mércores, 14 de xaneiro de 2009

O tempo non esquece a Santa Trega


"¡Ou arpas do Druída ¡despertade!
¡Erguévos d' entre as cinzas dos meus castros!
Vinde a cantar un trunfo á nosa edade
Dos meus pórfidos dino, e os meus labastros!"

Francisco María de la Iglesia

Nas fronteirizas terras do Rosal, o pai Miño mestura as súas finadas e doces augas co paso das ensalitradas mareas da bravía costa atlántica. Dende o Monte de Santa Trega, na mariñeira vila da Guarda, albiscamos a desembocadura do noso máis senlleiro río e ollamos as ribeiras do país veciño, adurmiñadas nesta fronteiriza morte, que dende antano nos mestura e nos distancia. Quizais a morte do Río Miño enfeitizou aos antergos donos desta terra, os habitantes do castro de Santa Trega, quizais a maxia e a fermosura do lugar, os seus recursos ou mesmo as tan descoñecidas como misteriosas enerxías telúricas que tanto coñecían os nosos antepasados. Os muros de pedras e barro seguen en pé, loitando contra a adversidade do tempo e os acoitelantes amenceres que tinguen de sangue o Atlántico, namentres o vento asubía nas cicatrices que esculpen os petróglifos da Idade do Bronce (do 1900 ó 700 denantes de Cristo), desafiando por sempre o milenario paso do tempo.


Santa Trega móstranos o vello camiño da súa historia, no extremo máis sudoccidental da xeografía galega, onde o tempo non esqueceu o seu legado. A uns 340 metros de altitude sobre do nivel do mar, érguese o Pico de San Francisco e a súa ermida, na atalaia dende a cal ollamos a alborada e os abrentes que os nosos antergos máis dun día tamén ollaron. Ficariamos pampos albiscando a morte do noso pai Miño logo de atravesar a matria, logo de nacer nas terras da Pastoriza e de recoller as augas do Sil, logo de espallar riqueza e fermosura ó seu paso pola Ribeira Sacra, logo de apagar a sede das cepas do Ribeiro, logo de servir de fronteira co veciño Portugal.


Que fermosa e mítica paraxe, que lugar máis farturento de historia, que museu tan real e didáctico! Que o imparable paso do tempo nunca esqueza a milenaria historia de Santa Trega, nin as súas alboradas, nin os seus atlánticos abrentes!

mércores, 7 de xaneiro de 2009

Luces da Langosteira, Fisterra


"FISTERRA ten nos beizos unha estrela,
un suspiro cara ós mares:
a xanela
a un pórtico azul de ollos terra,
a unha lus adormiñada sen litixios
e sen tebras.
Concédeme, Fisterra, unha ollada,
ó milagre do dourado berro eterno
da beleza.
Concédeme a dozura do suspiro,
que amamanta de ilusións
calquera espera.
Porque logo ven o cálido desterro
da amargura das cidades
e as fronteiras,
e aparece o caleidoscópico aquelarre
de lus e son,
de vida eterna.
E somos nós os que xeramos na alma vida
no infindo ollar á fermosura
de Fisterra,
e ó palpar cos beizos nosos doce area
recordamos a feitura
máis fermosa… ...da beleza"

Xoán S. Pazos, Luces da Langosteira

Comeza un novo ano e ábrense novos camiños onde deleitarnos nos encantos e fermosura cos que sempre nos agasalla a nosa morriñenta e sufrida terra. Este ano comezo actualizando coa praia que serve de vieiro para achegarnos ao Finis Terrae e lugar idóneo onde ollar os penedos do Monte Facho, coa súa similitude a dous peitos femininos e como lembranza da lexendaria “Senda do Erotismo”. A Praia da Langosteira é unha paraxe duns tres quilómetros de lonxitude, que comeza en Calcoba e remata na Crus de Baixar, un cruceiro na entrada e saída de Fisterra. Moitos son os camiñantes que observan estes peitos de camiño á vila. Esta praia mestura area e mar da ría, e testemuña os abrentes máis fermosos da Fin da Terra. As súas augas son sosegadas, ao contrario que as praias que quedan ao outro lado de Fisterra, onde o mar é o eterno loitador e moitas veces despiadado asasino de mariñeiros, percebeiros ou mesmo peregrinos. A Langosteira é o refuxio e fogar do Longueirón de Fisterra, recentemente declarado producto con selo de Galicia Calidade. É tamén fogar de boa ameixa e dos mellores mariscos da Costa da Morte. Este pasado Nadal, e de volta á rutina vital herculina, fiquei ollando as sempre discretas Luces da Langosteira. Este, no meu caso, é o primeiro vieiro por percorrer para comezar un novo ano de andaina polo País Galego. Afectuosos saúdos a todos, e que o ano que deu comezo veña cargado de recordos, poesía, fotos, música e anecdotas…, e iso si, moito camiño por percorrer.

domingo, 28 de decembro de 2008

Antre os sendeiros das Fragas do Eume


"A fraga ensimesmada de nuves.
A luz baixa e grave.
Afondador o Eume
por amor de Ti á terra.
Algo en ti abre-se a Coñecimento
criador do inexistente e todo é
azaleia e atardecer"
Cesáreo Sánchez


O xa vello ano 2008 comeza a finar, namentres nos sendeiros e pontes que acompañan o curso do Eume, o musgo e os liques enferruñan as pedras i enfeitizan os camiños que nos conducen ao Mosteiro de Caaveiro. Semella que antr'este paraíso, declarado Parque Natural no ano 1997, a nai natura amósanos a esplendorosa riqueza ecolóxica e ensínanos a pequena ollada da sempre máxica e feiticeira Galiza. A bo seguro que namentres nas cidades e nas vilas os veciños fican nos fogares gozando cos festexos, nas fértiles ribeiras do río Eume, a natureza enxendra vida i estende as súas fronteiras. Londras, xabaríns, píntegas, troitas, fentos, carballos, bidueiros e castiñeiros, entre outras moitas especies, conforman a riqueza natural deste río e das súas ribeiras. A fin deste camiño a carón do Eume intúese cando pisamos as pedras do antergo chan do Mosteiro de San Xoán de Caaveiro; espello do Medievo e fogar de antigos anacoretas. No ano 1975 foi declarado Monumento Histórico-Artístico. Aló polo 1800, os monxes fuxiron como a esquiva auga que conforma este privilexiado espazo, e semella que só a propia man da natureza protexeu ao longo do tempo os muros que conforman este misterioso e abandonado mosteiro. O tempo, a auga e os fentos foron conformando este espazo onde camiñar é unha garantía de sosego, paz e admiración natural. As especies que conforman a paisaxe deste harmonioso lugar seguirán creando vida, e as súas sosegadas e coloridas augas, fertilizarán estas ribeiras. Os bufos seguirán sendo os centinelas das fragas; os reos e troitas, os donos das súas augas, e os áxiles raposos seguirán a ollar de esguello ós intrépidos visitantes que, coma nós, ousan adentrarse nos misteriosos camiños que nos amosa esta fraga. Que as fértiles ribeiras do Eume sigan a portar a sempre valiosa semente da vida, como ata o de agora e ao longo dos séculos.