martes, 10 de xaneiro de 2012

As cepas do Santuario das Ermidas


"Do meu vale, de combas e relanzos,
espellado de louxas e de xeixos,
rañado de amieiros e caborcos,
garnido de mimosas e milleiras,
barroco de cepeiras e castiros,
recendente de ourego e cabrinfollo,
tinguido de cireixas e de amoras,
polos cachois roscido e as pincheiras,
arrolado dos carros, que se afastan
antre a poeira da silvosa corga.
No soalleiro louro de laranxas,
roxo de balsaís e sangradeiros,
dóce de mel, cinsento de oliveiras..." 

Florencio Delgado Gurriarán, Saúdo a Otero Pedrayo, de “Galicia Infinda” 

Aínda poden oírse os latexantes corazóns dos máis fervorosos fieis de camiño á igrexa, e o murmurio omnipresente que acompaña os seus propios pasos. Aínda se escoitan os laios da paixón das freguesas, a misa en latín e o eco que o coro das Ermidas fai penetrar polos resoantes vales do Río Bibei. Aínda semella recender a incenso e cera, a fume mortuorio de velas apagadas. A paisaxe do lugar, aínda adurmiñado, móstrase tinguida pola sanguenta cor das últimas follas e as intricadas ladeiras fican hoxe coma sempre, valorosamente traballadas.

Ladeiras para o cultivo do viño
Atravesámolas montañas do Val de Valdeorras, unha paraxe natural única que antano pertenceu ós Guigurri ("Guigurros" e "Calubrigensis", pobos que procedían das vellas tribos astures. Segundo indican as citas máis antigas, foron os primeiros poboadores da comarca), para percorrer os vestixios das antigas vías romanas que conducían a Braga e Astorga, e polas que circulaban lexións enteiras de romanos. Uns romanos que explotaron estas terras, pero que tamén nos deixaron valiosos tesouros coma as primeiras cepas dun viño de emperadores e unha gran cultura que aínda conservamos. O noso destino, logo de visitar a Ruta do Viño de Valdeorras, non era outro que o Macizo Central ourensán, e máis concretamente; O Santuario das Ermidas, no Concello de O Bolo. Este fermoso lugar, berce tamén do viño da comarca, acolle un dos santuarios máis recoñecidos e importantes do país, e a súa fachada está considerada unha das mellores obras do barroco galego. As vides, pequenos anxos e numerosas imaxes, decoran as columnas salomónicas da súa fachada, namentres as caveiras de ollos cavorcos e tibias cruzadas fican gravadas ó pé do cruceiro.

Vista do lugar dende a ponte
O pavimento do recinto exterior do santuario, onde se sitúa o cruceiro, componse de milleiros de pequenos bolos ou cantos rodados que, nalgún momento, foron subtraídos das ribeiras do Bibei. Hoxe embelecen a entrada do santuario e adormecen os pés dos que ollan a súa fachada. 
A igrexa, encravada na propia rocha da ladeira, domina dende o alto o lugar. Ao seu redor converxen pequenos rueiros que encamiñan ós poucos fogares de veciños que quedan con vida. As ladeiras das montañas fican construídas en bancais para cultivar unhas vides históricas, compartindo o mesmo chan con especies pouco comúns no noso amplo territorio, coma é o caso das oliveiras ou amendoeiras, máis tamén especies autóctonas coma castiñeiros, bidueiros, e outros moitos hidrófilos que procuran as doces augas do Río Bibei, afluente do caudaloso Sil. A carón deste río descansan as ruínas de dous antigos muíños de auga que datan dos séculos XIX e comezos do XX.

Fachada do santuario
O Santuario da Nosa Señora das Ermidas, que hoxe fica cravado na pedra mesma da montaña, desafiando ó terreo e ó tempo, foi construído aló polo ano 1624, por orde do Bispo de Astorga, que por aquela era Alonso Messía de Tobar. Ó templo inicial, dunha soa nave, fóronselle agregando, a posteriori, a capela maior e as dúas torres de cinco tramos; todos eles diferentes. Tamén unha sala de administración, unha pousada para peregrinos e outras moitas obras. Unha das singularidades con máis sona deste santuario é, sen dúbida, o vía crucis barroco formado por uns catorce nichos que conteñen os pasos do Calvario. Nestes nichos consérvanse importantes tallas da época, a tamaño real, que gozan de gran importancia e sona internacional. O lugar foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia o  pasado ano 2006. O santuario pertence á diocese de Astorga.Fuximos taciturnos e sen presa para non perturbar a paz nin o silencio, deixando tras de nós este olimpo de fe e natureza, de ladeiras eternamente traballadas. Que as cristalinas augas do Río Bibei non afundan nunca, a historia esculpida nas pedras que erixen o Santuario das Ermidas. 

2 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Noraboa por esta viaxe a un tesouro oculto en terras fronteirizas. Poucos lugares hai no noso país que estean tinguidos de tanta beleza e tanta historia. Un lugar así preto da costa xa estaría cheo de urbanizacións e adosados para os madrileños, pero por sorte no interior gárdanse mellor as cousas que importan. Bo traballo, e un saúdo!

navegacruz dixo...

Mouro benquerido! Eu estiven nas Hermidas en novembro pasado, nunha tarde dourada de outono, ascendendo dende o Bibei ata hermida a pé, disfrutando da paisaxe; e a verdade é que lin esta entrada co máximo interese, e con moito gusto. Xa vexo que te achegas a Valdeorras. Unha aperta dende Lugo.