xoves, 5 de febreiro de 2009

Asalto ás Torres de Martelo!



"Bravo país
Val de Soneira,
duro fogar senlleiro,
terra e ceo nun puño,
ventre xobreiro,
non é a luz do amencer
a que como vidrieiro
fecunda a flor.
Son as cálidas veas do teu solpor"

Gonzalo López Abente

O Val da Soneira ergueu coas pedras do seu ventre o fogar dos Moscoso de Altamira, atalaia onde o horizonte se perde de vista cos solpores ensanguentados dos confíns da terra. Esta fortaleza foi erixida no século XIII coma soberana dominante das terras da Comarca da Soneira baixo mandato dos Mariño de Lobeira. Entrámbolos anos 1425-1429 pasa a mans de Lope Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, quen aló polo ano 1467 escoitou os berros da loita noutro capítulo das nosas históricas Revoltas Irmandiñas. O castelo resulta derrubado trala batalla e rexurde das súas cinzas por mandato de Alonso de Fonseca, Arcebispo de Compostela, quen ordena a súa reconstrución. No ano 1870 pasa a mans de Ramón Martelo, e de aí ven que a este castelo tamén se lle coñeza popularmente como as Torres de Martelo. O castelo de Vimianzo é un dos mellor conservados do chan galiciano e, a día de hoxe, a xusta historia engalanou este fogar de nobres e feudos para albergar artesáns do liño, alfareiros, palilleiras e cesteiros. Que os muros de pedra non volvan a ser derrubados, máis ben que sigan a mostrarnos a súa e tan nosa historia, dende o ventre do Val da Soneira.

Anécdotas da Fraga
O primeiro fin de semana de cada xullo rememórase a loita contra o poder abusivo dos señoríos feudais e a batalla pola dignidade histórica no Castelo de Vimianzo. O tan sonado Asalto ao Castelo. Esta festa ten como obxectivo integrar a todo aquel que o desexe para formar parte desta batalla.

6 comentarios:

Rosalía Fernández Rial dixo...

O asalto ao castelo de Vimianzo!!! emblemático acontecento. E López Abente, o grande poeta da miña terra.

Desta volta, os Mouros achegáronse ás vilas do vento, ao meu fogar :)

Unha aperta irmandiña!, (máis irmandiña que nunca).

Anónimo dixo...

Moitas grazas polo teu comentario. Este próximo xullo toda a bisbarra ten unha cita pendente en vimianzo. Non penso deixá-lo pasar. Unha aperta irmandiña para tí tamén!!

Xoán S. Pazos dixo...

Eis a fachenda da Asociacion Neria!
Noraboa pola entrada de novo, Iván, coma sempre. Desta volta, ademais, engalanada, coma ten que ser, polas verbas do gran poeta de Muxía. Moi dignas para a ocasión.

Unha aperta dende Compostela
Saúde, sorte... e República!!!

Anónimo dixo...

Asaltemos entón o Castelo....

fgul dixo...

Perto de aquí, na localidade de Brión, existe, tamén un castelo chamado "de Altamira". Mágoa o seu estado ruinoso (a última vez que estiven alá tiña eu nove anos, e soamente quedaban del as paredes en pe)

Un saúdo

I. Iván Fraga Moure dixo...

Pois sí, amigo Manuel, aló polo 1471, Lope Sánchez de Moscoso mandou construír as torres de Vimianzo, as Torres de Mens (Bergantiños), Cira (Ulla) e as que tí me falas; as de Altamira.
Estas torres erguéronse co propósito de establecer unha liña defensiva fronte ó poder da igrexa.

Grazas por pasares e os meus parabéns por "Antítese Nativa". Unha aperta