“Vai facer un ano
pro mes de Xaneiro,
qu' estando os dous xuntos
no noso pendello,
sin outros testigos
qu' os craros refrexos
da lua, que daban
encanto e misterio
á canto pasaba
n' aqueles momentos,
coa vista en mi fixa
e á sua mau no peito,
xuroume por todos
os santos do ceo
que solo eu enchia
o seu pensamento,
o que casaria
conmigo tan presto
como para á boda
fixese diñeiro.
—Muller, dixo á outra,
ese xuramento
tamen che mo fixo
ó pé d'un palleiro,
aló po Ia sega
fará ano é medio”
Xesús Rodríguez López, Pasaxeiras
Aló polas terras do interior da provincia de Pontevedra, máis concretamente no Concello de Agolada, localízase unha das meirandes alfaias etnográficas do noso país, un monumental conxunto de humildes e pétreos pendellos que datan do século XVIII e que aínda semellan agochar, baixo dos seus tellados de madeira; a orixe desta vila, o celme das feiras do pasado, o arume a frescura dos froitos do agro. Estes pendellos eran os lugares de venda dos feirantes, baixo deles resgardábanse das inclemencias do tempo, pasaban a noite, xantaban e poñían a cuberto as súas mercadorías, as cabalerías e os seus animais; eran as pequenas tendas do pasado, a orixe dos actuais mercados, lugares de venda ó aire libre claramente delimitados.
Estes Pendellos de Agolada eran pequenos espazos onde vender e onde refuxiarse, eran negocios i eran vivendas de xentes chegadas dende puntos moi distantes da xeografía galega. I é que eiquí, en Agolada, antano dábase cita unha das meirandes feiras de Galicia, a tradicional feira do “Doce”, de grande sona por aquel entón no noso país. Os feirantes chegaban até Agolada cun día de antelación para deixaren todo preparado para o día da feira. Os feirantes xantaban e pasaban a noite nos pendellos, agardando que as ventas na feira lles cubrisen a suor do traballo, o esforzo e o tempo depositados na viaxe.
Os pendellos foron deseñados para albergaren todo tipo de usos e mercadorías. Algúns deles foron empregados como expositores, con mostradores construídos a base de laxas graníticas nos que se expoñían os variados froitos da terra a cuberto das inclemencias climáticas. Outros estaban deseñados para xantar, a modo de comedores eventuais en mans de hostaleiros itinerantes. Amais dos xa citados, existían outros moitos pendellos deseñados a modo de almacén, todos eles erixidos a base de pedra, madeira e tella, e pequenas cortes que tiñan a finalidade de gardar o gando e as cabalarías. Moitos destes pendellos desaparecerían pra sempre na década dos anos 60 do pasado século, conservándose somentes un terzo dos pendellos orixinais.
Por sorte, no ano 1985, este conxunto de pendellos de Agolada sería declarado Monumento Historico-Artistico pola Xunta de Galicia, e no ano 1990 daría comezo a súa restauración. A singularidade deste conxunto etnográfico e a súa historia, que abrangue máis de dous séculos acollendo unha das feiras máis importantes do país, convérteo nun dos espazos etnográficos máis senlleiros e interesantes da Galiza e da Europa continental. Nos nosos días acolle numerosas mostras de artesanía e todo tipo de eventos e festas populares, continuando dalgún xeito coa laboura que daría sentido á súa construción aló polo século XVIII.
No labirinto de estreitas rúas, que se cruzan coma reigames entre os numerosos Pendellos de Agolada, aínda semellan escoitarse os pasos dos zocos e o balbordo dos transeúntes, as ferraduras dos cabalos, os berros dos besteiros e o cacarexar dos galos, o beado das ovellas e o rebolar de bocois de viño sacro. Parece que aínda semella albiscarse o vapor dos potes das pulpeiras, as mans curtidas dos cesteiros e as faíscas dos fornos e das fraguas. Tras destes pétreos mostradores e baixo das teitumes destes pendellos aínda se respira un certo aire de festa adurmiñada.
Son moitos os que sosteñen que este histórico conxunto etnográfico foi o xermolo desta vila pontevedresa de Agolada, mais hai probas que semellan situar a súa orixe nun cruce de camiños. Ó parecer, aló no século XVI xa contaba cunha pousada que se localizaría nesta encrucillada de camiños. Sería no ano 1788 cando aparecería a primeira proba escrita sobre a feira, que inicialmente se celebraba en As Trabancas pero que se trasladaría até a actual Agolada en boa parte pola súa localización e polo estado do seu terreo, menos lamacento e de menor poeira. Poida que esta feira i estes pendellos non fosen a orixe desta vila pontevedresa, pero canto menos, medraron xuntas.
O de Agolada é un dos meirandes conxuntos etnográficos da Galiza, un dos máis singulares e inusitados do noso país e da vella Europa. Que os séculos que aínda están por vir traian consigo o celme i o estrondo das feiras do pasado, os artesáns e pulpeiras do presente e un futuro onde non falten os máis sentidos aturuxos.
4 comentarios:
Preciosas fotos y muy buen post. Un saludo.
Moitísimas gracias Alberto! Gracias de verdade. Engadirei o teu blogue ás xanelas desta fraga. Un saúdo!
Fermosa, moi fermosa reportaxe, Gustaria se me das permiso compartir a tua entrada na paxina de Pendellos de Agolada, na que son o administrador. Xa me diras Grazas.
Sen problema ningún, Angel. Desculpa a tardanza en contestar. Un saúdo e moitas grazas!
Publicar un comentario