luns, 14 de novembro de 2011

Estaca de Bares, mástil do Norte



Lat.: 43º 47' 23.6” N, Lonx.: 7º 41' 17.9”O

“Aló en baixo, o Atlántico; mirando á man dereita o Cabo Ortegal, o mar Cantábrico, a Estaca de Bares, a serra da Coriscada, a Faladora, o monte Caxado, a ría e vila de Ortigueira...”
Narciso Luaces

Non podiamos liscar das terras da Mariña Occidental sen pasarnos polo rochoso mástil do Norte, a punta de Estaca de Bares. Este recodo atópase no Concello de Mañón, entre as rías de Ortigueira e O Barqueiro. Esta enclave é o punto máis setentrional do país e, ó igual ca Ortegal, fica coma fronteira de mares, linde mariño que divide o Océano Atlántico do Mar Cantábrico, nun acompasado valse de ventos que acompañan o itinerante voo das aves de paso. A paisaxe de cantís mostra a cara máis feroz destas terras, onde o vento, coma un perfeccionista e metódico escultor, foi azoutando a súa furia e moldeando a vertixinosa paisaxe. Deixamos atrás o fermoso Faro de Estaca de Bares collendo rumbo ó Norte e loitando de cara a un vento oposto e resistente para ollar as invisibles ribeiras bretonas e os galeóns empuxados polo vento da necesidade. Unha vez desafiamos as forzas da natureza, decidimos baixar a Porto de Bares, unha abrigadiña e xeitosa vila mariñeira onde as chalanas descansan na area da praia, a carón do mar onde viaxan ceibes cada abrente, cada alborada. A vila móstrase silenciosa e solitaria, completamente inmersa no ruxido feroz do seu mar. Pero o máis sorprendente deste pequeno porto pesqueiro é o seu Dique fenicio, anterior á chegada dos romanos, e construído con bolos ou pedras circulares moldeadas pola acción mariña. Voltarei, algún día, a retarme co vento de Estaca de Bares!

domingo, 13 de novembro de 2011

Cudillero, anfiteatro cantábrico e mariñeiro


"Y al cabo nada debo si no hay pesca prendo fuego,
me salgo al mar y quemo hasta el último aparejo,
que carguen a su espalda y su conciencia un hombre menos,
hoy siete de febrero, sello y firmo en Cudillero".
Víctor Manuel

Cansados de atravesar fronteiras e sendas veciñas, decidimos facer parada e tomar folgos nun encrave único e, sen dúbida, un dos lugares máis impresionantes de Principado de Asturies; o singular pobo mariñeiro de Cudillero, ou como dirían os astures; Cuideiru. Este lugar recibe o nome de anfiteatro pola disposición das súas casas, que simulan ficar penduradas nun monumental palco cara ó mar e á praza do mesmo. Todas elas, pintadas de distintas cores pero todas unidas entre si nun intricado labirinto de estreitas rúas e escalonadas fachadas, unas por riba das outras nun conxunto variopinto de vivendas que semellan non querer perderse ningún detalle da función. Inundado de brisa cantábrica, esta vila é un bule-bule de veciños, coñecidos como pixuetos, e visitantes, artistas ou bohemios que se mergullan entre as súas rúas na busca da mellor instantánea e do mellor recuncho onde inspirarse e deterse cada pouco a ollar, sinxelamente, a propia vida deste lugar. O Faro de Cudillero completa a fantástica estampa marítima que se avista dende calquera fiestra das incontables fachadas deste pintoresco anfiteatro. Non é xusto falar destas terras astures sen citar á fermosísima Praia do Silencio, no mesmo concello e á cal é case imposible acceder se non é camiñando. Sorprenden os seus cantís e o seu nome; Silencio. Quizais pola súa inaccesibilidade ou pola soidade que habita nesta praia a maior parte do ano. Prometo volver a pisar o escenario mariñeiro de Cudillero!


xoves, 10 de novembro de 2011

O vento mareiro de Baroña


"Doce a vista desde longe,
Castro boó, castro compreto,
¡Ou castro, amigo dos celtas,
Antr' os castros o primeíro!"
Eduardo Pondal

Poucos lugares quedan xa coa maxia, historia e natureza que posúe o milenario Castro de Baroña, no municipio coruñés de Porto do Son. Este fermosísimo lugar fica nunha minúscula península, moi preto da Praia de Arealonga, -curiosamente, ó igual que o Castro de Fazouro, no termo municipal de Foz, Lugo-, e a súa historia remóntase ós siglos I a.C. e I d.C., cando os primitivos habitantes desta cidadela se asentaron neste istmo, co fin de atopar unha fonte de alimento constante; os froitos do mar.



Este castro mariñeiro ten unha liña de muro defensivo e un foxo, así como unha vintena de pequenas vivendas, separadas en dúas áreas. Unha delas, a inferior, está desprotexida da intemperie, a carón das murallas e conta con pequenas escaleiras polas que se accedía ó alto dos muros. Sen embargo, a zona máis elevada parece estar máis resgardada por un túmulo de rochas acoiteladas, pero conserva unhas escaleiras, xa da era romana, que lle aportan un cariz máis portentoso, ademais de posuír as mellores vistas do castro. Ámbalas dúas zonas están divididas pola entrada principal e por unha praza ou zona aberta que antano, a bo seguro, debeu ser o corazón desta cidadela. Pese a non ter auga doce no interior, non resultaría estraño atopar pequenos regatos nos arredores. O tempo foi pasando e esta vella xoia e as súas preciosas pedras, resistíronse eternamente a seren moldeadas polo vento mariñeiro e o salgado recendo do mar. Longa vida a Baroña, e a tódolos castros galegos!