“A mañá de Allariz vai e ven na mañá clara
do rio Arnoia.
O verán cala en mel é labio que beixa a Raiña Adormecida
O verán cala en mel é labio que beixa a Raiña Adormecida
e, nas follas das árvores, a
sua infancia le as letras
que este dia último de Xullo debuxa”.
que este dia último de Xullo debuxa”.
Cesáreo Sánchez
Acompañamos o curso do río Arnoia para adentrarnos
nunha fermosa e mítica vila da Provincia de Ourense, Allariz. Visitamos estas
terras para ollar de preto o seu importante patrimonio cultural, monumental e
natural. A xoia principal deste fermoso lugar é, sen dúbida, o seu coidado
casco histórico, onde as pesadas lousas fican xa fatigadas polo tempo,
desgastadas polo destino das nosas propias pisadas. Outro valioso monumento que
paga a pena visitar é a Igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, afundida nos húmidos
vales que o Arnoia foi rabuñando por entre os montes dos Canteiros e Armariz. Situada no corazón dun importante cruce de
camiños, a vila de Allariz naceu das mans dos reis e condes do antano próspero
Reino Suevo de Galicia. O seu nome é un reflexo daquela esquecida época: Vila Alaricii, “o burgo de Alarico”. Os monarcas
galegos e leoneses contribuíron a incrementar a súa fama e importancia: construíronse
murallas, erguéronse mosteiros, pazos e pontes sobre o Arnoia, conformando unha
vila de granito envellecido polo tempo e moldeado pola historia. Os seus habitantes adicáronse dende tempos
inmemoriais ás actividades agrícolas. Así o demostra o feito de que a súa
principal actividade fora o cultivo e tecido do liño primeiro; e o curtido do
coiro en tempos máis recentes. Que o Arnoia continúe levando no seu curso as
Augas Santas ó feiticeiro lugar de Allariz!





