“Miña santa Margarida,
Miña Margarida santa,
Tendes a casa no monte,
Donde ó paxariño canta”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos
Namentres me internaba paseniño neste pequeno pulmón urbano da miña amada cidade herculina, neste inusitado i esquecido verxel de Santa Margarida, viñeron á miña memoria instantáneas fuxidías que me trasladaron á miña infancia; ás excursións de fin de curso da Educación Primaria coas que coñecín as entrañas da Casa das Ciencias e da Casa do Home, o históricos corazóns do Castelo de Santo Antón e da Torre de Hércules, e até os misterios submariños que atesoura a Casa dos Peixes. A cada paso íanseme aparecendo aqueles inocentes e ledos instantes que semellaban esquecidos baixo as arañeiras do tempo; o estanque dos parrulos, os xardíns, a cabeceira, o pequeno anfiteatro, o Pazo da Ópera, a escuridade do planetario e o xigantesco péndulo de Foucault que pendura dende o alto da Casa das Ciencias. Do único que non me lembraba era do solitario muíño de vento que desta volta me fixo retornar, outro de tantos muíños desta tipoloxía que chegou a atesourar esta cidade de brancas galerías, esta mitolóxica península azoutada dende sempre polos bravos ventos do mar.
Dada a escaseza de cursos fluviais na contorna da cidade, e dadas as súas características climáticas e orográficas, A Coruña ten chegado a atesourar un importante número de muíños de vento que comezarían a desaparecer durante o século XX. O Muíño de Santa Margarida é o único muíño de vento que se conserva na cidade, a derradeira testemuña destas pequenas e sustentables construcións de indubidable importancia na historia desta urbe atlántica. Este muíño, erixido a uns 60 metros de altitude sobre do nivel do mar neste pequeno outeiro de Santa Margarida, fica perfectamente orientado ca fin de aproveitar os ventos predominantes; os do nordés e os do suroeste. Mais por sorte ou por desgraza, aló polo 1916 sería reconvertido en pombal pola Sociedade Colombófila Coruñesa, luxando de frasca a enxeñaría máis sostible, a tecnoloxía máis primitiva, a humilde casa das ciencias esquecidas.
Hoxe o vento somentes sopra para alentar o voo das pombas muiñeiras, as derradeiras sentinelas desta pequena e histórica construción. Baixo dos seus teitos aniñan cada ano as andoriñas, sobre do seu mastro brincan merlos, lavandeiras e gorrións. Malia que non xiren cos ventos as súas aspas alongadas e garridas, este Muíño de Santa Margarida é a derradeira testemuña dunha Coruña muiñeira e descoñecida para a meirande parte de nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario