sábado, 19 de marzo de 2016

Os tesouros do Castro de Elviña


“BRIGANTIUM DEVÉN DE LONXE, DA MAROLA CHEGA
a auga que salpica a luz e canta nos pasares.
Arrieiro viaxa de aló do Miño en Baixo e sabe
a herdanza da nobreza.
Aquí é tamén a ponte que mira o mar alzado
de furias e arroaces cando Artabria era o golfo
dos agochos na invernada: sete naos levan
sete historias de singrar na proa as marabillas
do Medulio labrado de abellas coma torques.
E hoxe ruben os balandros polo río aquel
ata chegaren ao pé da parafita en danza
na memoria de nós”
Xosé Vázquez Pintor, Seara

Retornei á miña amada cidade de cristal, ó meu antigo e ocioso espazo de estudo, traballo e aluguer, á Coruña que me veu sorrir e crecer, á cidade que me amosou o mastro e as brancas velas da liberdade. Retornei á Coruña trala terceira oportunidade, tras dun mar de lembranzas e de brumas fuxidías, para transitalas súas veas de alcatrán e ollar a través das súas brancas galerías a luz e a maxia que deixei nesta cidade; media vida, media alma e medio corazón naufragados nos areais do Matadoiro, Adormideras, Orzán e Riazor. Desta volta, amais de visitar as rúas que foron o escenario da miña anhelada estadía, retornaría a un recuncho da Coruña que somentes tivera a oportunidade de coñecer unha vez na miña vida, un espazo que malia ficar presente na miña mente, pouco puiden gozar e coñecer un día. 


Desta volta quixen retornar ós montes da Zapateira, onde tiven oportunidade de vivir durante un par de anos e onde puiden volver a visitar tamén ós meus antigos caseiros, para logo descender paseniño cara o campus universitario da Coruña e presentarme ante os mesmos pés do recuncho máis histórico desta urbe ventosa e atlántica, desta cidade de vidro e marusías. Estaba ante o senlleiro Castro de Elviña, ante unha das máis coñecidas cidadelas castrexas do chan galiciano. Este castro coruñés, declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1962, comezaría a ser estudado i escavado na década dos anos 40. Estes estudos arqueolóxicos estenderíanse até os nosos días e pasarían por distintas etapas. A primeira delas levaríase a cabo entrámbolos anos 1947 e 1952 i estaría dirixida por José María Luengo e Luís Monteagudo.


Entrámbolos anos 1980 e 1985 levaríanse a cabo novos estudos i escavacións, desta volta dirixidas por Felipe Senén López Gómez e promovidas polo Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento", tratando de recuperar e pór en valor as estruturas que xa ficaban ó descuberto máis que sacar á luz novos achados. Logo desta segunda intervención, o castro presentaría unhas óptimas condicións para a súa futura conservación e para o propósito da súa promoción e posta en valor. Mais a partires do ano 2002 comezaría unha terceira etapa de estudos i escavacións que chegarían até os nosos días e nas que se conseguiu sacar do esquecemento unhas ruínas que parecían volver comezar a ser devoradas pola maleza e polos anos de estancamento. Durante estas escavacións iniciadas no ano 2002, acharíanse probas contundentes que semellaban apuntar a que o castro era considerablemente máis grande do que se pensaba, atesourando unhas sete ou oito hectáreas e unha poboación duns 2.000 habitantes aló polo ano 50 despois de Cristo. 


Xa no ano 2015 tería lugar o derrubamento dunha torre de alta tensión que se localizaba no mesmo cumio do castro, entorpecendo a boa conservación e a estética que deben presentar este tipo de conxuntos arqueolóxicos. Durante ese mesmo ano, ós poucos días de ser retirada a torre de alta tensión, o goberno local aprobaría a saída a concurso do proxecto de escavación deste castro ca fin de consolidar as zonas xa descubertas e dotalas dun contexto arqueolóxico coherente que resulte atractivo para o público. Rozaríase a contorna do castro e marcaríanse os camiños circundantes para contrastar i evidenciar a presenza das ringleiras de murallas e as pequenas construcións. Como resultado dos diferentes estudos e traballos arqueolóxicos levados a cabo neste Castro de Elviña, chagaríase a calcular un período de ocupación que se estendería dende o século III denantes de Cristo até o século IV despois de Cristo, tempo no que o castro sería abandonado de xeito definitivo. Crese que a súa poboación se iría trasladando de xeito progresivo até a Brigantium.  


O Castro de Elviña está formado por tres recintos amurallados entre os que destaca o recinto que arrodea a croa, que atesoura unha entrada monumental conformada por dúas torres semicirculares e uns muros duns catro ou cinco metros de altura. No seu interior localízase a meirande parte das pequenas construcións de plantas máis dinámicas e circulares. É posiblemente nas terrazas inferiores e na franxa sueste da cidadela onde se poden observar diversas construcións principalmente de planta cadrada, así como un impresionante e singular pozo alxibe. Os recintos inferiores amosan unhas murallas de menores dimensións que as da croa. Como resultado dos diferentes traballos de escavación no castro, en concreto nos desenvolvidos aló polo ano 1947, sairía á luz “O Tesouro de Elviña”, un conxunto de pezas áureas que serían trasladadas ó Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón da Coruña para a súa conveniente protección, conservación i exposición. 


Este “Tesouro de Elviña”, que consta dun conxunto de diadema-cinto, gargantilla e colar de ouro, sería estudado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo durante un curso de verán. Outra das conclusións máis evidentes extraídas dos estudos levados a cabo no castro, i en boa parte pola convivencia de construcións de plantas circulares e cuadrangulares, é que tería cando menos  dous niveis de ocupación; un prerromano e outro da época romana. Resulta realmente sorprendente coñecer castros coma este de Elviña ou como o castro ourensán de San Tomé; tan preto das grandes cidades, tan preto dunha mesma civilización que, cega pola súa propia evolución, foi esquecendo as súas raigames. Canto contraste existe entre esta pequena e primitiva cidadela e a cidade que agora conforma o seu máis inmediato horizonte. 


Ficaría realmente impresionado con este senlleiro pero á vez tan descoñecido castro coruñés, con esta cidadela acalada i esquecida, con estes pétreos tesouros de Elviña. I é que este de Elviña é un castro no que se pode ver de xeito evidente o paso desas dúas civilizacións que para ben ou para mal terían que convivir conxuntamente na meirande parte dos castros galegos; a castrexa e a romana. Proba desta primeira quedan as pequenas construcións curvas e circulares, e proba da segunda quedan as estruturas de planta cuadrangular, as escaleiras dos accesos ou a estrutura que arrodea o pozo alxibe. Canto tempo pasou xa dende aquela iniciática visita, dende aquela primeira vez que pisei este castro. Daquela visita lembro unha gran cantidade de construcións que ficaban en estudo e protexidas baixo de negros plásticos suxeitados co peso de pedras medianeiras. 


Despedinme deste Castro de Elviña, desta paraxe que lembraba en estudo e ateigada de plásticos, valos e áreas perimétricas, desta paraxe milenaria que lembraba baixo dunha torre de alta tensión que dividía o ceo do castro con tres ringleiras de cables, albiscando a miña amada Coruña no horizonte, a Brigantium que noutros tempos faría deshabitar este castro, que o levaría a ser devorado polo avance do tempo e da vexetación. Fuxín ca certeza de que este castro será algún día, máis pronto que tarde, o museo á intemperie máis histórico da cidade, un baluarte que siga a alumar dende o seu outeiro, ó igual que a Torre de Hércules, a historia máis esquecida da cidade e a testemuñar para sempre as nosas orixes, as nosas raigames; a “memoria de nós”.

2 comentarios:

Patricia dixo...

Bo día, Iván.
Marabilloso xeito de espertar con esta entrada do castro. Sen dúbida é un lugar cheo de Historia, de lenda. Gústame visitalo de canto en vez por sentir a pegada do tempo e o noso grandioso pasado celta. Como ben dis, é curioso que fiquen hoxe tan preto das cidades, ao ir crecendo as urbes...
Hai un ano e pico visitei o de Ourense e mais o de Baroña. Marabillosos todos eles.
Agardando xa a vindeira reportaxe, unha aperta.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitísimas grazas, Patricia! Non sabes o que me agrada ler as túas palabras pero de non ser por lectores coma ti, este blogue carecería de sentido e este servidor non tería tantos ánimos de continuar. Polo tanto seguiremos. Unha forte aperta e grazas novamente, Patricia!