luns, 18 de xaneiro de 2016

O valdeorrés Pazo de Arnado


“Nomes da veira do Sil
de antergo e de nobre alamio:
Val de Afreixo, Val de Godo,
a Pena da Moura, o Castro,
Porto Mourisco, Baxeles,
Córgomo, Castelo, Arnado,
Outarelo, Millarouso,
Portela, Cesures, Arcos...
Nomes, nomes de Valdeorras,
¡doce e sonoroso canto!”
Florencio Delgado Gurriarán, Cantarenas

Canto máis coñezo esta nosa fraga inmensa chamada Galiza máis me sorprende e fascina, máis a comprendo e admiro; máis galego me sinto. Non fai moito que decidín perderme por uns días nas avermelladas terras de Valdeorras, por antr’as ribeiras dun Sil sereno que nutre cepas herdadas d’outrora. Durante a miña curta estadía nesta histórica e fermosa comarca ourensá, que abrangue os concellos de A Rúa, O Bolo, Petín, Larouco, Rubiá, A Veiga, O Barco, Carballeda e Vilamartín de Valdeorras, descubriría recunchos máxicos e de infinda beleza que me amosarían a faciana máis histórica e lendaria desta antiga terra de Gigurros e Calubrigensis. Achegueime ó leito do Sil no Concello de Vilamartín de Valdeorras e acompañei o seu curso até a parroquia de San Clemente de Arnado para tratar de achar un impresionante pazo con aires de fortaleza coñecido por Torre Penelas ou Pazo de Arnado. “Nomes, nomes de Valdeorras, ¡doce e sonoroso canto!”.


Atopei Arnado, coma tantas outras aldeas valdeorresas, arrodeada de escuras e centenarias cepas que emerxían da terra, vermella e seca, coma robustas e garridas extremidades. Nas súas estreitas rúas respirábase paz e tranquilidade. Atravesei o lugar tratando de pasar desapercibido e non tardaría en atopar o pazo procurado, que se localiza nun dos extremos da aldea e á beira mesma do Río Sil. 

Fiquei francamente abraiado e até un chisco arrepiado ante aquel impoñente edificio gris e tenebroso, asolagado polo tempo e polas hedras, que carecía de portas e ventás tralas que agochar a escuridade da ruína e as pantasmas dun pasado recente. Esta Torre Penelas é unha propiedade privada e non están permitidas as visitas ó seu interior; hoxe baleiro, escuro e ruinoso. Atravesei o edificio polo pasadizo en bóveda de canón que se abre baixo os seus pés, un dos dous accesos á aldea, para contemplar as cada cal máis soberbias faces desta Torre Penelas, deste lúgubre e fachendoso pazo. 

Este impoñente pazo ameado, de planta rectangular i erixido en cachotería de negra lousa valdeorresa, foi mandado construír por Pedro Sanxurxo a comezos do século XIX, aproveitando a estrutura do edificio dun antigo mosteiro da Orde de Santiago. O edificio consta de dúas torres nos extremos, as de meirandes dimensións, e unha terceira máis pequena ós seus pés; coroadas todas elas por ameas pentagonais con baleiros en forma de cruz. O corpo central deste pazo fachendoso ten dous andares e fica cuberto por unha lousada teitume a dúas augas. Este pazo posúe ademais unha capela que imita ó románico e que, curiosamente, atesoura dúas portas. Unha desas portas dá acceso ós veciños dende o exterior e a outra daría acceso ós señores do pazo dende o interior, de non ser porque esta Torre Penelas, este monumental pazo de Arnado, nunca chegou a rematarse. 


A curta pero curiosa historia deste pazo valdeorrés lembroume, inevitablemente, á visita que fixera ó Sanatorio de tuberculosos do Paraxón, no concello coruñés de Cesuras. Ámbolos dous edificios serían proxectados e practicamente executados pero nunca chegarían a rematarse nin a abrir as súas portas. Ámbolos dous semellaban agochar tamén, nas súas entrañas, unha mesma mestura de baleiro, escuridade, silencio e ruína; unha aura eterna de infortunio. 

Ningún comentario: