martes, 19 de xaneiro de 2016

O cabazo muxián de San Martiño de Ozón


“Terra atravesada por nubes, ventos, corredoiras e ríos
que multiplican os reflexos sumerxidos e rasantes,
onte sobre os millerais, hoxe sobre prados verdes.
Terra alegre e xuvenil; anterga e feminina.
Os teus ríos con seus pequenos afluentes deseñan
á flor do chau seus delicados meandros e o seu
val coma unha manta feita de retallos, definen
a corredoira do hórreo desta terra galega”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

Esta teima miña de procurar os hórreos máis grandes do chan galiciano, de sumar pares de pés e tornarratos, levaríame unha húmida tarde de sábado a internarme na cara máis gandeira e agrícola do concello coruñés de Muxía; o seu interior. Desta volta sentín a necesidade de coñecer un enorme cabazo do século XVIII que posúe 22 pares de pés, uns aproximados 27 metros de lonxitude, e que se localiza na parroquia muxiá de San Martiño de Ozón. Este é, sen lugar a dúbidas, un dos meirandes hórreos deste noso país, tralos de O Araño, que suma 37 metros de lonxitude pero que carece de pés, os 36 e medio do de Lira ou os 35 metros do de Santa Columba. Ó igual que os anteriores, este hórreo de Ozón pertenceu á Igrexa, en concreto á comunidade monástica que habitaba o Mosteiro de San Martiño de Ozón. Somentes eles podían ateigar de millo estes xigantescos cabazos. Este impresionante hórreo da Costa da Morte, ó igual que os seus veciños de Lira e de Santa Columba, presenta unha marcada tipoloxía “fisterrá” e, curiosamente, posúe o mesmo número de pés; un total de 22 pares. 


Componse dunha cámara granítica, con teitume a dúas augas cuberta de tella do país, sustentada por 44 pétreos piares e tornarratos circulares. Tratándose dun elemento que conforma a típica casa reitoral galega, sorprende a ausencia dunha crus na teitume, que remata con pináculos nos beirados. Malia ser un dos meirandes hórreos da Galiza, este cabazo muxián non ostenta nin a lonxitude nin a distinción da que gozan os anteriormente citados hórreos de Lira, Santa Columba ou O Araño. Mais as súas dimensións, os seus 27 metros de lonxitude e os seus 22 pares de pés serven pra dar boa conta do poder e da medida do control que esta comunidade monástica de Ozón exercía sobre da produción agraria. Lisquei de San Martiño de Ozón baixo da chuvia miúda, coa satisfacción de coñecer estoutro monumental cabazo e coa mente posta agora, non tanto nas diferenzas que gardan estes tres hórreos veciños da Costa da Morte senón máis ben nas coincidencias que os emparellan; neses mesmos 22 pares de pés. Neses pares de pés cos que até non fai moito se adoitaban medir este tipo de construcións. 

2 comentarios:

Patricia dixo...

É marabilloso e, por sorte, está moi ben conservado. Grazas por unha nova interesante entrada sobre a NOSA TERRA.
Unha aperta.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moi certo, Patricia. A verdade é que se conserva bastante ben i estou seguro que algún día farase xustiza con este cabazo sen tanta sona pero con moitísimo encanto. Grazas a ti por te pasares! Esta fraga é túa.