sábado, 20 de xuño de 2009

¡Todos coa Torre!



A Edmundo Fariña

"¡Ouh, meiga cibdá d'a Cruña,
Cibdá d'a torre herculina,
De xeneraciós recordo
Máis fortes q' as d' hoxe en dia;
Cibdá que por'sobr' os mares
Érguel-a cabeza altíva,
Cal onte n 'as tuas murallas
O brazo de MARÍA PITA:
¿Qué tés n'ese teu recinto,
Que tés pr'os que te visitan,
Que conecerte non poden
Sin que deixarte non sintan?
[…]
N'un bote me bambeaba
D'o Orzan sobr' as ondas rizas.
¡Ay! N'ese mar tormentoso,
Que non de Tirteo n'a lira,
A estrofa enérxica é fera
D'a libertá deprendia"

Manuel Curros Enríquez

O Faro máis lonxevo non deixa de alumear as perigosas costas que, a finais do século I despois de Cristo, e baixo o dominio do emperador Traxano, xa atormentaban o transcurso dos romanos pola Flavium Brigantium, rumbo ó mediterráneo. Os seus raios de luz non morreron, para alivio dos mariñeiros de bandeiras anónimas e para consolo de tódolos galegos. A mítica Torre do noso pai Breogán, viveu varias remodelacións, deterioros e abandono, sufreu ataques e incluso chegou a perder a súa función de faro. Eternamente esculpida polo sopro feroz do vento atlántico, foi fonte de inspiración do romanticismo autóctono e plasmado polo trazo do coruñés Urbano Lugrís, un dos artistas máis agradecidos e polo cal sinto un gran respeto e admiración. A Coruña reclama unha distinción á cal eu tamén me sumo, que se proclame Patrimonio da Humanidade á Torre de Hércules, símbolo histórico e lendario dos galegos. Que se protexa esta proba digna e real que tanto nos representa e identifica. Práceme pensar que a súa presenza fora cómplice na loita da vitoriosa María Pita, unha desas mulleres que loitan pola nosa independencia.

Nos murallós d'a Cruña erguéo airosa
A frente sua diante d'o estranxeiro
Sostiña n'unha mao, taxante aceiro,
N'outra mao, á bandeira victoriosa:
Así loitóu valente e xenerosa
Corpo a corpo c'o ingrés que osóu primeiro;
Domeñar o valor d'o chan Ibeiro,
Pra mor iniquidá n'a terra nosa.
'O fin vencéo; á causa d'a xusticia
Contra á torpe invasion forza é que venza;
Trunfou o patriotismo d'a codicia:
Sépian cantos nos ven con indifrenza,
Que tamen hay mulleres en Galicia
Que loitan pol-a nosa INDEPENDENZA.

V. Lamas Carvajal

O día 27 saberase se o Faro da Humanidade acada á fin, un recoñecemento que baixo o meu punto de vista, ten máis que merecido. Estaremos atentos. Coma fisterrán de nacemento e cascarilleiro de aluguer… Eu tamén apoio!

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Eu tamén me sumo a causa, creo que a Torre de Hércules ten unha dimensión dabondo ampla para ser recoñecido como tal.Un saudiño Iván.

Anónimo dixo...

Grazas amigo.É para min un gran honor que me adiques na túa fermosa viaxe pola nosa terra, esta parada á sombra acolledora do vello e milenario faro da Torre de Hércules, símbolo non só da miña benquerida cidade, senón tamén patrimonio de tódolos galegos e galegas, alí onde se atopen, patrimonio da Humanidade.Estou seguro que cando o vello cíclope desperta cada noite,saúda con agarimo o teu benquerido faro do fin da Terra. Oxalá a súa luz, alumee a túa viaxe , para que así todos nos poidamos seguir botando unha mirada furtiva,case con envexa por esa fiestra que nos amosas coa túa mirada limpa dende estas páxinas tan fermosas.Para rematar saudoscompañeiro,saudos con morriña,por percorrer un día os teus pasos pola nosa fermosa terra.Saudos compañeiro, saudos con ledicia por ver como a nova semente xermina con forza na nosa vella terra,saudos amigo, saudos con esperanza agora máis ca nunca,por que un bo día poidamos ver a Galiza, ceibe e con poder popular.Grazas amigo de corazón.
Unha forte perta.
Edmundo Fariña

Unknown dixo...

Grazas mil a tí, benquerido amigo e compañeiro, polo moito que me tes ensinado!! Unha aperta fonda!

Xoán S. Pazos dixo...

Hoxe coñeciamos xa a esperadísima decisión do comité da UNESCO para o Patrimonio da Humanidade, unha decisión que non decepcionou ós coruñeses.
Galicia conta hoxe co seu cuarto Patrimonio da Humanidade (despois de Compostela, o Camiño e a muralla de Lugo), o cal sempre é unha boa noticia.
Espero sobre todo que esta boa nova sirva para que os coruñeses comecen a valorar un pouquiño o seu patrimonio histórico, sobre todo este maravilloso e lendario faro que só o tiñan para poñer no escudo, e nas postais que venden nas tendas dos museos (mc2). I é que A/La Coruña tamén é Galicia (por moito que lles pese a algúns) e vai sendo hora de que comecen a descubrir que o seu patrimonio (ese que os une á nación á que pertencen)vai máis alá do Pull & Bear da Rúa Real.
Un saudiño, desta volta dende Fisterra, e noraboa á torre, ós coruñeses, e a tódolos galegos que en xeral amamos ó noso patrimonio e á nosa Historia.
E noraboa a ti tamén, Iván por esta sentida e tan oportuna entrada. E, xa sabes: saúde, sorte... e República!!