes; a un recuncho cotiá onde moitos dos nosos avós teñen derramado bágoas de suor. Onde moitos dos nosos avós até se teñen namorado. Canta beleza se concentra neste máxico recuncho de Cendós, neste esquecido obradoiro de malladores, nesta despensa á intemperie, neste pequeno templo da fartura. Cantas semellanzas e diferenzas agochan estas pequenas e garridas construcións. Canta sabedoría a que se asenta sobre destes pés e tornarratos. Achegueime até o centro da eira, onde maxinei ser observado por este fato de inmóbiles efixies, e biquei esta eira denantes de liscar. Estaba a pisar un sacro recuncho galego, un chan nobre i humilde, un escenario de sacrificio e de traballo.


Abandonei este lugar coma un temesiño namorado, absorto pola súa maxia, pola súa enerxía, pola beleza que o envolve e pola paz que se respira. Fuxín co maino sopro do vento e coa tibia brisa dos máis románticos solpores polas rúas acaladas e desertas deste Avión de eiras, canastros e labradores.