xoves, 15 de decembro de 2011

O castro cantábrico de Fazouro


“Así dixo o vello, e séntase,
cravando os ollos no chan.
E ó pé do castro, qu'as brétemas
da noite cubrindo van,
tamén de loito cuberto
maxinando tanto mal,
soliño, entr'as negras ruinas,
sóltase, o probe, a chorar!”

Arcebispo Lago, O derradeiro Celta

Achegámonos, desta volta, ó norte galaico para contemplar os cantís da feroz beira cantábrica, máis concretamente, ó pequeno pero impresionante Castro de Fazouro, no municipio mariñán de Foz. Pendurado nun istmo e a carón da Praia de Area Longa, descansan as vellas ruínas deste particular castro marítimo que datan dos séculos I ó III d.C. Fazouro é o único castro da costa cantábrica galega, o que o fai especial e dobremente singular. Este conxunto conta, tamén, cun foxo defensivo e unhas nove edificacións, que carecen de murallas. Cabe destacar, tamén, que a principal diferenza deste castro con respecto a outros moitos castros galegos, é a lousa coa que se foron construíndo os muros destes antigos fogares.


A mesma lousa que centos de anos despois, foi usada tamén para cubrir os teitos de moitos fogares galegos. Dende a Mariña na que descansa este castro, pasando polas Fragas do Eume e a Terra Chá, ata ben atravesadas as húmidas devesas do Caurel; a lousa acouga os teitos e muros dos fogares dos nosos ancestros, protexendo as xélidas noites de inverno e refrescando os fogares nas duras e secas épocas estivais. O Castro de Fazouro álzase na escarpada ribeira cantábrica, e os seus ventos mariñeiros, foron erosionando e modificando a estrutura inicial do poboado, facendo posible a desaparición de algunha que outra construción, logo de ser escavado no ano 1963 e máis recentemente estudado no 1988. A maior parte das unidades familiares deste castro teñen unha estrutura cadrada, fronte a unha construción que presenta unha estrutura ovalada, o que pode denotar unha influencia romana. Non cabe dúbida de que este pequeno castro ten unha importancia maiúscula pola súa localización, de cara ó Mar Cantábrico, nun encrave único e conformado por unhas lousas destinadas a rememorar vellas loitas castrexas, así como un cento de lendas, que non merecen caer no caixón do esquecemento. Que as lousas deste fermoso castro fiquen por sempre, a carón do seu Mar Cantábrico! 

2 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Xa lin esta fermosa viaxe ata a beira cantábrica galega, ata este castro de lendario nome. Non é doado ver castros de lousa, un dos moitos elementos que o convirten nunha das citanias máis particulares e interesantes do noso país. Encantoume o artigo e máis aínda as fotos, pero o que máis me gustou foi ese alegato a favor da lousa que desenrolas.
Unha vez máis, noraboa

I. Iván Fraga Moure dixo...

Grazas, companheiro!, abofé que a lousa é unha particularidade de moitos recunchos que pisamos e onde buscamos refuxio no noso país, aldeas enteiras que son auténticos monumentos de lousa, mais tamén é certo que a "febre moderna da lousa", está ferindo, con minas, boa parte de lugares tan espectaculares coma O Caurel. Un saúdo, Xoán, e grazas pola visita!