mércores, 3 de marzo de 2010

O vento amigo da Roncadoira


"Vento mareiro, amigo
dos velamios senlleiros, da nebriña
de ronseles no ar aloumiñada,
do azul lonxano que se volve lila.

Unha frauta delgada de horizontes,
trema na túa voz e dálle vida.

Hoxe as dornas sulcaron,
a sorrisa do mar profunda e nidia.

Hoxe as dornas, beberon o teu sangue na badía.

E ti, beilando muiñeiras tolo
no corazón da noite
onde a forza de Deus anda perdida.

Mans de vidro e de nube,
vento amigo,
medra no teu lecer a moradía"

A. Avilés de Taramancos, As Moradías do Vento

Se queredes escoitar o asubío melodioso do Cantábrico, debedes achegarvos á Punta Roncadoira, no concello lugués de Xove, na Mariña Occidental. O vento amósase salvaxe, mesturándose co mar, izando o voo das aves de paso costeiras, libertarias i emigrantes. Estas fermosas aves son as agónicas donas deste silencioso horizonte, surcando a Ría de Viveiro e as illas Sarón, Farallóns e Coelleira. O Faro, de estrutura cilíndrica e provisto de dúas balconadas, recorda a outros faros do norte, como o de Illa Pancha ou o de Ortegal. Este faro é un idóneo miradoiro onde perder a ollada entre a Praia de Esteiro e Portocelo. O vento farturento de liberdades asubía constantemente para perturbar un silenzo que afoga e ceibar as melodiosas verbas do mar. Que o vento acompañe o voo das xeracionais aves de paso!

martes, 9 de febreiro de 2010

Cheira a Cocido nas terras do Deza



"Arrimei o pote ô lume
Con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
Na cinza, vin relumbrar
Un ichavo d'a fertuna...
¡Miña Vir e d'o Pilar!
Correndiño, correndiño
O fun en sal á empregar,
Mais contenta qu'un-has pascoas
Volvin á port'á pechar,
E n'a miña horta pequena
Un-has coles fun catar.
Con un pouco d'unto vello
Qu'o ben soupen aforrar,
E c'a fariñiña munda,
a tiña para cear.
Fi en un caldo de groria
Que me soupo, que la mar,
Fi en un bolo d'o pote
Qu'era cousa d'envidiar;
Despois qu'o tiven comido,
Volvin de novo á rezar;
E despois qu'houven rezado
Pu en á roupa á secar,
Que non tiña fio en oito
D'haber tanto me mollar,
N'antramentras me secaba
Pu enme logo á cantar
Para que m'oiran
En tod'ó lugar:
Meu lar, meu fogar,
Cantas onciñas
D'ouro me vals"

Rosalía de Castro, Follas novas

Recende a cocido entre as rúas de Lalín, coma un etéreo arume propio dos teitos labregos, coma unha tradición insustituíbelmente familiar. As rúas, aquí en Lalín, comparten espazo cos porcos da terra, a materia prima máis anterga. Esta semana a festa está garantida nas terras do Deza, onde non somentes se pode degustar o cocido galego, senón os innumerables produtos cos que sempre nos agasalla a nosa vella terra; patacas, grelos, chourizos, fabas e, por suposto, as mellores carnes galegas. A sabedoría, o amor e a paciencia son as mellores ferramentas para preparar un bo plato de cocido. O Castro de Goiás e Donramiro fican como a testemuña e tesouro xeracional que dan fe da historia da vila. O nome de Lalín procede de Lalino; era un colono do Conde do Deza que posuía as terras onde logo se erixiu o Mosteiro de San Martiño de Lalín de Arriba. Que non morran as mans que alentan o mellor cocido galego!

martes, 17 de novembro de 2009

Ceibemos o Xallas!


"De Xallas; mais coma Xallas,
N' he terra tan agre e estérea;
Préto d'areosa Lage,
Non longe de Pasarela:
As suas casas son brancas,
E unhas pombas asomellan,
Sobr' un tarréo pousadas,
No tempo da sementeira"

Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Dende o alto das rosadas, milenarias i escachadas rochas graníticas da enseada do Ézaro, -o único pero espectacular recuncho de mar do concello coruñés de Dumbría-, contémplase a fría morte do Xallas no inmenso Océano Atlántico. Dende o granítico alto da fervenza, a pintoresca vila do Pindo semella minúscula, arroupada polos indómitos mares da Costa da Morte. Os pondalianos "feros corvos" enloitan o ceo dos solpores dos confíns da terra. Semella como se estivesen a escoitar un réquiem de bardos bos e xenerosos para protagonizar a procesión máis antiga e ollar dende o recuncho máis privilexiado a lendaria Fervenza do Xallas.


Esta importantísima xoia natural é o único río do vello continente europeo que desemboca en fervenza sobre do mar, mais por desgraza, a partires do ano 1897 comezaría a ser cruelmente apresado e canalizado pola interesada man humana, decapitado por unha xigantesca presa de formigón. Ás veces o turismo consegue un domingo de liberdade para o pobre Xallas, para abrir un pouco o grifo e sacar unhas instantáneas dunha agónica, programada e paradisíaca morte. A nós tocaranos deleitarnos coas fotos dun Xallas que xa non ensina o seu máis fermoso e digno arte de morrer. Algún día ha volver ser libre, cavilei, namentres albiscaba outra morte, a do sol que cada día tingue de sangue este horizonte, estes confíns de terra, salitre e marusías, alcumados Costa da Morte.