“¡Ou meu sono labrego! Unha casiña
preto do río, ó abrigo dos pinales,
con piorno e alboios nos currales
e palleiros na eira e na curtiña.
Ó pé da casa un muíño cantareiro
ó son da lira de ágoa que enche o caño,
baixo o maino agarimo dun castaño
e os amorosos brazos dun cruceiro.
Todo ó longo da aberta do muíño
tortas e vellas cepas de albariño
cos asios mestos no bendito outono.
E un ferrado de terra por facenda
pra prantío e xardín, libre de renda,
diesmo a Dios, sin foreiro nin máis dono”
Ramón Cabanillas, Vento mareiro
O lugar de Traba, pertencente á parroquia rianxeira de Santa Baia do Araño, pode gabarse de posuír o meirande hórreo deste noso humilde, xeneroso e labrego país; superando os senlleiros cabazos carnotáns de Lira e Santa Columba. Retornamos á vila natal de Castelao, onde xa tiveramos oportunidade de coñecer os cervos dos petróglifos dos Mouchos e a inspiradora serea da Capela do Patrocinio, para tratar de procurar agora esta alongada cabaceira sen pés que acada os 37 metros de lonxitude. Para dar con esta importante construción tradicional, mostra do poder que chegou a acadar o clero rural galego, collemos rumbo a Padrón dende o centro mesmo de Rianxo. Á altura de Taragoña colleríamos dirección ó Rabuño e dende alí somentes nos restaría desviarnos a man esquerda para plantármonos ante a Igrexa de Santa Baia. Xusto detrás dela, no alto, acharíamos o Hórreo do Araño.
Esta enorme cabaceira rianxeira, ó igual que en Lira i en Santa Columba, conforma xunto coa Igrexa de Santa Baia, a Capela da Virxe dos Milagres de Araño e a casa reitoral; un conxunto arquitectónico de gran valor histórico, artístico e cultural. I é que somentes o poder clerical era quen de erguer, naqueles tempos, unhas construcións tan enormes e impoñentes coma estas. O Hórreo de Araño, erixido no século XVII, posúe unhas dimensións exteriores de 37,05 metros de longo por 2,40 de ancho, 2,70 de alto, e unha capacidade de 170 metros cúbicos. Esta alongada e pétrea cabaceira presenta unha teitume a dúas augas cuberta de tella e rematada por cruces e pináculos en cada extremo. Na parte lonxitudinal que mira cara a Igrexa de Santa Baia albiscamos dúas portas de acceso, e baixo dunha delas, tamén unhas pétreas escaleiras que salvan o desnivel do terreo no que se localiza e a altura da súa base.
A diferenza das cabaceiras de Lira e Santa Columba, este hórreo non posúe os habituais pés, que é como se adoitaba estimar o tamaño destas construcións, mais ninguén pode negar que as súas dimensións, por riba dos case 35 metros do de Santa Columba e dos 36 e medio do de Lira; convérteno no meirande hórreo do noso país. Esta cabaceira rianxeira susténtase sobre dun celeiro coroado por un tornarratos “estilo mesa” que circunda a alongada base do hórreo e impide a entrada de pequenos roedores. Ollamos cada unha das caras desta mole granítica, deste abeiro de grans, deste amparo contra a fame, cavilando no moito que deberon traballar e suar os veciños desta parroquia para encheren de gran, cada ano e xeración tras xeración, esta impresionante cabaceira.
Liscamos do Araño realmente impresionados. Acabaramos de coñecer, nin máis nin menos que o hórreo máis grande do noso país, amais de visitar outro recuncho máxico do pequeno universo natal do noso rianxeiro máis ilustre e universal. Marchamos paseniño i en silencio, como acompasados polas badaladas taciturnas da Igrexa de Santa Baia; mudos pero enteiramente ledos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario