“O mosteiro de Aciveiro
a súa misión era un afán
escribir a verdadeira historia
agachada no Monte Candán”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración
No xélido corazón da impoñente Serra do Candán, aló polas verdescentes Terras de Montes, o Mosteiro de Santa María A Real de Aciveiro resiste agoirando tempos mellores alén da incómoda paz, -concibida no silencio, florecida na soidade-, que reina nestes esquecidos outeiros do concello pontevedrés de Forcarei. Moitas lendas se terían forxado arredor desta sacra construción dende a súa fundación, aló polo século XII, até o comezo da súa agonía; precedida pola exclaustración que chegaría no século XIX coa desamortización. Este senlleiro mosteiro galego erixido a máis de 700 metros de altitude, pertence á Órde do Císter e componse dunha igrexa románica do século XII cunha sobria fachada barroca, dous claustros, -o do curro e o procesional-, e o edificio monacal; onde se localizan dependencias erixidas a partires do século XVI. O mosteiro abriu as súas portas no ano 1135 da man de doce monxes fundadores e co patrocinio do último rei de Galicia, Afonso VII, que lles asignaría a xurisdición dun dos coutos máis inmensos da Galicia medieval, chegando a limitar cos dominios dos mosteiros ourensáns de Oseira e Melón. Ó longo da súa historia, o mosteiro mantería tantos preitos que tería que designar a frades para residir en Compostela, A Coruña e Valladolid para ocuparse da tramitación e defensa dos seus intereses. O mosteiro mantivo un colexio de teoloxía moral, conxuntamente co Mosteiro de Xunqueira de Espadañedo, mais pecharía arredor do ano 1800, sendo trasladado a Salamanca e á Espina.
No ano 1649, o mosteiro sufriría un incendio que botaría a perder boa parte das súas dependencias, especialmente a biblioteca, que ardería na súa totalidade. E por se fose pouco, no ano 1809, durante a Guerra da Independencia, os franceses queimarían o mosteiro reducíndoo a escombros, mais sería restaurado posteriormente da man do arquitecto Xosé Castro Vallejo. No ano 1835, coa desamortización de Mendizábal, disolveríase definitivamente a comunidade, quedando somentes tres relixiosos ca fin de preservar os seus bens de posibles espolios, mais tan somentes sete anos despois levaríase a cabo a poxa pública do mosteiro. A principal fonte de riqueza daquela poderosa comunidade monástica era o gando. Os monxes de Aciveiro comerciaban co gando que posuían e que foran atopando nas súas extensas posesións. Outro dos piares da súa economía era a explotación dos seus montes, das súas fértiles devesas, estando prohibida a tala de árbores sen a súa previa autorización. Os monxes tamén adoitaban comerciar co xeo, que transportaban dende o alto das súas montañas ata as meirandes cidades galegas e outras moitas antigas urbes castelás. Nos nosos días, parte das dependencias monacais de Aciveiro foron recentemente restauradas para albergar un hostal-monumento, namentres que o templo sigue aberto ó culto albergando a igrexa parroquial. O conxunto foi declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1931 e posúe tamén a distinción de Ben de Interese Cultural. Contan que o nome de Aciveiro provén dun gran bosque de acivros que se localizaba onde se asenta o mosteiro, nesta elevada ladeira do Monte Candán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario