sábado, 5 de marzo de 2016

A Torre de Xunqueiras e os estíos de Valle-Inclán


“Para soñarte e para ter comigo
o sinal do teu mastro,
necesitaba o mar,
profecía da túa caracola.

Co cabelo estendido pola color do aire
despois de te buscar nas flores da cabaza,
nos trigais e no río,
procureite na area
e debuxeite.

Arrombada na escuma,
baixo o motete azul co que oficiaban
litúrxicas gaivotas,
argallaba castelos de atalaias ergueitas
e acariciaba as torres de area húmida
como lilas molladas,
como dedos”
Helena Villar Janeiro, Festa do corpo

Levaba tempo escoitando falar dunha antiga fortaleza coñecida nos nosos días como a Torre e Pazo de Xunqueiras, localizada no concello coruñés da Pobra do Caramiñal. O pouco que coñecía dela, amais de deducir polo seu nome que se localizaría no lugar de Xunqueiras, era que estaba estreitamente ligada á figura de Ramón María del Valle-Inclán. Decidinme a viaxar até estoutra fortaleza reconvertida en pazo e declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1981, ca fin de coñecer un chisco da historia que agochan os seus muros e corroborar os lazos que a unen a este ilustre poeta, novelista e dramaturgo arousán. Interneime paseniño por un camiño franqueado por dúas ringleiras de plátanos orientais e tralo cal comezaría a albiscar a garrida silueta da Torre de Xunqueiras. 


Denantes de entrar no recinto da Torre e Pazo de Xunqueiras, acharía á miña esquerda un cartel metálico que rezaba o seguinte: “A Torre de Xunqueiras é o solar dos devanceiros de Don Ramón. Logo, baixo o Señorío de Don Eduardo Gasset y Chinchilla, novo propietario, foron famosas as tertulias estivais (1917-1925) cuxo principal animador era Valle-Inclán. A memoria deste pazo e xardíns, así como o de Brandeso, en Arzúa, tamén dos Gasset e Neira, transitan a obra de Don Ramón”. Nada máis internarme nos afrancesados xardíns do Pazo de Xunqueiras acharía ante min a súa impoñente torre baixo das ramaxes das árbores. A historia desta antiga fortaleza comezaría aló polo século XIII cando Fernán Martín de Xunqueiras ordena a súa construción neste recuncho da Pobra do Caramiñal. Daquel primitivo castelo somentes se conserva a  Torre da Homenaxe, posto que a fortaleza sería reducida a ruínas durante as Revoltas Irmandiñas. 


A reconstrución da fortaleza non se faría agardar e viría da man de Estevo de Xunqueiras, que recibiría este Señorío do Caramiñal dos Reis Católicos en sinal de gratitude pola súa participación na conquista de Granada. Os seus descendentes, os señores Ares Pardo das Mariñas e Gómez Pérez das Mariñas, seguirían realizando diversas reformas e remodelacións que transformarían a fortaleza nun pazo acorde coas súas necesidades. A mediados do século XIX, o pazo mudaría de donos e pasaría a mans da Casa de Medinacelli por entronques familiares, mais a finais dese mesmo século sería vendido ó político Eduardo Gasset y Chinchilla, tío do filósofo i ensaísta José Ortega y Gasset.  Nos nosos días, este pazo i esta torre seguen a pertencer a esta liñaxe. Actualmente, o edificio adoita albergar diferentes eventos e mesmo se poden alugar as súas dependencias e habitacións.  


A vinculación desta Torre de Xunqueiras coa figura de Ramón María del Valle-Inclán respondía ás boas relacións que mantiveron este dramaturgo arousán e o por aquel entón propietario do pazo, Eduardo Gasset y Chinchilla. E tal e como puiden ler tamén no cartel da entrada ó recinto, esta torre i este pazo deberon ser un plácido espazo para as conversas entre estes dous amigos. Algúns estudosos da obra de Valle-Inclán semellan ver neste pazo o escenario da súa "Sonata de Otoño", e nun fillo do seu amigo Eduardo Gasset y Chinchilla, o papel protagonista da obra. Detívenme baixo da impoñente Torre da Homenaxe de Xunqueiras denantes de marchar. Esta é a construción máis antiga que conserva o actual edificio, a única que resiste íntegra dende a súa orixe, testemuñando batallas esquecidas, cicatrizando a xenreira dos máis probes e humildes. Marchei cos derradeiros raios do solpor recreando aquelas batallas irmandiñas, aqueles entronques familiares e aquelas plácidas conversas dos estíos de Valle-Inclán. 

Ningún comentario: