sábado, 16 de decembro de 2017

As ruínas da Torre de Arcos


“Esfuma ou non existíu.
Qudan os seus cabelos, os seus cabelos
como unha crobacia dos meus dedos
esfiañándoos en cobres finos
en arcos voltaicos sobre o seu óvalo baleiro”
Estíbaliz Espinosa, textos carboníferos

Aló polas chantadinas terras da parroquia de Santa María de Arcos, concretamente no lugar da Torre, eríxense a duras penas as ruínas dun antigo forte que fica somerxido baixo as xestas e as silveiras do esquecemento. Ó igual que tantas outras históricas construcións galegas, como as ourensás torres de Sande e Sandiás ou como as luguesas torres da Caldaloba e de Torés, esta torre de planta cadrada agoniza esquecida e ignorada no perigoso letargo dun pobo farto de historia, nunha terra infinda de pasado. Agora somentes semella de interese para as lagartas que procuran a calor das súas paredes e os merlos que adoitan aniñar ó abeiro das súas ruínas. Que danada i esquecida fica agora esta histórica torre chantadina erixida entrámbolos séculos XIII e XIV polos Fernández de Temes. 


As ruínas que agora se visten de maleza neste recuncho de Arcos, antano conformaron a Torre da Homenaxe daquela fortaleza erixida polos Fernández de Temes. Aquel bastión baixo do que se estendía, segundo contan os veciños desta freguesía, máis dunha ducia de leguas dominadas. Mais como a meirande parte das fortalezas do noso país, aquel castelo de Arcos sería atacado e destruído durante as Revoltas Irmandiñas. Cando cesaron as revoltas, a fortaleza renacería das súas ruínas e pasaría a mans de Ero Ordóñez, Conde de Membride, de quen se dicía que era señor de todo o que pertencía ós Fernández de Temes. Tempo despois, concretamente no ano 1652, e ante a falla de descendencia masculina, a fortaleza pasaría a pertencer a Alexandre de Taboada e Ulloa, o Señor de Merlán. 


Co paso do tempo, a fortaleza foi caendo no abandono e remataría por ser saqueada polos propios veciños da contorna, que chegarían a empregar cargas explosivas para apropiarse dos mellores perpiaños graníticos. Por se fose pouco, no ano 1986, a ferocidade do furacán Hortensia reduciría a escombros a meirande parte dos muros desta Torre de Arcos; o derradeiro recordo daquel bastión dos Fernández de Temes. Unha maraña de silveiras semella agochar agora as cicatrices do pouco que queda de tan longa e axitada historia. As merlas e as lagartas son as únicas donas e señoras deste fato de pedras derrubadas. 

Ningún comentario: