venres, 20 de decembro de 2013

Mil anos xuntos, a capela e o ciprés


“As voces ausentes.
A silueta dos paxaros deslizándose 
sobre o espello do estanque.
A sombra do ciprés.
O instante
vacia de luz a tarde”.
Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio

Fai uns cantos anos, un amigo faloume dunha  minúscula capela prerrománica que ficaba moi preto do Mosteiro de Samos e que conservaba, a rentes dos seus muros, un ciprés xigantesco de máis de mil anos. Nunha das miñas últimas visitas ó interior da Provincia de Lugo, tiven ocasión de visitar algún que outro fermoso recuncho na verdescente Comarca de Sarria. Logo de visitar a próspera capital desta comarca, a Sarria dos ebanistas e carpinteiros, e coñecer a histórica Torre do Batallón, non dubidei en coller rumbo a Samos para voltar ó seu mosteiro e procurar  a capela do milenario ciprés. Unha bretemosa mañá de outono, desprazámonos ata a fértil e histórica terra de Samos para coñecer, amais do seu mosteiro, a enorme beleza paisaxística destas terras, as súas montañas e os seus vales, as súas fragas e carballeiras, os seus soutos centenarios e a maxia que se respira en cada recanto, en cada río, en cada ponte, en cada vieiro i en cada capela. Denantes de detérmonos a visitar o Mosteiro de San Xiao, os nosos pasos decidiron procurar aquela pequena capela e aquel ciprés milenario. 


Ó pouco de deixar atrás o mosteiro, a carón do leito do Río Oribio, puidemos avistar a vella capela nunha campiña arrodeada de árbores centenarias. Ó seu carón, ollamos o tronco dun xigantesco ciprés que semellaba chegar ó ceo. Achegámonos á capela para comprobar o pouco espazo que a separa deste ciprés. Fica a rentes mesmo dos escuros muros do templo. Tanto a árbore como a capela medraron xuntos e xuntos sobreviven dende fai máis de mil anos. A Capela de San Salvador, ou do Ciprés, é de estilo mozárabe e foi construída en cachotería de lousa, tan presente nestas terras, entrámbolos séculos IX e X. Consta de dous corpos de planta lixeiramente trapezoidal. A súa cuberta, a dúas augas, tamén é de lousa. Esta pequena capela é o resto máis antigo que atesoura o actual Mosteiro de San Xiao, e hai quen sostén que tanto pola súa situación, a carón do río e a escasos cen metros do cenobio, como pola súa antigüidade; puido ser o lugar onde ficaría o primeiro mosteiro, a ermida iniciática do actual Mosteiro de Samos. Hai quen di, tamén, que puido ser unha sinxela cela monástica. Na única porta do edificio puidemos ollar un arco de ferradura tipicamente mozárabe, así como pequenas xanelas que deixan entrever a escuridade do seu interior. Aínda que non os puidemos ver, nas entrañas deste pequeno edificio agóchanse uns valiosos frescos de influencia astur que datan do século X. Polo que parece, estes frescos semellan representar todo tipo de decoracións florais, cruces e portadas.


Logo da construción de San Xiao, a vella capela do Ciprés foi un oratorio para os monxes, e co paso do tempo quedou abandonada. Hai quen mesmo di que incluso chegou a ser unha especie de alpendre para gardar os apeiros das angueiras do campo. As impresionantes dimensións do ciprés, duns 27 metros de altitude e máis de tres de perímetro, sorprenden, sobre todo  se o comparabamos coas reducidas dimensións da capela. Ninguén sabe quen puido plantar este ciprés a carón desta capela. Semella como se o destino os quixese unir por sempre, mesturando milenaria i extraordinariamente a natureza, a fe e a arte, neste recanto a carón do leito do Oribio, nas fértiles e históricas terras de Samos. Este ciprés milenario foi declarado Monumento Nacional aló polo 1944 i está catalogado entre as 50 árbores máis notables da Península Ibérica. Chamoume moito a atención unha especie de lona que cubría parte do tronco. Polo que parece, púxoselle logo de que fose danado por un raio, mais tamén hai quen di que a ferida puido ser ocasionada no 1926 polo lume co que se pretendía eliminar un panal de abellas. O único que parece certo é que o parche púxose co obxectivo de protexer o tronco para unha maior rexeneración da zona danada. 


Logo de ollar todas e cada unha das perspectivas deste histórico i esquecido templo, decidimos retomar o camiño que nos trouxo até eiquí para coñecer agora o impresionante mosteiro que recibe cada día centos de peregrinos que se achegan a Santiago de Compostela a través do Camiño Francés. Imos camiño de San Xiao, camiño do gran soño dos abades de San Salvador, agardando que o dano causado no tronco do vello ciprés quede sementes nunha ferida de guerra propia dunha vida milenaria. 

Ningún comentario: