domingo, 19 de febreiro de 2017

Baixo os pés do impoñente Mustallar


“Cap al tard reverbera la mallada
amb rellums melats i silencis autumnals.

Rost avall es desfà el sender entre codines
—fresseja el bestiar ocult a les ginestes
i sota el boix grèvol, l’espectre del gall fer—.

A les fondalades la tarda s’adormissa
i es deixondeix l’esvoranc de la nit.

Sempre, però, el ponent purpuri enlluerna
de la finestra de la cambra estant”
Lluís Felip, Mustallar

Este pasado outono, xusto despois de regresar a Piornedo e de perdérmonos no seu labirinto de hórreos e pallozas, colleriamos un antigo sendeiro de cazadores e montañeiros que nos levaría camiño do impoñente Mustallar; o teito da provincia de Lugo e o segundo pico máis elevado do noso país. Para achegármonos até este elevadísimo cumio galego de 1.935 metros de altitude, somentes superado polos 2.127 de Pena Trevinca, debiamos percorrer pouco máis de media ducia de quilómetros por unhas paraxes fronteirizas realmente fascinantes. 

Pico Penalonga
Mais como se por arte de maxia ou por un sinxelo capricho do destino, nada máis saír de Piornedo decatariámonos que non estabamos sos; tras de nós tiñamos dous experimentados cans que quixeron acompañarnos e protexernos nesta curta pero engaiolante aventura. Un deles, a bo seguro que o máis vello, presentaba unha faciana triste, unha ollada cansa e unha negra e mesta pelaxe. Poida que fose un cruce de mastín. O outro, máis novo e pequeno, semellaba un cruce de pastor alemán. Este último adoitaba levar a dianteira, como se soubese cara onde iamos e quixese guiarnos, namentres que o vello acostumaba a quedar detrás, como tratando de custodiarnos. 

Faldras do Pico Penalonga
Ó pouco de deixar Piornedo, á altura do depósito de abastecemento de auga, penetrariamos nunha máxica campa coñecida como Chao Grande, onde cohabitan matogueiras tan características destas terras como os piornos e os acivros, amais de toxos, uces e xestas. A herba e as matogueiras ficaban rozadas polas bestas, polos corzos, as cabras e os rebezos. De súpeto, namentres camiñabamos, o can máis novo internaríase entre as xestas e levantaría unha perdiz ante os nosos propios ollos. Quedamos francamente impresionados. Aqueles cans estaban preparados para socorrernos e axudarnos, mesmo para contribuír a alimentarnos se fora preciso. 

Campa de Camporredondo
Pouco despois achariamos na beira do camiño un cano de auga fresca que baixaba da montaña, e logo de beber das súas doces e refrescantes augas, continuariamos até unha das paraxes máis fermosas que vin na miña vida, unha belida devesa localizada a uns 1.365 metros de altitude e coñecida como a Campa de Camporredondo. A partires desta campa, deste pequeno paraíso perdido entre os picos máis altos da serra, comezariamos a ver as vivas cores das árbores caducifolias, os froitos vermellos do capudre ou Árbore de Rowan, as brancas e finas cortizas dos bidueiros e unha infinidade de verdes doutras moitas especies arbóreas que resisten o frío das nevaradas e o intenso calor estival da alta montaña. 

Campa de Camporredondo
Descendemos paseniño cara Camporredondo, cara aquela campa que semellaba saída do mundo dos soños e pouco despois atravesariamos o Río Piornedo por unha belida e non menos fabulosa pontella de madeira. Canto pode chegar a mudar a paisaxe, cavilamos, namentres ollabamos as múltiples cores que aquela solleira mañá de outono nos estaba a agasallar. As próximas nevaradas tinguirán de branco todo este máxico e silencioso universo, esta fértil e verdescente campa onde escorregan os desxeos dos cumios máis elevados desta serra de lobos e rebezos.

Pontella sobre do Río Piornedo na Campa de Camporredondo
A medida que iamos deixando tras de nós a Campa de Camporredondo, comezariamos a ascender, arrodeando o pico de Penalonga, por un escorregadizo sendeiro ateigado de pedras e a carón do curso do Río Piornedo. No horizonte comezariamos a albiscar a Cabana dos Estremeños, as ruínas dun antigo refuxio empregado polos pastores de antano para guarecerse do sol cando subían o gando a pacer nas calorosas xornadas estivais. A impoñente silueta do noso procurado obxectivo comezaba a erixirse detrás daquelas ruínas, á fin aquel grandioso pico ficaba diante de nós. 

Cabana dos Estremeños
A partires desta Cabana dos Estremeños a paisaxe mudaría completamente, as árbores deixarían paso ó pasto e ás máis resistentes matogueiras, como os toxos, as xestas e as arandeiras avermelladas polo sol. Agora somentes tiñamos por diante continuar cara a Braña de Piornedo, un gran circo glaciar rodeado por montañas, para posteriormente encamiñarnos cara a dura pero curta ascensión que nos levaría até a Mallada de Mustallar ou Golada do Porto, unha depresión que se sitúa ós mesmos pés do Mustallar, a uns 1.500 metros de altitude, e na que se localiza un valo fronteirizo que nos separa da provincia de León. Contan que este valo foi erixido polos veciños para que o gando non se precipite monte abaixo.

O Pico Mustallar dende a Cabana dos Estremeños
Sorprendeunos albiscar arredor da cima do Mustallar o voo circular e a silueta dun abondoso grupo de voitres leonados. Resulta incrible contemplar estas grandes aves en terras galegas, algo semellante ocorre co oso pardo, que adoita internarse na nosa terra a través destas montañas e das veciñas serras courelás. Mais lembremos que nesta fértil serra conviven tamén lobos, xabarís, lebres, martas, xenetas, cervos, corzos, rebezos, raposos, teixugos e até cabras montesas, amais de perdices e faisáns. Até non fai moitos anos tamén pitas montesas, mais nos nosos días, por desgraza, non se adoitan albiscar. 

Brañas de Piornedo e Pico Mustallar
Os cans que nos acompañaban comezaban a amosar acenos de cansazo, e non era para menos, a dura e vertixinosa ascensión até a Mallada de Mustallar e as raiolas do sol estaban a deixarnos sen alento. Mais os nosos pasos rematarían alí, naquela mallada, naquela depresión entre os picos de Mustallar e Penalonga, a pesares de que os cans amagaban con seguir. O noso obxectivo non era coroar este pico senón ollar a súa grandeza sobre de nós. Alí sentamos e descansamos ollando a impoñente silueta dunha das meirandes montañas do noso país; o noso destino soñado.  

Pico Mustallar desde a Mallada
Sorprendeunos albiscar baixo daquela Mallada de Mustallar a inmensa profundidade na que se somerxe o Val do Burbia. Os voitres leonados que coroaban a cima do Mustallar remataron por fuxir, pode que pola nosa presenza ou por avistaren as preas dalgunha presa nos arredores. Aproveitamos aquel descanso para comer e agasallar aos nosos amigos caninos cunhas rebandas de chourizo logo de tan excelente servizo prestado. Ó pouco comezariamos o descenso até Piornedo

Os nosos anxos protectores
Endexamais esquecerei esta máxica viaxe até o Pico Mustallar, nin estas idílicas paraxes que nos deixaron realmente impresionados nin a fiel compaña deste par de cánidos aventureiros que non nos deixaron sos en ningún momento e que nada nos pediron a cambio. Liscamos coa satisfacción do soño cumprido e coa ilusión de fuxir pra noutrora voltar…, a encontrarnos a nós mesmos alén do silencio da serra e ascender até o ceo galego onde se erixe impoñente o Mustallar.

Ningún comentario: