xoves, 4 de setembro de 2008

Separados polo mesmo Mar


"Ladrón, a vixiar nas penedías,
nas pardas lombas dos adustos cabos,
no fervente balbor das ardentías,
nas mouras furnas, nos rochedos bravos.

No brancore dos seixos dos coídos,
no morno abrigo das arnelas fondas...
só puiden apañar estes louridos
centileos nas ondas"

Gonzalo López Abente

Se na anterior entrada falei do Porto e Mar de Fisterra, teño a obriga de expoñer as outras dúas xoias da Costa da Morte: A Barca (Muxía) e o Vilán (Camariñas, e do cal xa teño falado en entradas anteriores). Estes dous fermosos lugares, xunto con Fisterra, e quizais Carnota, son os lugares máis visitados da Costa da Morte. O mar significou dende sempre o sustento e a propia vida para as familias que habitaron ao longo do tempo fronte ao mar máis bravo do país Galego. O mesmo mar que aportaba ese desexado sustento, foi a orixe tamén de enemistades e roces que semellan perdurar entre estas dúas vilas veciñas. Os de Muxía son Os Corvos e os de Camariñas, Carneiros. Seguramente, estas ancestrais contendas ensinan os anos de loita e vella labor mariñeira. É todo un espectáculo ver este mar de conflitos a calquera hora do día e calquera día do ano. A indómita e incesante forza do mar e a ferocidade do vento son os distintivos indiscutibles da comarca, e estas vilas portan a esencia do que se debe entender por Costa da Morte.

A simbólica Barca, séculos enteiros ollando de fite ó mar; O Vilán, loita eterna e testemuña presencial dunha inmensidade de mortes e naufraxios. Dúas vilas, separadas polo mesmo e contraditorio mar. Cabe destacar que este foi o mesmo mar no que o Serpent naufragou, polo tanto é importante visitar O cemiterio dos ingleses, preto do Vilán, e no cal se rememora este cruel e triste naufraxio. No Vilán pódese ver unha factoría de peixe e un parque eólico que comparten os recursos naturais do vento e o mar. O que é desconcertante é que semella máis doado crear factorías de peixe,(últimamente moi comúns na Costa da Morte, como no caso de Lires, Lira, e incluso se chegou a falar de Camelle, onde os veciños organizaron varias manifestacións en contra da proposta de instalar unha piscifactoría na Xandriña) que fomentar a pesca e adecentar a situación dos mariñeiros de baixura, nos que non existen soldos estables. Olvidamos aos eternos fillos de mariñeiros que non esquecen o labor que herdaron.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Benquerido Iván.
Magnífica a foto e tamén o texto. Porén, aínda que o poema de Abente é fermoso, o propio autor ten varios textos sobre O Vilán, nos que o denomina por exemplo "ciclópeo ollo".
Unha aperta atlántica. Miro.

Anónimo dixo...

Gracias mestre, é un pracer para min que te adentres na Fraga dos Mouros e terei sempre moi en conta as túas opinións e por suposto, todo canto nos tes ensinado sobre o respeto e admiración que merecen xente como López Abente. Un saúdo e obrigado por te pasares.