sábado, 23 de xaneiro de 2016

A Torre de Vilanova dos Infantes


“A caron d' este castelo
Agarimadiñas todas,
Ou pol-a veiga ceibadas
Como bandada de pombas,
As retelladas troneiras
Abertas ó sol q' as doura,
Alcóntrans' as brancas casas
D'a vila de Vilanova.
Vilanova d'os Infantes
É vila de grande sona:
N' hay zapateiros n'o mundo
Que batan millol-a sola;
Non se cocen en ningures
Petadas qu' aquí non cozan,
E d' aquí sán pr' os teares
As millores mazarocas.
Aquí está a gracia d' os homes
Y-a fror y-a nata d' as mozas”
Manuel Curros Enriquez, Aires d’a miña terra

Dende fai algún tempo sentín un especial interese por coñecer as abondosas torres que resisten firmes as batallas d’outrora e que cargan co peso da súa propia historia; unhas atalaias graníticas que seguen a ser as meirandes protagonistas dos dourados horizontes da cálida provincia ourensá. Logo de ter o privilexio de coñecer a Torre de Sande, a da Pena, a de Sandiás, a de Viana ou a da Forxa, xunto coas que aínda resisten nas fortalezas de Castro Caldelas ou Monterrei, sentín a necesidade de visitar tamén a que se erixe na pequena e medieval Vilanova dos Infantes, en Terras de Celanova.  Esta “vila de grande sona” ourensá, historicamente ligada ó Mosteiro de Celanova, atesoura unha impoñente torre medieval duns aproximados 20 metros de altura que se localiza, arrodeada de fogares e canastros, no centro e no alto de Vilanova dos Infantes. 


A Torre de Vilanova é o único que queda da antiga fortaleza erixida durante o século X polo Conde Gutierre Menéndez, o pai de San Rosendo, abade e fundador do Mosteiro de Celanova. Aquela vella fortaleza, ó igual que a vila, pertencería ó Mosteiro de San Salvador de Celanova até o 1369, ano no que Enrique II lle arrebataría a fortaleza a Fernando de Castro para dárllela a Juan Rodríguez de Biedma, pasando así á Casa de Monterrei e a preitear cos poderosísimos Condes de Lemos. No ano 1645, a fortaleza sería reforzada ante os posibles enfrontamentos cos portugueses, mais por sorte aquelas tropas nunca darían chegado até Vilanova. No ano 1467, nembargantes, a sorte trocaría e sería derrubada polos Irmandiños para logo ser reconstruída novamente. Malia todo, a torre non sufriría grandes danos porque dende a Desamortización de Mendizábal até o ano 1927, albergou as dependencias do Concello de Vilanova, ata ese mesmo ano independente de Celanova


Nos nosos días, esta torre que se presenta perfectamente restaurada e íntegra, acolle o Centro Comarcal das Terras de Celanova e un interesante museo sobre da cultura castrexa. Nas estreitas i empedradas rúas de Vilanova aínda semellan escoitarse ecos rumorosos que parecen exhumar o segredo do sobrenome desta pequena e histórica vila. Algúns murmuran que eiquí tivo lugar un nacemento de 11 cativos dun só parto, de aí o apelativo de “os infantes”. Outras voces rumorosas semellan lembrar unha Vilanova de “infantas”: Santa Ilduara e Adosinda, a nai e a irmá de San Rosendo, así como outras doncelas de sangue real. Esta vila i esta torre, estas vivendas i estes canastros, este importantísimo legado histórico, artístico i etnográfico posúe agora un silencio e unha paz noutros tempos denantes maxinados. Todo semella xa de sobra batallado nesta nobre vila de infantes, neste pequeno bastión das Terras de Celanova, neste inspirador recanto de poetas onde reside “a gracia d' os homes, y-a fror y-a nata d' as mozas”.

1 comentario:

delouredo dixo...

É un pobo bonito, ca súa romería etnográfica o día das letras galegas, que enchen o lugar de algarabía e xentes de diversas procedencias. Un día onde se recordan labouras antigas e se traen novidades culturais.

A torre pode visitarse e a encargada dache una volta por Vilanova, todo por asequibles precios. Lástima dunha renovación de contidos no interior e posta ó día (por exemplo, dos aparatos de televisión). Do resto, un encanto de pedra que loce fermosa as tatuaxes dos canteiros na súa pétrea pel.