“Estampida de equinos de mercurio
en tempo estraño de recordo abisal,
cando a poesía ten por fin
que cada cal persista na súa natureza,
cabalos, cabalos, cabalos, cabalos,
eguas como furias felices a galope,
bestas correndo núas en todas as direccións
cara á unidade onde os sexos se confunden,
eguas voadoras de vapor azul
sobre fugaces hipocampos flotantes,
primordiais cabaleiras hermafroditas
montando a cicatriz aberta en vulva
dos cabalos andróxinos,
cuadrúpedes conxugando verbos
indicibles máis alá do amor
percorrido por un cabalo preso
en quince mil eguas libres,
por milleiros de poldras e de poldros
saíndo en vórtice da cova
do clítoris piafante en plenitude
máis aló do couto,
máis alén do curro,
máis alá do castro”
Claudio Rodríguez Fer, Terra extrema de radiación amorosa
Xa facía tempo que non tiña o pracer de visitar e coñecer un de tantos castros espallados ó longo e ó ancho da provincia do Lérez. Dende aquelas inesquecíbeis viaxes nas que tiven a oportunidade de descubrir os meirandes segredos do Castro de Santa Trega, o de Troña ou o da Lanzada, que visitei este pasado verán, non volvín a percorrer os pétreos e desenterrados fogares dos nosos devanceiros por antr’estas terras pontevedresas. Desta volta quixen achegarme até a parroquia de Santa María de Cuntis, i en concreto até o lugar de Castrolandín. Estas terras fican ateigadas de xacementos arqueolóxicos, de dolmens, de castros, de petróglifos...; son terras de longa historia somerxida.
Logo de ascender o elevado outeiro onde se localiza unha das cidadelas castrexas máis recentemente estudadas i escavadas do noso país, a de Castrolandín, albiscaría dende o alto das súas murallas, como diría o gran Claudio Rodríguez Fer; “cabalos, cabalos, cabalos, cabalos” que semellaban vixiar os pequenos fogares castrexos recuperados e manter a liña a herba verdescente que medra no Chan do Castro. Comezaría a camiñar por estoutro castro pontevedrés, que tivo un período de ocupación que vai do século IX denantes de Cristo ó I despois de Cristo, marabillado pola vertixinosa paisaxe que se divisa dende este outeiro dos montes de Castrolandín, dende este amplo miradoiro natural, dende estoutro antigo fogar dos devanceiros.
Este poboado fortificado de Castrolandín, polo que parece, ten as súas orixes aló polo século IX denantes de Cristo, e por aquel entón as vivendas serían erixidas con materiais orgánicos como madeira, palla, adobes; conformando pequenas cabanas. Sería co paso das centurias cando comezarían a erixirse as primeiras construcións de pedra e de planta máis ou menos circular. Co paso do tempo chegarían os romanos, e con eles, as vivendas de planta cuadrangular. Poida que os tempos máis ledos deste castro tivesen lugar xusto antes da chegada dos romanos, aló polo século I denantes de Cristo. Por aquel entón, o castro xa posuía un importante número de habitantes, hai quen fala de máis dun cento, así como impoñentes murallas e foxos. Mais coa chagada dos romanos, o poboado iría vertendo a poboación cara os mesmos pés do outeiro, cara o que hoxe coñecemos como a vila de Cuntis.
Os motivos principais do progresivo abandono do castro serían tanto a proximidade do lugar de Cuntis co Río Gallo como o establecemento dun complexo termal coñecido na época como Terra Termarum. I este mesmo nome sería rescatado por un grupo de veciños, xa ano 2000, para crear a fundación homónima, a Fundación Terra Termarum. Esta fundación nacería dun acordo entre o Concello de Cuntis, a Asociación de Amigos dos Castros e a Comunidade de Montes de Castrolandín co obxectivo de desenterrar, estudar, protexer e pór en valor este delicado e importantísimo achado. Grazas a este grupo de veciños hoxe podemos achar un castro recuperado, debidamente coidado e sinalizado, amais de ter a oportunidade de visitar o centro de interpretación que esta fundación ten localizado no centro da vila de Cuntis e no cal se poden observar os numerosos achados de Castrolandín, como muíños de man, pezas cerámicas, teares e diverso material doméstico.
Aqueles cabalos, bestas e poldros, aquela pequena familia equina que vixiaba e coidaba deste castro de Castrolandín semellaba comezar a poñerse nerviosa coa miña presenza, sempre tan inqueda e bulideira. Decidín non seguir perturbando a paz destes animais nin a das pantasmas que aínda habitan este asentamento, e logo de percorrelas súas murallas, os seus máis de 1000 metros cadrados de xacemento escavado e a impresionante panorámica que se abre ós seus pés, despedinme destoutro castro pontevedrés, destoutro tesouro castrexo rabuñado das terras galegas, desenterrado do tempo e vixiado por “eguas como furias felices a galope, bestas correndo núas en todas as direccións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario