sábado, 25 de outubro de 2008

A branquiña neve do Cebreiro


"Tódolos tempos tempiños son
pero a neve é gran prisión"
Verbo antigo
"ENCONTRAR no Cebreiro a atrancada:
neve folga no tourón basada.
De polvoriña e xistra rexeitado
á Faba i a Lagúa a arrecadadas.
Esbarar ó Valcarcel en irado
a favor das barras aguzadas.
Repetidas súpetas petadas
entre piornos tornos xestas
hastra o val das augas batanadas"

Uxío Novoneyra

Esta mañá, mentres repasaba a prensa, unha nova supuxo ser un analxésico no medio desta loita de economías internacionais e crises, hipotecas e despidos. A nova non era outra que a caída das primeiras neves nas aldeas da montaña galega. Isto lembroume aquela visita que fixeramos ó Cebreiro e, por este leda lembranza, debe protagonizar esta entrada o milenario lugar do Cebreiro. A neve do Cebreiro reflícte coma un branquecino espello o duro e esperanzador raio dos abrentes, acougando as duras xeadas. Na Casa Carolo, no Alto do Cebreiro, as vinganzas cóbranse moi custosas para os merodeantes corzos e xabaríns que asolagan as colleitas e os campos. Estes animais pasan a formar parte dos recordos de saídas ó monte trala presa ameazante, as batidas, o impulsivo respirar dos cans. No fogar dos Carolo, a cacheira de xabarín tamén esconde recordos de lendas e xantares. Nesta casa de comidas, a fartura e a lonxeva labor cociñeira son, xunto coas súas inmellorables materias primas, a esencia do bon facer coa súa feiticeira e leda hospitalidade. Pechados os buches, desabrochados os cinturóns, e logo dun bo xantar ao pé da histórica e sempre viva lareira co seu cálido recendo a madeira de castiñeiros, vidueiros ou carballos; visitamos os recunchos que daban vida ó lugar.


O Cebreiro é a porta de entrada á Galiza para milleiros de camiñantes que, solitarios, vagan nos sendeiros do Camiño Francés. O Alto do Cebreiro é o estratéxico corazón da montaña de Lugo, pois separa aos Ancares do Courel, ficando coma unha impoñente atalaia sobre estas dúas feiticeiras terras. As pallozas e cabazos comezarán a ficar baixo o espeso e xélido manto de neve. Os acivros serán auténticas pantasmas que fructifican espiños e dan fe dos derradeiros e misteriosos cantos da pita do monte, da inquedante presenza do lobo ou da rutinaria visita do oso pardo. Namentres a neve siga a desplomarse sobre dos lendarios teitos de palla dos fogares do Cebreiro, coma cada ano, alumearán as lareiras e o fume que se mestura co aire frío da noite será o sinal que foi ata o de agora; sinal da acolledora hospitalidade e do calor e paz dos seus fogares. O millo xa se gardou nos cabazos, e o inverno que comeza acouga ás familias baixo os teitos; o recendo dos cocidos e laconadas confirmarán a marabillosa rutina dos invernos do Cebreiro. ¡Benvida á nova e primoxénita neve do Cebreiro!

9 comentarios:

Anónimo dixo...

Bravo Iván, fermoso artigo.Dan gañas de ir a perderse nunha desas casiñas a sentir a calor da lareira nunha desas noites frías para sentirse "algo así como a salvo".Un saúdo dende a Taberna.JMVELAY

Anónimo dixo...

Pois xa sabes, escápate (con Carmiña, por suposto), a visitar as soitarias e frías aldeas do interior. Ben seguro atoparás máis dunha lareira, a carón da cal surxen os recordos e a calma. Un saúdo Jose, e grazas por te pasares.

Xoán S. Pazos dixo...

Disque mentres o Santo Grial (o mesmo do noso escudo) siga alumeando na igrexa do Cebreiro, seguirá en pe a Galicia. Pero o día que alguén o arrebate da súa milenaria peana, ese día ten de derrubarse a nosa Galicia coma a neve dende o teito das pallozas.

Un saúdo dende o corazón da Galicia.
Xoán.

Anónimo dixo...

aver artista, aki estou o prometido e deuda, aver cando facemos nos unha viaxe as Frajas do Eume, e toda a parafernalia que rodea a unha viaxe festas risas jujuju, pois iso feo vemonos maña por desjrasia xDDDD

Un Saúdo moi cordial.

Make LOVEEE not war!!!!!!!!!

Anónimo dixo...

Boas, Hugo:
Primeiro de todo quero agradecer o teu comentario e reafirmar esa viaxe ás Fraga do Eume, onde che aseguro que non faltarán risas nin festa. Un saúdo e a ver se te deixas ver de cando en vez pola Fraga dos Mouros.
O de artista sobraba...(je,je).
Unha aperta!

Anónimo dixo...

Irmán: xa que estás. Invítame a min tamén. Eu apúntome a paghar a ghasofa. É broma. Fermoso post, como de costume.

Anónimo dixo...

Modesto, cando queiras preparo unha viaxe pra os filólogos como aquel mini tour que fixemos, un pouco perxudicados, pola Costa da Morte. Un saúdo e grazas por te pasares.

Anónimo dixo...

te felicito por el blog me han gustado mucho las fotos,la musica,diria los articulos pero menteria como no entiendo el gallego jaja pero eso si me gusta y me encanta galicia.
que tengas buena suerte y adelante con este trabajo
saludos

Anónimo dixo...

Gracias Anónimo;
Mi respuesta ya la escribió Shakespeare en otros tiempos: Las palabras están llenas de falsedad o de arte; la mirada es el lenguaje del corazón.
Gracias por adentrarte na Fraga dos Mouros. Saúde e sorte.