domingo, 13 de marzo de 2016

A vilanovesa Torre de Cálago


“Y o lixeiro campanario
Cuberto d'herbas e musgo,
D'a devesa, c'o cruceiro
Eran cintinelas mudos”
Rosalía de Castro, Follas Novas

Fai un tempo decidín escapar da sempre fría e húmida Compostela para refuxiarme nas cálidas terras do Salnés, nun de tantos recunchos belidos desta paradisíaca comarca pontevedresa. Desta volta sentiría a necesidade de coñecer un dos recunchos máis históricos, e á vez descoñecidos, de Vilanova de Arousa, a terra natal do excelso dramaturgo, poeta e novelista, Ramón María del Valle-Inclán. Andaba na procura do meirande símbolo desta fermosísima vila, da pétrea silueta dun vello baluarte que segue a exercer de protagonista no escudo desta vila arousá. Andaba na procura da torre do vello campanario de Cálago, o derradeiro vestixio do desaparecido mosteiro fundado por San Frutuoso de Braga aló polo século VII. Interneime na parroquia de San Cibrán, no centro mesmo de Vilanova, e ó pouco albiscaría dende a estrada a silueta da Torre do Cálago a carón dun cruceiro e trala sombra dunha fileira de edificios. 


A torre ou campanario de Cálago, erixido posiblemente durante o século XII, é o único vestixio que testemuña aínda a presenza do desaparecido Mosteiro de Cálago, como dicía, fundado por San Frutuoso durante o século VII. Este mosteiro sería de vital importancia para Vilanova, nin máis nin menos que o eixo arredor do cal se orixinaría esta vila. O Mosteiro do Cálago, amais de ser un templo da fe e contribuír á expansión do cristianismo por estas terras da contorna de Santiago, tería a misión de defender os tesouros de Compostela das posibles incursións de tropas normandas e viquingas na Ría de Arousa así como de resgardar unha terra de grande importancia económica, dado que nesta ría non somentes se explotaban os máis elementais produtos mariños senón que tamén se producía sal; de aí que esta comarca se lle coñeza co nome de Salnés. Este mosteiro era, polo tanto, outra pétrea atalaia, outra torre de vixilancia sobre da Ría de Arousa na que, ó igual que nas veciñas Torres do Oeste, na da Lanzada ou na de San Sadurniño, se prendían fachos ou fogueiras cando albiscaban tropas piratas achegándose á costa. 


No  ano 844 levaríase a cabo o primeiro asalto dos Normandos á Ría de Arousa, que arrasaría a meirande parte das poboacións da contorna, entre elas tamén estaría Cálago. No ano 997 estas terras serían de novo atacadas, desta volta por Almanzor cando se dirixía camiño de Santiago, arrasando os pobos e os templos relixiosos que ía atopando ó seu paso; entre eles tamén estaría Cálago. O certo é que tralo abandono dos monxes e logo destes acontecementos, o tempo somentes deixaría con vida, ou mellor dito, ao descuberto; a torre daquel antigo mosteiro, a súa espadana, o seu vello campanario. Esta torre do campanario, formada por unha base trapezoidal de sillares graníticos sobre da que se asenta unha espadana con dous arcos de medio punto apoiados sobre de tres pilastras, conserva aínda algún que outro chanzo de acceso á espadana. Tras desta Torre do Cálago, tras deste vello campanario, hai un longo regueiro de asaltos e batallas. 


Despedinme desta fermosa e simbólica Torre de Cálago, deste Campanario Vello de Vilanova “cuberto d'herbas e musgo”, maxinando como sería nos seus mellores tempos aquela atalaia que estaba a deixar tras de min, aquela torre, aquela espadana, aquel campanario, aquel facho. Maxinando o refulxir daquela luz, o son daquelas badaladas, o baleiro daqueles pequenos arcos; “cintinelas mudos” dun tempo que xa non lembra ninguén. 

Ningún comentario: