venres, 18 de novembro de 2011

Adeus, Cidade da Coruña


¡Ouh, meiga cibdá d'a Cruña,
Cibdá d'a torre herculina,
de xeneraciós recordo
máis fortes q' as d' hoxe en dia;
Cibdá que por'sobr' os mares
érguel-a cabeza altíva,
cal onte n 'as tuas murallas
o brazo de María Pita:
¿Qué tés n'ese teu recinto,
que tés pr'os que te visitan,
que conecerte non poden
sin que deixarte non sintan?

Manuel Curros Enríquez

Cheguei a esta cidade cuns estreados dezaoito anos para rematar os meus estudos e comezar a voar. Sete anos despois, o destino, coma una coitela, rachou coa monotonía para obrigarme a buscar un leito baixo o máxico mapa estelar da nosa histórica Capital, Santiago de Compostela. A escasos días da miña inminente fuxida, comezo a pensar nas noites coruñesas e os seus marítimos abrentes, na melancólica visión dende os cristais dunha vella galería ou no impetuoso e bravo vento que, coma de costume, azouta o faro máis vello, a Torre de Hércules. Lembrarei por sempre a súa fermosa muralla defensiva e o Castelo de San Antón, bastións defensivas da cidade, e como non, a María Pita; heroína e defensora coruñesa que, aló polo século XVI, loitou contra flota da armada inglesa capitaneadas polo corsario Francis Drake para libertar a súa cidade. Non esquecerei xamais as leccións aprendidas nestes sete capítulos de vivencias nin os amenos seráns de Orillamar, onde acostumábamos a deixarnos naufragar na estrela máis dourada do país; a de Galicia. Resulta estraño e desconcertante para min enfrontarme a unha nova cidade, unha nova xente e unha nova vida, mais onde queira que vaia e onde queira que pise, levarei a canda min todas esas vivencias, todas esas leccións aprendidas, e o grato recordo dunha xente marabillosa. A cidade que bautizou a miña independencia deixará de ser o meu fogar de aluguer para pasar a ser un banco de recordos no caixón dunha memoria, cada vez máis roída polo tempo. Os meus ollos ficarán nos cons dunha deserta Praia do Orzán, no seu mar e nas súas illas, as miñas mans na humidade das pedras da Torre e os meus pés, non o dubidedes, percorrendo Galicia. Boa sorte pois, amigos coruñeses, que o vello faro continúe aloumiñando, coma cada noite, o noso mar e as nosas perigosas ribeiras atlánticas!.

luns, 14 de novembro de 2011

Estaca de Bares, mástil do Norte



Lat.: 43º 47' 23.6” N, Lonx.: 7º 41' 17.9”O

“Aló en baixo, o Atlántico; mirando á man dereita o Cabo Ortegal, o mar Cantábrico, a Estaca de Bares, a serra da Coriscada, a Faladora, o monte Caxado, a ría e vila de Ortigueira...”
Narciso Luaces

Non podiamos liscar das terras da Mariña Occidental sen pasarnos polo rochoso mástil do Norte, a punta de Estaca de Bares. Este recodo atópase no Concello de Mañón, entre as rías de Ortigueira e O Barqueiro. Esta enclave é o punto máis setentrional do país e, ó igual ca Ortegal, fica coma fronteira de mares, linde mariño que divide o Océano Atlántico do Mar Cantábrico, nun acompasado valse de ventos que acompañan o itinerante voo das aves de paso. A paisaxe de cantís mostra a cara máis feroz destas terras, onde o vento, coma un perfeccionista e metódico escultor, foi azoutando a súa furia e moldeando a vertixinosa paisaxe. Deixamos atrás o fermoso Faro de Estaca de Bares collendo rumbo ó Norte e loitando de cara a un vento oposto e resistente para ollar as invisibles ribeiras bretonas e os galeóns empuxados polo vento da necesidade. Unha vez desafiamos as forzas da natureza, decidimos baixar a Porto de Bares, unha abrigadiña e xeitosa vila mariñeira onde as chalanas descansan na area da praia, a carón do mar onde viaxan ceibes cada abrente, cada alborada. A vila móstrase silenciosa e solitaria, completamente inmersa no ruxido feroz do seu mar. Pero o máis sorprendente deste pequeno porto pesqueiro é o seu Dique fenicio, anterior á chegada dos romanos, e construído con bolos ou pedras circulares moldeadas pola acción mariña. Voltarei, algún día, a retarme co vento de Estaca de Bares!

domingo, 13 de novembro de 2011

Cudillero, anfiteatro cantábrico e mariñeiro


"Y al cabo nada debo si no hay pesca prendo fuego,
me salgo al mar y quemo hasta el último aparejo,
que carguen a su espalda y su conciencia un hombre menos,
hoy siete de febrero, sello y firmo en Cudillero".
Víctor Manuel

Cansados de atravesar fronteiras e sendas veciñas, decidimos facer parada e tomar folgos nun encrave único e, sen dúbida, un dos lugares máis impresionantes de Principado de Asturies; o singular pobo mariñeiro de Cudillero, ou como dirían os astures; CuideiruEste lugar recibe o nome de anfiteatro pola disposición das súas casas, que simulan ficar penduradas nun monumental palco cara ó mar e á praza do mesmo. Todas elas, pintadas de distintas cores pero todas unidas entre si nun intricado labirinto de estreitas rúas e escalonadas fachadas, unas por riba das outras nun conxunto variopinto de vivendas que semellan non querer perderse ningún detalle da función. Inundado de brisa cantábrica, esta vila é un bule-bule de veciños, coñecidos como pixuetos, e visitantes, artistas ou bohemios que se mergullan entre as súas rúas na busca da mellor instantánea e do mellor recuncho onde inspirarse e deterse cada pouco a ollar, sinxelamente, a propia vida deste lugar. O Faro de Cudillero completa a fantástica estampa marítima que se avista dende calquera fiestra das incontables fachadas deste pintoresco anfiteatro. Non é xusto falar destas terras astures sen citar á fermosísima Praia do Silencio, no mesmo concello e á cal é case imposible acceder se non é camiñando. Sorprenden os seus cantís e o seu nome; Silencio. Quizais pola súa inaccesibilidade ou pola soidade que habita nesta praia a maior parte do ano. Prometo volver a pisar o escenario mariñeiro de Cudillero!