“Para cantar e bailar
Bergantiños sona ten
Para colleitar bon trigo
Carballo coma ninguén.
Eu nascín en Coristanco
en Razo amores tomei
Casei logo en Ardaña,
I en Noicela enviudei”
Alalá de Carballo

Cantareira terra de Bergantiños, aínda se escoitan nestes seus camiños regueifas de augas socalcadas, o acompasado estrondo d’outrora, as voces xa finadas. Canto pracer sentín ó coñecer a Fervenza de San Paio de Entrecruces, canto gocei do seu melódico son; do prácido estrondo das augas do caudaloso Río Outón. Este húmido verxel localízase na parroquia carballesa de Entrecruces, ós mesmos pés da capela de San Paio. A auga do Outón precipítase dende uns corenta metros de altitude, conformando un dos meirandes atractivos naturais de Carballo. Este concello atesoura tamén outras férvedas, non menos fermosas, como a que se localiza na parroquia de Rus. Todas elas pertencen ó denominado “Roteiro das Férvedas”, que dá comezo na Brea e remata nesta férveda de San Paio, e na que teremos ocasión de coñecer tamén igrexas barrocas como as de Santa María de Rus, a de Ardaña ou a de San Paio.
Denantes de atopar esta fervenza de San Paio, deteríame nun dos muíños que fican á beira do camiño. Estes muíños, agora rehabilitados e coas portas abertas, conviven coas antigas ruínas dunha pequena central hidroeléctrica que dende ano 1915 e durante unha chea de anos, abasteceu de enerxía os fogares de Carballo. Deixei tras de min esta cantareira férveda de San Paio e os seus muíños escoitando o ronco balbordo desta gorxa de pedra, a axitada melodía das súas augas, este doce alalá de escumas albuxíneas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario