mércores, 20 de marzo de 2013

Ás portas do fogar dos Condes de Taboada


“E pasei outra volta pola beira
do pazo fachendoso
que recorta no val úbedo e fresco
a grácil cheminea
e a torre derretida polo tempo.
E de novo a tenaz hipocondría
sentoume nunha pedra do carreiro...
O pazo de Galicia
cubre a nobre fachada de granito
de areiras, musgo, líquenes e cinza
que lle dan a fasquía turbulenta
dos iris fuxidíos,
das pátinas de néboa”.
Miguel A. Mouriño, Sete cruces e unha esperanza

Semella que foi onte, mais xa choveu dabondo, dende aquelas nosas primeiras viaxes ós máis  históricos pazos do noso País. Xa facía tempo que non procurabamos a sombra dos muros traballados por canteiros, das camelias, dos pombais, cabaceiras, capelas e fontes; que fican arrodeados de máxicos xardíns. Algo temos falado da beleza e historia de pazos como o de Lourizán, Cotón, Meirás, Oca, Mariñán ou Fefiñáns, mais aínda nos quedan por coñecer outros moitos antigos fogares nobiliarios neste chan sufrido e verdescente. Ó longo e ancho do noso territorio, pódense atopar centos de pazos, casas grandes e fortalezas, herdadas da máis antiga nobreza galega, mais o tempo foi mudando o seu poder en solitarias e miserentas fidalguías. Moitos destes  históricos fogares fican baleiros e abandonados, comestos polas hedras. Outros, nembargantes, cheos de fachenda coma nos seus mellores tempos. Desta volta, decidimos visitar e coñecer un dos pazos máis senlleiros da provincia de Lugo.


Viaxamos de novo cara o inetrior das húmidas terras de Lugo, ata a fértil Comarca de Chantada, na procura dunha mostra viva que se agocha no Concello de Taboada; ás portas mesmas da Ribeira Sacra. Estas terras son ben coñecidas polas múltiples mostras de arquitectura e patrimonio civil, como as casas grandes de Vidás, Moreda, Buín, e Soñán. E que dicir dos pazos de A Nogueira ou de Vilar!. Mais o pazo que procurabamos fica a un quilómetro escaso do termo municipal do concello lucense de Taboada, concretamente na parroquia de San Pedro de Bembibre, e goza de gran renome e prestixio. Namentres nos achegabamos ata este vello feudo, comezamos a afondar na importancia e historia do edificio que estabamos a piques de coñecer. Nada máis e nada menos que o vello fogar dos Condes de Taboada, unha antiga fortaleza reconvertida en pazo que logra conservarse coma nos seus mellores días. Contan os máis vellos que a longa estirpe dos Taboada tivo que deixar a súa vivenda en Castro Candad, ante a chagada dos normandos, e buscar refuxio na vella fortaleza de San Pedro de Bembibre. A historia fala de que os irmáns Álvaro e Lope de Camba e Taboada, dividiron a herdanza de seus pais en dúas partes. A Álvaro corresponderíalle o pazo de Rodeiro e a Lope, a fortaleza dos Condes en Taboada.  Tamén contan que na Igrexa de San Pedro, que fica preto da fortaleza e data do século XII, aínda repousan os restos de Juan Taboada Ribadeneira e Figueroa, ó que Felipe IV concedera o título de Conde. Non cabe dúbida que por estas terras, a estirpe dos Taboada deixou unha fonda pegada.


Unha vez chegados á fermosa parroquia de San Pedro de Bembibre, resultounos doado atopar o pazo. A silueta pétrea dunha vella torre de vixilancia constatou a súa presenza dende os arredores. O silencio do lugar é rachado somentes polo ledo canto dos paxaros. Detémonos, á fin, de fronte ás portas mesmas do Pazo de Taboada, coñecido tamén por estas terras luguesas como o Pazo dos Condes. Esta fortaleza e pazo preséntase ante nós soberbio, macizo e cheo de vida. Nos nosos días é unha propiedade privada que non permite visitas ó interior do recinto, polo que tivemos que conformarnos con ollalo somentes dende fora. O pouco que puidemos ver dende o exterior desta vella fortaleza, erixida no ano 1413 por magníficos canteiros e baixo o mandato dos Condes de Taboada, foi un edificio cunha estrutura en forma de “U”,   así como unha impoñente torre ameada de tres plantas. Nunha das fachadas atopamos un arco de medio punto onde se sitúa a porta principal do pazo, mais esta continúa pechada pra nós. Enriba xusto da porta, o escudo de armas dos Taboada semella recordarnos o poder desta vella fortaleza reconvertida, co paso dos séculos, en pazo nobiliario. Canto debeu mudar o seu aspecto, de pasar dunha fría e segura fortaleza a un luxoso fogar onde semella reinar a paz. A carón deste pazo atopamos un fermoso pombal e unha ducia de castiñeiros, e moi preto, a igrexa en honor a San Pedro, onde disque descansan os restos do Conde. Abandonamos o liberado condado para procurar novos eidos e fragas. Que os rexos muros desta antiga fortaleza sigan en pé ó longos dos séculos, e as súas portas, por sempre abertas.

7 comentarios:

navegacruz dixo...

Hai xa tempo que referín dito pazo no meu blogue, e gustóume moito regresar da túa man.
Unha aperta... o día menos pensado, atópome con un mozo e unha cámara no mesmo lugar ca min... e preguntareille: "chámaste Iván?" Unha aperta, meu!

Anónimo dixo...

Existe un vello e curioso poema, firmado pola "Señora de Tor",escrito en castelán, titulado

"Recuerdos de mi tierra":

Aquellos campos verdes de mi bella Galicia/ aquellos ríos claros, de mi tierra querida/como os veo en mis sueños y cuanto yo daría/ por correr por tus montes, oliendo aquellas mirtas!/Beber de aquella fuente, tan fresca y cristalina!/ Y sola en el Parnaso, pensando fantasías,/ sin hacer mal a nadie, vivendo tan tranquila/ Y jugar con mis perros, montar en mi jaquita/ y todas las mañanas ver nacer el día/ durmiendo por la noche, con mi conciencia limpia/ Y comer de aquel pan, beber de aquellos vinos/ hablar en mi dialecto, contando chascarrillos/ con la gente del campo, que son todos amigos./ Y por la navidad, en TOR todos reunidos/ comer buenos capones y oir las pastorelas/ en medio de la noche, cantadas por pastores/ Y al amor de la lumbre de la gran chimenea/ oir a mi padre, contando sus anecdotas,/ y mi madre reir de todo cuanto cuenta/ Mi hermano, más callado, al lado de su perra/ Miguel Ángel, ameno, hablando de la guerra/ de las mujeres guapas... con alma de poeta.

Este poema pódese ver nun antigo prego, docemente ilustrado nas marxes pola autora.

Un poeta antigo









































































































I. Iván Fraga Moure dixo...

Benquerida Cruz, agora que me recordas o da túa viaxe a este pazo mítico (http://navegacruz.blogspot.com.es/search/label/Igrexa%20de%20San%20Pedro%20de%20Bembibre%20en%20Taboada), debo recoñecer que levamos coincidido xa nunhas cantas entradas. Mais penso que fóra do mundo virtual, temos moitas máis posibilidades de atoparnos polas húmidas rúas compostelás que en calquera outro recuncho do País. Dicho "un de Pelamios".

Interesante o poema da Señora de Tor, "Recuerdos de mi tierra", que me lembra a necesidade de visitar outro pazo lugués; o de Tor. Aínda que non o coñezo, coido que fica coas portas abertas...

Graciñas ós dous pola vosa presenza e polos vosos comentarios.

navegacruz dixo...

Está claro que nos temos cruzado polo parque do Auditorio, ou na costiña da rúa dos Castiñeiros máis dunha vez! dicho unha dos Concheiros...
Con tanta coincidencia nos gustos polos lugares, xa será mellor poñerse dacordo para ir facer as fotos, e despois repartímolas polos blogues, jajaja!

Unha aperta, e ata pronto!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Pois paréceme unha estupenda idea, a verdade. Eu paro bastante no bar "O Cesto", moi preto do parque do Auditorio, así que ata cando queiras...

navegacruz dixo...

Irei polo Cesto e preguntarei por ti "un rapaz de pelo curto e unha cámara por diante" jajaja! de verdade que terás noticias...


Unha aperta!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Mellor aínda, dilles que son o da "Estrella e o sandwich vexetal". Fano moi rico...