“Os camiños brancos
po-la mare van,
os camiños pretos
debaixo do chan.
Fuxindo van os mascatos
pra illa de San Martín,
a galerna ven por fora
mariñeiro de Marín.
Brúa a noite,
ferve o mar,
ruxe o ceo,
manda o ár.
Xa fuxin d-aldeia
onde tiña o lar…
¡Ven caracoliño
pra sentir o mar!”
Mª do Carme Kruckenberg, Obra poética case completa: 1953-1999
Deixei tras de min o Castro de Castrolandín, no Concello de Cuntis, para procurar agora outra cidadela castrexa, rabuñada das terras pontevedresas, que se localiza na ladeira dun outeiro do Concello de Marín; non moi lonxe, monte arriba, dos senlleiros Petróglifos de Mogor. Moi preto de ambos localízase tamén un dos poucos menhires que aínda sobreviven neste noso húmido e verdescente país; o menhir de Currás. Marín é, coma tantos outros municipios da provincia de Pontevedra, unha alfaia de achados megalíticos, unha terra de sacros outeiros onde hoxe remanecen castros, petróglifos, necrópoles e menhires. Desta volta andaba na procura do pequeno Castro de A Subidá, localizado no Alto da Porteliña, entre as parroquias de San Xián e San Xurxo de Mogor. Ascendín paseniño o outeiro, que me conduciría dende a Escola Naval Militar de Marín até o devandito Alto da Porteliña, seguindo os claros e abondosos indicadores que existen ó longo deste treito. A medida que ía ascendendo decataríame da inmellorable panorámica que se albiscaba da vila e do porto de Marín dende este outeiro dos nosos devanceiros. Achei os muros do Castro de A Subidá unha mañá calquera, aproveitando o repentino refulxir dun sol que non acostumaba deixarse ver, neste abril de refraneiro.
O nome destoutro castro pontevedrés, “A Subidá” ou “A Sividá”, semella derivar do latín “civitatem”, en clara referencia á cidade castrexa que se establecería neste impoñente outeiro da actual vila de Marín entre os séculos IX denantes de Cristo e I ou II despois de Cristo. Os habitantes deste castro terían que construír terrazas a distintas alturas para salvar a forte pendente do outeiro denantes de erixiren os seus fogares, que ficarían arrodeados por murallas. Os vestixios que hoxe fican desenterrados destoutro outeiro pontevedrés representan tan somentes o 1% da superficie total do castro e pertencen ás primeiras fiadas dunhas estruturas que serían erixidas e habitadas entrámbolos séculos I denantes de Cristo e I despois de Cristo. Durante os traballos arqueolóxicos, levados a cabo no ano 2011, serían achados numerosos restos que nos achegan ó xeito de vivir daqueles nosos devanceiros, tan afastados de nós no tempo pero tan preto de nós no espazo.
Por unha banda serían achados numerosos restos óseos de vacas, porcos, cabalos, ovellas e cabras; o que denota que aqueles habitantes xa criaban animais para o seu autoconsumo, aínda que non se descarta que algunha das mostras atopadas pertencese tamén a pezas de caza. Por outra banda tamén serían achados pequenos e numerosos muíños de pedra de dous tipos, uns de morfoloxía circular e outros naviculares; estes últimos son os máis antigos. Estes utensilios eran imprescindibles na vida cotiá dos nosos devanceiros para realizar a moenda do cereal así como doutros moitos froitos da fraga como landras ou abelás. Tamén serían achados numerosos fragmentos de olas, cazolas e vaixelas queimadas, así como ánforas procedentes do intercambio mercantil que estes castrexos tiñan con outras civilizacións, ó igual que Neixón e outros castros costeiros. Mais destaca, entre os achados, a presenza de até cinco cuncheiros nos arredores do castro. Nas escavacións do ano 2011 sería escavado un deste cuncheiros e nel acharíanse cunchas de mexillóns, de ostras, de lapas, de ameixas e de caramuxas. Estes cuncheiros fálannos da importancia que terían estes froitos do mar, ó igual que os da fraga, na dieta dos nosos devanceiros.
Crese que as tres estruturas circulares que hoxe se poden ver tralos traballos arqueolóxicos poida que formasen parte dunha mesma unidade doméstica: unha delas serviría de vivenda, outra de almacén e unha terceira de uso descoñecido; quen sabe se pra gardalos animais. O pavimento interior das construcións sería de xabre e no exterior, de terra e de pedra. Logo de contemplar estoutro castro pontevedrés, estoutra cidá castrexa desenterrada antonte neste outeiro de Marín, lisquei do chan dos devanceiros, ou como diría Mª do Carme Kruckenberg, “Xa fuxin d-aldeia onde tiña o lar…” a estirpe primixenia dunha parte do noso ser.
Ningún comentario:
Publicar un comentario