“Mandaronm'a coller rosas
n'a beira d'o rio Ulla
e, tan bonita-l-as vin,
que collera unha por unha.
Mercedes doum'unha dália,
Esperanza unha camelia,
Eusebia doum'un xasmin;
gardarei a flor d'Eusebia.
Eu non sei que tes n'os ollos
que, se me miras, ti matas;
mátasme, se pra min rís;
mátasme, cando me falas.
Deseára de te ver
trinta dias cada més;
cada semana, seu día,
e cada día, unha ves.
¡Ay! qué sempre que te vexo
o corazón se m'arraya!
O día que non te falo
todo é tristura nä alma”
Marcial Valladares, Cantigueiro popular
Pouco despois de coñecer a Ponte Ledesma, aquel antergo vieiro sobre do Ulla que une dúas provincias, dous concellos e dúas parroquias, trataría de procurar outra ponte veciña e semellante no lugar de Pontevea, na ribeira da parroquia de Reis, no concello coruñés de Teo. Desta volta achegaríame até a senlleira Ponte Abea, unha impoñente ponte medieval que se ergue sobre do leito do Ulla e que une as provincias de A Coruña e Pontevedra e os concellos de Teo e A Estrada. Esta ponte, ó igual que a Ponte Ledesma, foi durante centos de anos a única vía de acceso a Compostela dende as terras de arredor. A Ponte Abea presenta media ducia de arcos con bóvedas oxivais de transición do románico ao gótico, tres semicirculares e outros tres lixeiramente apuntados, apoiados sobre de cinco enormes piares con vértices triangulares augas arriba e trapezoidais augas abaixo. Descoñécese con certeza a orixe desta ponte, mais os historiadores semellan situala entrámbolos séculos XIV e XV, posiblemente erixida sobre doutra máis anterga; a bo seguro que romana.
Aquela ponte romana orixinal, sobre da que se erixiría a actual ponte no Medievo, formaría parte da Vía XIX do Itinerario de Antonino. Esta vía, que unía Bracara Augusta con Lucus Augusti, logo de pasar por Aquis Celenis, a actual Caldas de Reis, atravesaría o curso do Ulla por estas terras de Pontevea, coñecida nos tempos de Augusto polo nome de Pons Vellegia. Segundo semellan testemuñar os primeiros documentos que citan a Ponte Abea a comezos do século XVI, esta antiga ponte viviría os meirandes acontecementos históricos do val do Río Ulla. Durante boa parte do século XX foi parte do trazado da antiga estrada comarcal que unía A Estrada con Santiago de Compostela, sendo o único acceso para achegarse á capital. Este feito ocasionou numerosos problemas para o transporte de mercadorías e para os vehículos de meirandes dimensións, dado que a ponte era demasiado estreita. Nembargantes, a partires do ano 1980 inauguraríase un novo viaduto que daría solución a estes problemas.
Nos nosos días a Ponte Abea fica en paz e tranquilidade, sendo o seu treito somentes empregado polos veciños para camiñar, para pescar, para ollar dende o alto as meirandes crecidas do Ulla; outra das sacras arterias divisorias deste noso húmido e verdescente país.
2 comentarios:
Hermosa ponte de paso que fica ao longo dos tempos.
Grazas pola lembranza, Iván.
Grazas a ti, Patricia, pola túa presenza nesta fraga. Sen vós non tería sentido. Unha forte aperta
Publicar un comentario