martes, 8 de novembro de 2016

A Casa dos Mouros de Candeán


“Terra de mámoas e castros
para morada de teus guerreiros,
monumentos que contan historias,
lendas e poemas verdadeiros”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

Pouco despois de visitar, no concello pontevedrés de Mos, as chantas graníticas e milenarias da Anta do Meixoeiro, sentín a necesidade de achegarme até outra xoia megalítica veciña localizada na contorna da Madroa, nun dos barrios máis elevados da meirande urbe do noso país. Alí descansan as chantas da impoñente Casa dos Mouros, outro dos grandes achados megalíticos desta industrial e poboada comarca. Estas terras fican ateigadas de mámoas, petróglifos e antas; tesouros milenarios que adormecen nos bosques e nas fragas, nas abas das montañas que custodian a ría. 


Esta Casa dos Mouros tamén recibe o nome de Dolmen de Candeán por localizarse na parroquia de San Cristovo de Candeán, nunha parcela que fica a escasos metros dos campos de adestramento do Real Club Celta de Vigo, na cortiza radial da cidade. Nada máis internarme naquela parcela decataríame das enormes proporcións que atesoura esta misteriosa Casa dos Mouros, este milenario dolmen de Candeán. Este monumento prehistórico vigués presenta unha planta poligonal, de tres metros de longo por dous de ancho e unha altura máxima de escasos dous metros, conformada por cinco esteos amais da laxe de cubrición; que na actualidade fica desprazada da súa elevada localización orixinal e recostada sobre dun dos laterais. 


Este impresionante Dolmen de Candeán presenta algunha que outra carencia. Por unha banda, carece case que por completo da masa tumularia orixinal; a mámoa que o protexía i envolvía cun mesto manto de terra, pedras e raíces. O motivo desta carencia parece estar vencellado ó da situación actual da anta de cubrición; os espolios e a cobiza humana. Por outra banda, tamén carece de corredor, que segundo parece debeu estar orientado cara o leste. Por se fose pouco, ó igual que o veciño dolmen de Meixoeiro, este de Candeán fica localizado nunha parcela privada, polo que carece tamén da adecuada sinalización e dos correspondentes paneis informativos; ó igual que a meirande parte dos dolmens que atesoura o noso país. 


Este de Candeán é somentes unha pequena mostra dos numerosos dolmens e túmulos que se concentran nunha franxa de tres quilómetros que comeza eiquí e se estende monte abaixo, onde se localiza Chan do Labrador, -unha mámoa espoliada décadas atrás-, e Chan dos Touciños, -un conxunto de tres dolmens e unha mámoa que se localizan preto do cemiterio de Candeán-. De camiño á contorna forestal do Vixiador localízanse tamén os túmulos de Ferradouro I e II, seguidos dos de Costa Fritida e da mámoa que se localiza no alto do monte do Vixiador. Deixei tras de min estoutro chan dos devanceiros, esta “terra de mámoas”, estes milenarios e mortuorios monumentos que como ben ten escrito Diz Ramos; “contan historias, lendas e poemas verdadeiros”.

Ningún comentario: