martes, 21 de decembro de 2010

Corcubión recende a historia



“En Corcubión a música tolda a luz do dia e a lua e o sol e retrocede
interior e se retrai humana”.
Cesáreo Sánchez

Baixando por San Pedro da Redonda, escoitamos os latexos da vella historia dos Condes de Traba e o seu poderío, mentres que no horizonte comezamos a divisar o fermoso Areal de Quenxe, aloumiñando o mar e sen rompe-la paz da súa ría, na que fican tres dos seus grandes tesouros; o delicioso berberecho, o Carrumeiro e a misteriosa Illa da Lobeira. Esta última, unha das máis misteriosas e lendarias da Costa da Morte, noutros tempos habitada por solitarios fareiros e somentes alugada, na actualidade, ás gaivotas embravecidas dos confíns da terra. Mais esta vila señorial garda en terra a meirande parte dos seu importante patrimonio, historia traballada na pedra e ollada dende aburguesadas galerías, que nos falan dun grandioso pasado e un respectuoso presente. Senón, un só ten que visitar a Igrexa de San Marcos ou O Pazo de Altamira, ou o Castelo do Cardeal, que formou parella no seu dia co Castelo do Príncipe, na Ameixenda e xusto na beira contraria, para defender a entrada da Ría de posibles perigos. As súas rúas e as súas edificacións fan deste lugar un auténtico museo de cantería. Mais a cultura sempre tivo en Corcubión e nos seus habitantes un lugar moi preferente. Boa mostra disto é a creación na diáspora da revista Alborada, a comezos do século pasado, ou a inmensidade de actividades culturais que se deron cita nesta vila, e nas que a figura de D. Rafael Mouzo, alcalde nacionalista deste Concello durante máis de vinte anos, foi decisiva. Por iso fixemos parada nesta vila señorial que fica en paz, secularmente adurmiñada á beira da súa ría para seguir a conservar o seu esplendoroso pasado.

xoves, 23 de setembro de 2010

O Legado de Mariñán



"No Pazo Desolado cain follas sen vento: aves lonxanas que pechan
os ollos e volven durmir"

Cesáreo Sánchez

Mergullámonos na historia ó chegar a Mariñán, -inmersos no Concello de Bergondo-, i en concreto na Quinta de Bergondo, máis coñecido por Pazo de Mariñán, unha xoia da nobreza galega. Por moitos é coñecido tamén como a Casa de Láncara, en referencia ó seu último propietario, Xerardo Bermúdez de Castro e Suárez de Deza. Pero este privilexiado fogar, que fica á beira da Ría de Betanzos dos Cabaleiros, comezou sendo unha torre defensiva a carón do curso do Mandeo e creada aló pola Idade Media da man de Gómez Pérez das Mariñas. O paso do tempo foi trocando a finalidade e o estilo construtivo desta vella fortaleza, que durante os séculos XVII e XVIII, foise transformando nun pazo residencial da alta sociedade da época e adquire a estrutura en forma de "U" que ten na actualidade. En definitiva, unha vella fortaleza convertida en pazo nobiliario.


Na actualidade, o pazo conta con numerosos elementos barrocos e neoclásicos que aportan unha certa distinción con respecto a outros moitos pazos galegos, é o caso da Capela en honor a San Roque, que data do século XV e fundada por Constanza das Mariñas, ou dos rostros pétreos que abundan e vixían as fermosas escalinatas e dos que se cre que poden ser criados, administradores, ou mesmo bustos de iconografía indioamericana. Non menos distintivo é o parterre de buxo que engalana o xardín principal ou as diversas fontes e especies arbóreas que aquí fican dende antano, como é o caso de eucaliptos xigantescos, cipreses, palmeiras ou camelias. Tamén cabe sinalar o seu impoñente pombal e as súas marabillosas vistas á Ría de Betanzos. Trala morte do Señor de Láncara en 1936 sen deixar descendencia, o pazo pasou a mans da Deputación da Coruña, e no 1972 foi declarado Conxunto Histórico-Artístico. Agora todos podemos percorrer os xardíns franceses do pazo e ollar a súa privilexiada paisaxe, pois o legado de Mariñán abrangue a tódolos galegos.

xoves, 12 de agosto de 2010

Buño dos oleiros


"Na escola-torno, somos os oleiros
e vós o barro cantareiro"

Miguel Anxo Mouriño

Buño é o pobo dos alfareiros, artesáns que dan forma dende o século XVI a multitude de pezas tradicionais como cuncas, vaixelas, cazolas, potas e, por suposto, o espitado; unha peza decorativa moi usual nas épocas romanas. Do barro moldeado coas mans nacen pezas que noutros tempos resultaban imprescindibles, e Buño era a escola dos oleiros, sen dúbida, o pobo alfareiro máis importante do país Galego. Non se pode pasar por Buño sen visitar o quinteiro do Forno do Forte, ergueito no século XIX e composto por un forno, un cabanote, un cabazo e as casas dos alfareiros e xornaleiros. Na actualidade, esta vila bergantiñá, ten unha cita anual coa vella laboura dos alfareiros na súa Mostra da Olería, que se está a celebrar dende o día 6 e que rematará o vindeiro día 15 deste mes. Nas mans destes oleiros queda a mestría e a dura laboura de conservar a tradición. Nas nosas, a de valorala. Velaí unha listaxe dalgúns dos oleiros de Buño, con nomes e apelidos:

Aparicio Añón Caamaño, Xosé A. Añón Lista, Lola Faya Puñal, Xosé A. Corral, Pilar Gómez Caamaño, Carmen Labrador Fariña, Fernando Mourón, Juan J. Nieto Carril, Antonio Pereira, Carmen Regueira Ordóñez, Lidia Trigo Suárez, María Añón Souto, Alce Buño, Obradoiro Cambón, Obradoiro Feituras e Obradoiro Sarandeo.