sábado, 14 de xaneiro de 2012

Capelas de beiramar, da Toxa á Lanzada


"En Estorde, as furnas enmeigadas
mostráronme os teus ollos;
agardei o tracexo das túas coxas
no voo dubidoso
dalgunha ave noitébrega en Ancares;
o teu alento quente
nos vágados da ondaxe na Lanzada"

Vítor Vaqueiro,  A Cámara da Néboa

A extenso areal da Lanzada
Ergueito fica aínda o derradeiro muro da antiga fortaleza da Lanzada. As súas vellas pedras, desgastadas polo mar e polo vento, levan séculos custodiando a esgrevia península onde se ergue a anterga Capela da Nosa Señora da Lanzada. As gaivotas pousan nos poucos pero contundentes vestixios. Esta capela está asentada nun alto protexido dende antano pola súa estratéxica situación de atalaia sobre a entrada da Ría de Arousa. Xa no século X, a Igrexa ordeou erguer aquí unha torre de vixilancia sobre as ruínas dun antigo faro fenicio. Durante as invasións viquingas, os sentinelas prendían enormes fachos para alertar ás veciñas torres de Cambados e de Catoira. Nas entrañas desta pequena península, sobrevive dende o Medievo a garrida Capela da Lanzada. Este pequeno santuario, de estilo románico, foi construido a finais do século XII con planta de salón, e amosa pequenos detalles coma un fermoso rosetón na fachada occidental, e un elegante ábside circular. A vella capela preside a mítica Praia da Lanzada, un dos areais con máis sona do país, e un dos primeiros de Europa en obter a distinción da Bandeira Azul. Os seus dous quilómetros de fina area, protexen un espazo natural de primeira; as marismas e humidais que unen a Península do Salnés co Concello de Sanxenxo. Estas lagoas son o fogar dunha ampla variedade de especies vexetais coma xunqueiras, cardos e ammófilas de area. As aves de paso fan parada nas finas areas destas dunas para descansar e alimentarse de nutrida variedade de insectos, anfibios e réptiles.

Embarcacións no Peirao do Grove
A marisqueira vila do Grove
O Concello de O Grove ocupa a fértil e rica península do Salnés, situada ás portas da Illa de Arousa e inmersa de cheo no Océano Atlántico. A súa estratéxica situación fixo que estivese habitada dende a noite dos tempos. Hai vestixios dos primeiros poboadores da Idade do Bronce, mais a vila do Grove data da época romana. A vida dos seus habitantes estivo vencellada dende sempre ás actividades do mar. As tradicionais artes pesqueiras e marisqueiras foron e seguen a ser o sustento vital dos seus veciños.  No século XVIII, os  fomentadores cataláns descubriron a riqueza destas augas e instalaron diversas factorías pesqueiras e de salazón, as primeiras conserveiras do noso país. As tradicionais artes dos grovenses non podían competir cos métodos preindustriais que trouxeron os cataláns, e o Grove sumiuse, durante moito tempo, nunha grave crise.

As augas termais da Illa da Toxa
No século XIX, un feito cambiaría o rumbo da historia do Grove. Os turistas descobren o poder das augas termais dunha pequena illa situada a carón do porto. Alí, na Illa da Toxa, deu comezo, por aquela, unha das pioneiras experiencias turísticas da nosa terra. Os seus xardíns, repletos de especies de orixe colonial, escoitaron, dende fai máis dun século, as pegadas da fachendosa burguesía. 
Capela de San Caralampio
da Illa da Toxa
Hoxe en día, A Toxa é un espazo reservado ó luxo, con campo de golf, casino, palacio de congresos, e hoteis centenarios con todo tipo de posibilidades no referente ó turismo termal. Entre as súas palmeiras e roseiras, atopamos unha curiosa e pintoresca edificación, recuberta completamente con cunchas de vieiras. Trátase da Capela da Toxa, un pequeno santuario sitiado por experimentadas vendedoras de todo tipo de recordos ou colares de cunchas, que asedian á multitude de turistas que veñen a toma-las augas. Mais non toda a riqueza potencial da Toxa reside nas súas beneficiosas augas termais: as vellas gamelas que descansan nas prácidas ribeiras desta illa de augas bendecidas, son as derradeiras testemuñas dunha actividade pesqueira e marisqueira que se remonta ás orixes do Grove. 

Pequenas embarcacións na Illa da Toxa
Hoxe en día, o turismo e o marisqueo, ademais da pesca e das industrias conserveiras, compoñen a base sobre a que se sustenta a vida dos seus veciños. As actividades mariñas máis tradicionais, coma a laboura bateeira, conviven en perfecta harmonía co moderno turismo, boa parte do cal se achega na procura do mellor marisco do planeta. Toda esta gama de suculentos froitos do mar é degustada cada ano na recoñecida Festa do Marisco, que se ven celebrando dende o ano 1963. É unha mostra de como un sector tan fundamental coma o do mar loita por sobrevivir, apoiándose no turismo. Deste xeito, a vila non perdeu a súa esencia.

Que as aves de paso traian boas novas a estas terras do Salnés, dende a Toxa ata a Lanzada.

Ningún comentario: