sábado, 12 de marzo de 2016

Os testemuños esquecidos de Camanzo


“E non de coraxe cego
Repoñas ó qu' aquí digo,
Que ántes de ter un contigo
Tiven un fillo d' achego,
D' un crego foy; non-o nego.
Mais s' ouíras os sermós
D'o abade de Zarracós,
Pasárasm' estas loucuras,
Pois sólo as amas d'os curas
Estan en gracia de Dios
Manuel Curros Enríquez, Aires d’a miña terra

Pouco despois de determe a contemplar o impresionante leito do Río Ulla dende o alto da fronteiriza Ponte Ledesma, e de percorrer a través dela, dúas parroquias, dous concellos e dúas provincias, decidín achegarme até o pouco que queda do desaparecido San Salvador de Camanzo, un mosteiro beneditino que se localizaba sobre das ribeiras do Ulla e moi preto do Gres; da parroquia natal do excelso escritor e poeta Xosé Neira Vilas. Nunca denantes escoitara falar deste mosteiro da Comarca do Deza, mais de camiño á Ponte Ledesma tiven oportunidade de albiscar a súa presenza dende a estrada así como numerosos carteis que semellaban indicar o camiño para chegar ata el. Sen apenas dubidalo, collería rumbo á parroquia de Camanzo, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, para tratar de coñecer a historia que agocha estoutro mosteiro galego agora desaparecido e testemuñado somentes pola súa Igrexa de San Salvador e por tres vellas arcadas da sala capitular. San Salvador de Camanzo foi un mosteiro beneditino fundado no século X polos Condes do Deza, Don Gonzalo Betotiz e a súa muller Dona Tareixa, os mesmos que fundarían por aqueles tempos o veciño Mosteiro de San Lourenzo do Carboeiro aló polos vales de Trasdeza.  


O Mosteiro de Camanzo sería erixido sobre dunha ermida en honor a San Martiño. Nun principio albergaría unha comunidade de monxes beneditinos e logo pasaría a ser un mosteiro de monxas da mesma orde procedentes dos mosteiros clausurados de Piloño e Brandariz. No ano 1115, o mosteiro pasaría a formar parte da Igrexa Compostelá por doazón de Dona Urraca, ó igual que Merza, Dornelas, San Pedro de Orazo, Santa Maria e San Salvador de Riobó, San Miguel de Castro e Santa Baia de Cira. Poucos anos despois, o Arcebispo Xelmírez faría importantes doazóns ó mosteiro logo de que os monxes beneditinos coidasen del cando se atopaba confinado no Castelo de Cira. Aló polo ano 1516, o Mosteiro de Camanzo, xa albergado por monxas beneditinas, sería incorporado ó mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares logo das boas relacións mantidas entrámbolos dous cenobios e logo de que as monxas de Camanzo acollesen ás de San Paio nas épocas de peste e de invasións. Por aquel entón o veciño Mosteiro de Carboeiro tamén pasaría a formar parte dun mosteiro compostelán; neste caso do de San Martiño Pinario. A causa da crise de Camanzo respondería á conflitiva situación que vivirían moitos mosteiros galegos a finais do século XV, en boa parte pola opresión dos poderosos. No caso de Camanzo, serían os poderosísimos Condes de Altamira os que perturbarían a súa paz. Esta situación fixo dexenerar e até clausurar a vida monástica de moitos cenobios galegos.


A igrexa monacal do xa desaparecido Mosteiro de Camanzo foi construída no ano 1166, nos tempos de meirande esplendor do mosteiro. Este santuario en honor a San Salvador presenta unha planta basilical con tres ábsidas, de planta semicircular por fóra e de ferradura no interior, e tres naves divididas por piares con columnas acaroadas que soportan uns arcos formeiros e semicirculares. Os chapiteis, románicos, locen todo tipo de motivos florais e xeométricos. Boa parte da bóveda do presbiterio conserva pinturas do século XVI e pertencentes á escola compostelá que serían descubertas logo de ficaren agochadas durante décadas tralos retablos deste templo monacal. A fachada da igrexa, que debido ás diferentes reformas acometidas ó longo da súa historia perdería os rosetóns orixinais, conserva aínda a porta principal de dobre arquivolta semicircular engalanada con diferentes imaxes anxelicais entre as que sobresae a figura do San Salvador. A torre do campanario, de planta cuadrangular e coroada por catro pequenos arcos de medio punto a través dos cales emerxen os sons graves e vibratorios da campá, fica cuberta por unha teitume a catro augas recuberta de tella do país. Lisquei de Camanzo, do pouco que queda destoutro esquecido mosteiro galego co inesperado badalear da súa campá, cun monótono toque de morte, co derradeiro redobre dos que foxen para non voltar.   

Ningún comentario: