sábado, 12 de marzo de 2016

Os testemuños esquecidos de Camanzo


“E non de coraxe cego
Repoñas ó qu' aquí digo,
Que ántes de ter un contigo
Tiven un fillo d' achego,
D' un crego foy; non-o nego.
Mais s' ouíras os sermós
D'o abade de Zarracós,
Pasárasm' estas loucuras,
Pois sólo as amas d'os curas
Estan en gracia de Dios
Manuel Curros Enríquez, Aires d’a miña terra

Pouco despois de determe a contemplar o impresionante leito do Río Ulla dende o alto da fronteiriza Ponte Ledesma, e de percorrer a través dela, dúas parroquias, dous concellos e dúas provincias, decidín achegarme até o pouco que queda do desaparecido San Salvador de Camanzo, un mosteiro beneditino que se localizaba sobre das ribeiras do Ulla e moi preto do Gres; da parroquia natal do excelso escritor e poeta Xosé Neira Vilas. Nunca denantes escoitara falar deste mosteiro da Comarca do Deza, mais de camiño á Ponte Ledesma tiven oportunidade de albiscar a súa presenza dende a estrada así como numerosos carteis que semellaban indicar o camiño para chegar ata el. Sen apenas dubidalo, collería rumbo á parroquia de Camanzo, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, para tratar de coñecer a historia que agocha estoutro mosteiro galego agora desaparecido e testemuñado somentes pola súa Igrexa de San Salvador e por tres vellas arcadas da sala capitular. San Salvador de Camanzo foi un mosteiro beneditino fundado no século X polos Condes do Deza, Don Gonzalo Betotiz e a súa muller Dona Tareixa, os mesmos que fundarían por aqueles tempos o veciño Mosteiro de San Lourenzo do Carboeiro aló polos vales de Trasdeza.  


O Mosteiro de Camanzo sería erixido sobre dunha ermida en honor a San Martiño. Nun principio albergaría unha comunidade de monxes beneditinos e logo pasaría a ser un mosteiro de monxas da mesma orde procedentes dos mosteiros clausurados de Piloño e Brandariz. No ano 1115, o mosteiro pasaría a formar parte da Igrexa Compostelá por doazón de Dona Urraca, ó igual que Merza, Dornelas, San Pedro de Orazo, Santa Maria e San Salvador de Riobó, San Miguel de Castro e Santa Baia de Cira. Poucos anos despois, o Arcebispo Xelmírez faría importantes doazóns ó mosteiro logo de que os monxes beneditinos coidasen del cando se atopaba confinado no Castelo de Cira. Aló polo ano 1516, o Mosteiro de Camanzo, xa albergado por monxas beneditinas, sería incorporado ó mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares logo das boas relacións mantidas entrámbolos dous cenobios e logo de que as monxas de Camanzo acollesen ás de San Paio nas épocas de peste e de invasións. Por aquel entón o veciño Mosteiro de Carboeiro tamén pasaría a formar parte dun mosteiro compostelán; neste caso do de San Martiño Pinario. A causa da crise de Camanzo respondería á conflitiva situación que vivirían moitos mosteiros galegos a finais do século XV, en boa parte pola opresión dos poderosos. No caso de Camanzo, serían os poderosísimos Condes de Altamira os que perturbarían a súa paz. Esta situación fixo dexenerar e até clausurar a vida monástica de moitos cenobios galegos.


A igrexa monacal do xa desaparecido Mosteiro de Camanzo foi construída no ano 1166, nos tempos de meirande esplendor do mosteiro. Este santuario en honor a San Salvador presenta unha planta basilical con tres ábsidas, de planta semicircular por fóra e de ferradura no interior, e tres naves divididas por piares con columnas acaroadas que soportan uns arcos formeiros e semicirculares. Os chapiteis, románicos, locen todo tipo de motivos florais e xeométricos. Boa parte da bóveda do presbiterio conserva pinturas do século XVI e pertencentes á escola compostelá que serían descubertas logo de ficaren agochadas durante décadas tralos retablos deste templo monacal. A fachada da igrexa, que debido ás diferentes reformas acometidas ó longo da súa historia perdería os rosetóns orixinais, conserva aínda a porta principal de dobre arquivolta semicircular engalanada con diferentes imaxes anxelicais entre as que sobresae a figura do San Salvador. A torre do campanario, de planta cuadrangular e coroada por catro pequenos arcos de medio punto a través dos cales emerxen os sons graves e vibratorios da campá, fica cuberta por unha teitume a catro augas recuberta de tella do país. Lisquei de Camanzo, do pouco que queda destoutro esquecido mosteiro galego co inesperado badalear da súa campá, cun monótono toque de morte, co derradeiro redobre dos que foxen para non voltar.   

sábado, 5 de marzo de 2016

A Torre de Xunqueiras e os estíos de Valle-Inclán


“Para soñarte e para ter comigo
o sinal do teu mastro,
necesitaba o mar,
profecía da túa caracola.

Co cabelo estendido pola color do aire
despois de te buscar nas flores da cabaza,
nos trigais e no río,
procureite na area
e debuxeite.

Arrombada na escuma,
baixo o motete azul co que oficiaban
litúrxicas gaivotas,
argallaba castelos de atalaias ergueitas
e acariciaba as torres de area húmida
como lilas molladas,
como dedos”
Helena Villar Janeiro, Festa do corpo

Levaba tempo escoitando falar dunha antiga fortaleza coñecida nos nosos días como a Torre e Pazo de Xunqueiras, localizada no concello coruñés da Pobra do Caramiñal. O pouco que coñecía dela, amais de deducir polo seu nome que se localizaría no lugar de Xunqueiras, era que estaba estreitamente ligada á figura de Ramón María del Valle-Inclán. Decidinme a viaxar até estoutra fortaleza reconvertida en pazo e declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1981, ca fin de coñecer un chisco da historia que agochan os seus muros e corroborar os lazos que a unen a este ilustre poeta, novelista e dramaturgo arousán. Interneime paseniño por un camiño franqueado por dúas ringleiras de plátanos orientais e tralo cal comezaría a albiscar a garrida silueta da Torre de Xunqueiras. 


Denantes de entrar no recinto da Torre e Pazo de Xunqueiras, acharía á miña esquerda un cartel metálico que rezaba o seguinte: “A Torre de Xunqueiras é o solar dos devanceiros de Don Ramón. Logo, baixo o Señorío de Don Eduardo Gasset y Chinchilla, novo propietario, foron famosas as tertulias estivais (1917-1925) cuxo principal animador era Valle-Inclán. A memoria deste pazo e xardíns, así como o de Brandeso, en Arzúa, tamén dos Gasset e Neira, transitan a obra de Don Ramón”. Nada máis internarme nos afrancesados xardíns do Pazo de Xunqueiras acharía ante min a súa impoñente torre baixo das ramaxes das árbores. A historia desta antiga fortaleza comezaría aló polo século XIII cando Fernán Martín de Xunqueiras ordena a súa construción neste recuncho da Pobra do Caramiñal. Daquel primitivo castelo somentes se conserva a  Torre da Homenaxe, posto que a fortaleza sería reducida a ruínas durante as Revoltas Irmandiñas. 


A reconstrución da fortaleza non se faría agardar e viría da man de Estevo de Xunqueiras, que recibiría este Señorío do Caramiñal dos Reis Católicos en sinal de gratitude pola súa participación na conquista de Granada. Os seus descendentes, os señores Ares Pardo das Mariñas e Gómez Pérez das Mariñas, seguirían realizando diversas reformas e remodelacións que transformarían a fortaleza nun pazo acorde coas súas necesidades. A mediados do século XIX, o pazo mudaría de donos e pasaría a mans da Casa de Medinacelli por entronques familiares, mais a finais dese mesmo século sería vendido ó político Eduardo Gasset y Chinchilla, tío do filósofo i ensaísta José Ortega y Gasset.  Nos nosos días, este pazo i esta torre seguen a pertencer a esta liñaxe. Actualmente, o edificio adoita albergar diferentes eventos e mesmo se poden alugar as súas dependencias e habitacións.  


A vinculación desta Torre de Xunqueiras coa figura de Ramón María del Valle-Inclán respondía ás boas relacións que mantiveron este dramaturgo arousán e o por aquel entón propietario do pazo, Eduardo Gasset y Chinchilla. E tal e como puiden ler tamén no cartel da entrada ó recinto, esta torre i este pazo deberon ser un plácido espazo para as conversas entre estes dous amigos. Algúns estudosos da obra de Valle-Inclán semellan ver neste pazo o escenario da súa "Sonata de Otoño", e nun fillo do seu amigo Eduardo Gasset y Chinchilla, o papel protagonista da obra. Detívenme baixo da impoñente Torre da Homenaxe de Xunqueiras denantes de marchar. Esta é a construción máis antiga que conserva o actual edificio, a única que resiste íntegra dende a súa orixe, testemuñando batallas esquecidas, cicatrizando a xenreira dos máis probes e humildes. Marchei cos derradeiros raios do solpor recreando aquelas batallas irmandiñas, aqueles entronques familiares e aquelas plácidas conversas dos estíos de Valle-Inclán. 

xoves, 3 de marzo de 2016

Os ollos de Compostela


“percorres
toda unha luz máis adentro da cortiza abismada e brutal
cos ollos abertos e rotativos
acuáticos de lágrima
moi lonxe dos escuros recantos da sombra

e caen
pálpebras
como pragos que foron chuvia de traschuvia
no punto preciso do camiño
no que abranguer un tenro volume de corpo

ou ollada afundida na brétema 

ou ollar o mar con ritmo de nautilus 
cántos milleiros de ovellas de luz
de lume branco lacrimóxeno
ou flores de ruido fluvial

caberán no teu sono de ollos abertos
como feridas?

cánto acontecer de espada-navalla-lóstrego
profundidade de memoria
asobío en ritmo do alonxamento inicial que se esparexe
serán os teus ollos
esquecendo abrirse
no alto poder de alumear?”
Enma Pedreira, Corpo

Hai unha morea de almas petrificadas que vixían cada día e cada noite, dende os máis históricos e monumentais edificios, a encrucillada de rúas graníticas que conforman a vella capital, o pétreo e frío corazón do matriarcado. Hai ollos de pedra e metal que semellan encarnaren aínda, baixo da súa garrida coiraza de liques dourados e cincentas, baixo da enferruxada e verdescente coira do bronce; o esprito dos seres que aínda continúan a representar. Hai centos de ollos que nos vixían, que observan os nosos pasos, que nos perseguen coas súas miradas. Hai un cento de olladas que calan dores e sufrimentos, que gardan segredos e momentos, sentinelas mudos que se mofan dos máis bébedos estudantes e asexan ós máis ardentes namorados. Hai unha Compostela de almas que finaron e se resisten a desaparecer. Hai unha Compostela doutras, tamén, que somentes ficarían vivas no maxín dos seus creadores. Hai unha comunidade de almas que se perden en cada recuncho da cidade, ollos que adoitan bagoar cando as chuvias cobren de tristura as históricas rúas de Compostela


Estas faces, que se agochan trala monótona rutina do cotián e semellan ignoradas polas xentes que habitan esta cidade fría e monumental, espállanse por cada un dos moitos rueiros que conflúen arredor do sacro eixo catedralicio. A meirande parte destas faces, noutrora vívidas almas recoñecidas da cidade, noutrora ilustres mestres, doutores, poetas, cregos, abades, reis, apóstolos, escritores e artistas; estarían dalgún xeito vencellados a Santiago ou levarían a Compostela no corazón. Estas facianas, que ás veces somentes ficaron vivas nas destras mans dos seus creadores ou na mente dos seus mecenas, vixían cada noite o deambular das xentes no Obradoiro, nas Praterías, en Cervantes, na Quintana ou na Acibechería. Tamén os hai na Rúa Nova e no Vilar, no Preguntoiro, en Mazarelos, no Franco ou na Alameda; baixo dos arcos e sobre das bóvedas, nos alicerces, nas fontes e nas prazas, nos mosteiros e nas capeliñas, en cada unha das caras da vella catedral. 


Un cento de almas petrificadas e mudas, un cento de ollos sombrizos e cavorcos, un cento de obras mestras contemplativas lémbrannos a historia labrada nesta cidade, as mestras mans dos máis anónimos canteiros que fixeron de Compostela un monumental museo á intemperie, unha fin espiritual procurada por milleiros de fieis e peregrinos chegados dende tódalas partes do planeta, a sacra e reivindicativa capital dos nosos días; o celme i o corazón do noso país. Mais nós, os que habitamos aínda esta cidade de estudantes, funcionarios, políticos, artistas, anciáns e peregrinos, os que obviamos a beleza e a maxia que se conxuga nesta sacra capital, os que transitamos a mesma rutina de chuvias e xeadas sen cruzarmos nin tan sequera unha ollada; perdémolo costume de ollármonolos ollos entre nós como para reparar aínda nos ollos de Compostela.