sábado, 22 de xullo de 2017

Portomarín e o rumor das ondas do Miño


“O rumor das ondas chega
ata o meu leito ferido,
semella un doce lamento
a dor enteiro do Miño.

¿Onde estan os sedentos sacrificios
que se estinguen na palabra permanente,
onde o húmido segredo persistente
dunha boca marxinada polos beizos?

¿Que se fixo da dourada oscuridade
encamiñada ó cansancio das estrelas,
e do pracer acochado na ramaxe
da tormentosa faísca da fogueira?”
Mª do Carme Kruckenberg, Alegoría do ensoño ferido

Hai pouco máis dun mes, con motivo da popular feira de gando do concello lugués do Páramo, achegaríame até a veciña vila de Portomarín trala senlleira Igrexa de San Nicolás e na procura dos máis espirituosos i etílicos encantos que agocha estoutro paraíso da ribeira miñota. Faríao, desta volta, acompañado polos meus prezados amigos Oriol, Ana, Damián e Óscar. Entramos en Portomarín ascendendo a súa impoñente escalinata e atravesando a pequena e feiticeira Capela das Neves, antano hospital de peregrinos e punto de vixilancia da vella ponte romana; agora asolagada. Portomarín é un recuncho máxico, un pequeno e afastado paraíso que garda a meirande parte da súa historia somerxida baixo “o rumor das ondas” do Miño. Esta vila naceu nun extremo daquela ponte romana, erixida sobre do Miño no século II e reconstruída na Idade Media, e a carón mesmo do Camiño de Santiago que transcorría sobre dela. A antiga vila estaba constituída por dous barrios, divididos polo Río Miño, o de San Pedro na marxe esquerda e o de San Xoán na dereita. Mais no ano 1962, coa construción do Encoro de Belesar, o pobo de Portomarín tería que ser trasladado de lugar até o Monte do Cristo. Nesta nova localización asentaríase a Igrexa de San Nicolás, así como a pequena Igrexa de San Pedro, erixida no século X. Ámbalas dúas serían trasladadas pedra a pedra, xunto con algúns pazos como o do Conde da Maza, do século XVI, e o Pazo dos Pimentales ou de Berbeteros, do século XVII. Baixo as augas dun Miño aforcado ficaron para sempre asolagados os antigos fogares e a ponte primitiva.

Capela das Neves, Portomarín
A Igrexa de San Nicolás, tamén coñecida como Igrexa de San Xoán, presenta unha planta rectangular de estilo románico que sería erixida entrámbolos séculos XII e XIII pola Órde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén. Durante a Idade Media, o antigo Portomarín debeu de acadar gran importancia, posto que chegaría a contar con tres ordes de cabalería. Na marxe esquerda estaban os Cabaleiros da Orde de Santiago e da Orde do Templo, namentres que na dereita estaban os monxes Cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén. O carácter guerreiro destes monxes explica o aspecto ameado, máis propio dunha torre ou fortaleza, que atesoura esta Igrexa de San Xoán ou de San Nicolás. A orixe da vila de Portomarín parece estar ligada ó Conde Don Gutierre e á Condesa Dona Ilduara, os proxenitores de San Rosendo; bispo de Mondoñedo e fundador do Mosteiro de Celanova. Esta vila luguesa de Portomarín xa aparece citada como “Portumarini” no ano 792, e como “Pons Minea” no Códice Calixtino. 

Igrexa de San Nicolás de Portomarín
A vila de Portomarín foi sempre unha parada obrigada de grande importancia no Camiño de Santiago, chegando a vivir o seu maior esplendor entrámbolos séculos X e XII. A súa historia, agora acalada baixo o leito do Miño, conta tamén que no ano 1112 a ponte sería destruída por Dona Urraca para frear o paso das tropas do seu marido, Afonso o Batallador, mais tan somentes oito anos despois ordenaría reconstruíla a un tal Pedro O Peregrino. O murmurio do Miño aínda lembra o tempo no que o Arcebispo Pedro Arias entregaría o burgo de Portomarín á recen creada Orde de Santiago, mais tamén cando baixo o reinado de Alfonso IX, a vila pasou a depender da orde de San Xoán de Xerusalén. O rumor das ondas do río, adoita lembrarse do vello hospital que no 1126 erixiu Pedro O Peregrino, en cuxa fachada se podía ler “Domus Dei” (casa de deus), en cuxas entrañas achaban calor e protección os peregrinos; e cuxos muros serían derrubados para sempre no ano 1944. 

Fachada da Igrexa de San Nicolás de Portomarín
Malia o paso do tempo, o traslado da vila, o asolagamento da súa ponte e das construcións máis primitivas, esta vila non perdeu o seu espírito nin o seu celme nin a súa historia, nin as súas igrexas nin os seus peregrinos. Portomarín segue a ser unha importantísima meta do Camiño, un lugar onde é posible naufragar na súa historia i escoitar as súas lendas no afastado “rumor das ondas” do Miño. 

domingo, 14 de maio de 2017

O lar dos marqueses de Santa Cruz de Rivadulla


“Guimeráns è linda pousa,
mais Ximonde sin disputa,
e mais qu'entrambas ainda
Santa Crús de Ribadulla”
Marcial Valladares, Cantigueiro popular

Na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla, no concello coruñés de Vedra, aló onde o serpeante Ulla reflicte a silueta meiga do Pico Sacro, localízase un dos máis senlleiros pazos da nosa terra. O Pazo de Santa Cruz de Ribadulla foi erixido no lugar de Ortigueira, - de aí que tamén se lle teña coñecido como Granxa ou Torre de Ortigueira -, e sería adquirido no século XVI polo cóengo da Catedral de Santiago, Juan Ibáñez de Mondragón, que coa colaboración do seu sobriño Juan de Mondragón, ampliarían a propiedade, edificarían unha capela, restaurarían os antigos edificios, amurallarían as súas inmensas terras e comezarían a delimitar o seu uso en tres zonas principais; unha para monte, outra para cultivo e outro terzo para as hortas e xardíns d’arredor do fogar.


Tamén por aquel entón, Ibáñez de Mondragón trazaría paseos e avenidas ca fin de serviren de corredores centrais que comunicasen as distintas parcelas e contribuísen a mellorar o acceso ás mesmas. Un destes paseos, a bo seguro que o máis coñecido, é o das oliveiras; un infindo e romántico vieiro conformado polas ramaxes dunhas 500 oliveiras aliñadas en dúas ringleiras paralelas que semellan entrelazar as súas pólas e reigames. Mais aquel cóengo tamén conformaría outros moitos paseos que amais de servir de acceso ás terras de cultivo e de embelecer i engrandecer este pazo, serían trazados ca fin de seren tamén un campo de cultivo para acadar o prezado aceite de oliva e o máis esencial Viño do Ulla; o tinto e o branco. 


Aló polo século XIX, o VII Marqués de Santa Cruz de Rivadulla, Iván Armada y Fernández de Córdoba, comezaría a engrandecer os xardíns do pazo, aumentando tanto o número como a variedade de especies e contribuíndo a que hoxe en día este pazo sexa recoñecido internacionalmente polas súas camelias. As primeiras citas sobre estas especies, que aparecen reflectidas nun caderno do Marqués, datan de entrámbolos anos 1875 e 1899. Mais neste caderno, Iván Armada relata cómo plantou unhas camelias a carón doutras que tiña xa plantadas no xardín. Aquelas outras xa acadaban os sete metros de altura, polo que poida que fosen plantadas uns cantos anos atrás; crese que entre o 1780 e o 1820. 


Nos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla conviven especies do máis exóticas i heteroxéneas, dende as xa citadas vides, oliveiras e camelias, até buxos, fieitos australianos, tulipáns de Virxinia, palmeiras de Washingtonia, magnolias ou criptomerias. Iso sen esquecer os cipreses, os cedros e as roseiras. A carón da fervenza pola que brincan as augas que nutren os xardíns e as terras desta Granxa de Ribadulla, tamén medran fentos e musgos, silveiras, loureiros,  salgueiros e xestas. 


De fronte mesmo á entrada principal do pazo, localízase a monumental Fonte da Coca, deseñada no ano 1676 polo ilustre arquitecto compostelán Diego de Romay e mandada construír polo I Marqués de Santa Cruz de Rivadulla, Andrés Ibáñez de Mondragón.  A Coca, ou Tarasca, é un ser da mitoloxía galega que representa a un dragón alado e que forma parte do símbolo heráldico da estirpe dos Mondragón. Este símbolo aínda fica presente na meirande parte dos escudos do pazo, concretamente representado por dous dragóns cos seus alongados corpos entrelazados. 


Neste Pazo de Ribadulla pasaría os derradeiros capítulos da súa vida o xeneral Alfonso Armada, IX Marqués de Rivadulla, logo de pasar escasos cinco anos no cárcere por liderar, xunto con outros militares españois, o intento de golpe de Estado do 23 de febreiro do ano 1981. 

As pombas muiñeiras de Santa Margarida


“Miña santa Margarida,
Miña Margarida santa,
Tendes a casa no monte,
Donde ó paxariño canta”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

Namentres me internaba paseniño neste pequeno pulmón urbano da miña amada cidade herculina, neste inusitado i esquecido verxel de Santa Margarida, viñeron á miña memoria instantáneas fuxidías que me trasladaron á miña infancia; ás excursións de fin de curso da Educación Primaria coas que coñecín as entrañas da Casa das Ciencias e da Casa do Home, o históricos corazóns do Castelo de Santo Antón e da Torre de Hércules, e até os misterios submariños que atesoura a Casa dos Peixes. A cada paso íanseme aparecendo aqueles inocentes e ledos instantes que semellaban esquecidos baixo as arañeiras do tempo; o estanque dos parrulos, os xardíns, a cabeceira, o pequeno anfiteatro, o Pazo da Ópera, a escuridade do planetario e o xigantesco péndulo de Foucault que pendura dende o alto da Casa das Ciencias. Do único que non me lembraba era do solitario muíño de vento que desta volta me fixo retornar, outro de tantos muíños desta tipoloxía que chegou a atesourar esta cidade de brancas galerías, esta mitolóxica península azoutada dende sempre polos bravos ventos do mar.  


Dada a escaseza de cursos fluviais na contorna da cidade, e dadas as súas características climáticas e orográficas, A Coruña ten chegado a atesourar un importante número de muíños de vento que comezarían a desaparecer durante o século XX. O Muíño de Santa Margarida é o único muíño de vento que se conserva na cidade, a derradeira testemuña destas pequenas e sustentables construcións de indubidable importancia na historia desta urbe atlántica. Este muíño, erixido a uns 60 metros de altitude sobre do nivel do mar neste pequeno outeiro de Santa Margarida, fica perfectamente orientado ca fin de aproveitar os ventos predominantes; os do nordés e os do suroeste. Mais por sorte ou por desgraza, aló polo 1916 sería reconvertido en pombal pola Sociedade Colombófila Coruñesa, luxando de frasca a enxeñaría máis sostible, a tecnoloxía máis primitiva, a humilde casa das ciencias esquecidas.


Hoxe o vento somentes sopra para alentar o voo das pombas muiñeiras, as derradeiras sentinelas desta pequena e histórica construción. Baixo dos seus teitos aniñan cada ano as andoriñas, sobre do seu mastro brincan merlos, lavandeiras e gorrións. Malia que non xiren cos ventos as súas aspas alongadas e garridas, este Muíño de Santa Margarida é a derradeira testemuña dunha Coruña muiñeira e descoñecida para a meirande parte de nós.