domingo, 8 de marzo de 2015

O Muíño de Mareas de Cereixo


“Sol de outono no mar calmo fungue o lume; 
alá, lonxe, chirra un carro no camiño;
canta a ágoa no rodicio do muíño 
e arrecende dos fiúnchos o cheirume. 
Por enriba dos tellados rube o fume;
esbardallan as lavercas antre o liño;
roxa lúa, con fasulas de meniño,
aparesce da montana sobre o cume.
Zoa a mística campana. Nos lameiros
unha flauta; a dos sapos agoireiros.
Anda o trasno gargallando nos pinares.
Van e veñen luces roxas polo monte.
As rapazas van con medo cara á fonte.
Bravo, céltigo aturuxo fende os ares”
Ramón Cabanillas, No desterro

Capitaneados polo meu amigo Óscar, un grupo conformado por 13 inquedos e curiosos compatriotas afincados en Compostela, entre os cales me inclúo, decidimos coller rumbo cara as Terras da Soneira para tratarmos de achar a meirande parte das xoias megalíticas que agocha este histórico val e posteriormente coñecer tamén o muíño de mareas de Cereixo. Saímos de Compostela unha fresca mañá dominical, e logo de tomarmos uns cafés en Vimianzo, achegariámonos até as milenarias antas de Pedra Cuberta, Pedra Moura, Pedra da Lebre, Pedra da Arca e Casota de Freáns. A iso das dúas da tarde gozaríamos dun farturento i enxebre cocido nunha antiga casa de xantares de Pasarela. Sería logo deste copioso xantar cando decidiramos arribar cara a parroquia de Santiago de Cereixo para albiscar baixo das súas impoñentes torres, un histórico e case que esquecido muíño de mareas. Santiago de Cereixo é unha das máis senlleiras e fermosas paraxes do concello coruñés de Vimianzo e localízase a un quilómetro escaso da Ponte do Porto. Denantes de entrarmos no lugar, xa puidemos intuír o poder que debeu atesourar esta parroquia no pasado. 


O primeiro que albiscamos foron as súas impoñentes Torres de Cereixo, e baixo delas; grandes fogares de pedra que nos deixaron francamente fascinados. Todo este conxunto fica na desembocadura do Carnés ou Riotorto na Ría do Porto, no fondo da Ría de Camariñas, conformada esta última tamén pola desembocadura dos ríos Grande, Trasteiro e Valadares. Atravesamos a aldea e achegámonos até as portas da igrexa parroquial e até ós mesmos pés das Torres de Cereixo, que datan do século XVI e que pertenceron ós Condes de Maceda e Taboada. Acto seguido descenderíamos até o leito do Riotorto por un fermoso paseo de madeira dende o cal albiscaríamos, ó lonxe, o muíño que andabamos a procurar. Achegámonos á fin até esta antiga construción para descubrir un anaco da súa historia. Este muíño de mareas de Cereixo, segundo semella indicar un vello pergamiño, sería construído no ano  1.679, e pertencía á estirpe dos Moscoso e Altamira, que dominaron estas terras desde finais da Idade Media ata o primeiro terzo do século XIX. Esta coñecida casa nobiliaria gobernaba dende o seu fogar no Castelo de Vimianzo, mais a súa xurisdición estendíase pola Somnaria da Idade Media, que abranguía as terras de Zas, Camariñas, Laxe, Cabana e parte de Muxía. Posteriormente, este histórico muíño de mareas pasaría a pertencer tamén á Condesa da Torre, sendo cedido anteriormente mediante foro, ás familias de campesiños que o explotaban e residían nel. 


O edificio, de planta rectangular con cuberta a dúas augas na que se abren tres elementos abufardados, foi erixido en granito e cuberto con tella do país. A súa construción responde a dúas necesidades, servir de muíño e tamén de vivenda. A entrada realízase polos laterais mediante dúas pasarelas. Este muíño foi construído sobre do Carnés ou Riotorto na súa desembocadura na ría, para aproveitar tanto a auga que baixa do río como tamén a procedente da ría. Cando a marea sube, a auga que se acumula na parte posterior do muíño, onde se sitúan as entradas ós rodicios, é maior. Deste xeito, ó baixar a marea, o muíño dispón de moita máis auga para poder facer a moenda. Mesmo cando a auga do río era escasea, o muíño podería seguir funcionando grazas ás mareas. Ollamos os pétreos e rexos muros desta antiga construción e tratamos de comprender o seu funcionamento, mais as cálidas cores do solpor comezarían a cubrir o ceo e o seu espello na ría lembrándonos que a nosa visita estaba a piques de chegar á súa fin. Liscamos paseniño, realmente impresionados e satisfeitos de coñecer estoutro recuncho da Costa da Morte, estoutro histórico legado da poderosa estirpe dos Moscoso e Altamira i estoutra importante mostra etnográfica galega. 

luns, 23 de febreiro de 2015

O Entroido ourensán nas rúas de Compostela


“Rapaciña, si quixeres
sacares mozo d' a festa,
vai poñendo as castañolas
ou non deixel-a pandeira.
Pro cuida, nena garrida,
de mirar en quen escolles,
qu' às veces métese o demo
drento d' o coiro d' un home.
Baila, nena, c' os mozos d' a vila
ou con quen ó tiveres decote,
e repara qu' en tempo d' antroido
and' o rabo d' o cocho n' o pote”
Aureliano Pereira, Cousas d’a aldea

Agora que rematou o Entroido, o tempo das orellas, do lacón con grelos e das filloas, lembro aquela mañá, aquela última fin de semana de xaneiro, na que a maxia do Entroido ourensán, encarnada en ducias de pantallas, cigarróns e peliqueiros, presentouse na capital para espertar ós máis preguizosos veciños de Compostela. Percorrendo as empedradas rúas da cidade coas miñas compañeiras Mónica e Anabela, topariámonos de súpeto ante o estrondo e colorido do Entroido máis tradicional do noso país, o do triángulo máxico ourensán. O eco das chocas e campaíñas semellaba apoderarse das estreitas rúas e acompasar a rutineira ducia de badaladas da Berenguela. 


Centos de veciños e visitantes forasteiros arremuiñábanse arredor das ringleiras de cigarróns e peliqueiros que botaban a correr por antr’as rúas da capital para lembrar á Galiza enteira que o Entroido estaba a piques de comezar. Outros moitos, nembargantes, serían escorrentados polas misteriosas pantallas e polo seu golpear de vexigas inchadas. Mesturámonos antr’o xentío e achegámonos até unha fileira de peliqueiros de Laza que agardaban a súa quenda para entraren triunfantes na máis que monumental Praza do Obradoiro; no corazón mesmo do noso país. Os peliqueiros, que reciben o seu nome da pelica de animal que teñen pendurada na parte traseira das súas decoradas máscaras, son moi similares ós cigarróns de Verín, e somentes os máis puristas son capaces de diferencialos. 


Os peliqueiros visten camisa branca, garabata e chaquetiña curta da que penduran flocos dourados e galóns que van atados con lazos de tres cores, faixa con cinto de pel do que penden media ducia de chocas, calzón branco arrodeado de pompóns que se completa cas medias de encaixe e ligas de cores. Sobre dos ombreiros levan un pano e calzan zapatos negros. Van ca cabeza cuberta cunha carauta de madeira pintada de diferentes cores rechamantes, que se prolonga nunha mitra de metal con motivos animais. Á fin, aqueles peliqueiros de Laza, fusta en man, comezarían a abrirse camiño antr’a xente dando pequenos chimpos e facendo resoar as súas chocas. Non tivemos a sorte de ver ningunha ringleira cigarróns, mais si algún que outro espallado, pois cando nos topamos co balbordo deste acontecemento, xa fixeran entrada no Obradoiro. 


Os cigarróns de Verín, como dicía, posúen unhas características moi similares ós dos peliqueiros de Laza. Visten camisa branca, garabata e chaquetiña con flocos dourados e galóns que van atados con lazos de distintas cores, faixa con cinto de pel do que penden media ducia de chocas, calzón curto, medias brancas, ligas de cores e zapatos negros. Sobre dos ombreiros, ó igual cos de Laza, portan un pano. Nas súas mans levan as zamarras, unhas fustas coas que asustan ós veciños. A súa indumentaria pesa uns 25 quilos entre a máscara, o traxe e as chocas. As máscaras dos cigarróns están feitas de madeira de bidueiro e rematan nunha mitra de metal decorada con animais e astros. Detrás desta levan, ó igual que os de Laza, unha pelica de pel de animais como o gato, o raposo ou o lobo. Pouco tempo despois, seríamos sorprendidos por un grupo de pantallas de Xinzo da Limia. 


As pantallas posúen unha indumentaria e unhas características moi distintas ás dos cigarróns e peliqueiros. Atopámolos de costas a nós logo de comezar a escoitar o estrondo que producen cando chocan as súas vexigas inchadas. As pantallas visten camisa e calzón brancos, pano, capa e faixa vermellas e polainas negras. Sobre da faixa levan un cinto de pel sobre do que penduran campaíñas. As pantallas ábrense paso antr’a xente batendo as vexigas inchadas. Adoitan arrodear ós transeúntes que non están disfrazados, incomodándoos batendo as súas vexigas, dando chimpos i emitindo uns berros moi particulares. Adoitan tamén deixalos en paz a cambio de que os conviden a uns grolos de augardente. Mais a tradición manda que endexamais cheguen a tocar a ninguén. 


As pantallas que portan elabóranse de xeito tradicional con cartón, papel, feltro, fariña, auga e pinturas. Estas máscaras ríxidas e decoradas con motivos astrais posúen uns rostros diabólicos con pequenos cornos sobre dos ollos. Debo recoñecer que as máscaras que portan as pantallas resultáronme moi intrigantes. Ollamos detidamente a vestimenta e o activo comportamento das pantallas, os seus chimpos e o estrondo que producen ó bateren ás súas vexigas. Dende logo que impoñen un certo respecto cando se achegan a un. Arrodeamos case na súa totalidade a Praza do Obradoiro impresionados de topármonos con esta importantísima mostra do Entroido galego. Ficamos abraiados, real e felizmente sorprendidos, de recibir en Compostela toda a maxia e todo o espírito destes tres concellos ourensáns, Xinzo, Verín e Laza; deste triángulo no que se concentra o Entroido máis histórico e tradicional do noso país.

mércores, 4 de febreiro de 2015

As laudas medievais de Santa María A Nova


"Alí, agora, mentras esculco o enigma
mergúllome nas horas que fuxen,
sosteño a casa para que perviva,
mundo testigo do que fun,
do que foron os antergos
que agora alimentan o Camposanto.
Eiquí estou arromedando á eternidade,
eiquí, como as herbas, como as hedras
que non deixan de medrar:
canle do antigo sangue dos devanceiros,
memoria desfeita nos séculos
que agora ecoa en milleiros de linguas pequeniñas
polos regatiños do monte
e, como eles, sabe o que non di
e o que di leva un selo"
Ánxeles Penas

Se fai cousa duns meses, os misterios da morte chamaban por min e me achegaban até os milenarios esteos do monumento funerario de Anta de Argalo, pouco tempo despois regresarían para facerme retornar até a histórica vila de Noia e obrigarme a coñecer as pétreas e centenarias laudas sepulcrais que atesoura a Igrexa de Santa María A Nova. Este pequeno santuario reconvertido en museo acolle a máis importante colección de laudas gremiais e sepulcros medievais do vello continente e poida que até do mundo. Achegueime até esta histórica vila, até este antigo porto de Compostela, desexoso de internarme nesta igrexa sen culto ateigada de lápidas e sartegos, de pétreas e frías lembranzas de vidas finadas ó longo dos séculos. 


A Igrexa de Santa María A Nova foi erixida no ano 1327 polo arcebispo compostelán Berenguel de Landoira sobre doutra antiga igrexa do século XII. Encádrase nun estilo gótico mariñeiro con influencia do románico. Consta dunha única nave con cuberta de madeira sobre de tres arcos apuntados que a dividen en catro tramos. A ábsida é cuadrangular. A capela maior, que fica un chanzo máis baixa que o resto da nave, conta cun fermosísimo retablo barroco policromado que data do 1760 e no que se amosa a Virxe do Carme rescatando as ánimas do purgatorio. Esta igrexa localízase no centro do cemiterio histórico da vila, e como dicía, pechouse ó culto para ser reconvertida nun museo que pretende honrar a lembranza das longas xeracións de noieses xa finados a través dunha singular e importantísima exposición de laudas sepulcrais que abranguen os séculos XIV a XIX. 


Sorprendeume entrar en Santa María A Nova e contemplar as entrañas dunha igrexa baleira de cruces, imaxes e confesionarios, mais ateigada de antiquísimas laudas e sartegos de pedra. A exposición está organizada en catro eixos principais; laudas con representacións gremiais, laudas con marcas familiares, laudas con motivos heráldicos i epigráficos e laudas con temas antropomorfos. A meirande parte das pezas que compoñen a exposición foron achadas no histórico cemiterio que arrodea a igrexa. Estímase que o número total de laudas que se conservan nas entrañas da igrexa i espalladas polo cemiterio semella superar o medio milleiro, mais somentes unha pequena parte, aproximadamente un cento delas, fica exposta ó público e debidamente conservada. O resto das laudas fican amoreadas unhas sobre das outras arredor dos muros do camposanto. 


As laudas máis antigas e abondosas de Santa María A Nova son as gremiais, que datan de entrámbolos séculos XIV e XVI; tempos nos que a vila de Noia gozaría dunha próspera situación económica e mercantil que propiciaría a convivencia de mariñeiros, artesáns, comerciantes e nobres. Estas laudas amosan na súa superficie os símbolos e trebellos máis comúns que adoitaron empregar na súa profesión os que foron soterrados. Estes símbolos e gravados eran necesarios para que a xente daqueles tempos, maioritariamente analfabeta, puidesen identificar os sartegos dos seus defuntos sen necesidade de saber ler. As laudas gremiais máis abondosas nesta igrexa e neste camposanto son as dos mariñeiros, ferreiros, canteiros, zapateiros, carpinteiros, carniceiros, xastres e curtidores. 


Namentres o gremio dos mariñeiros adoitaba gravar nas súas frías laudas apeiros tan simbólicos como as áncoras, os canteiros eran lembrados polas escodas e as escuadras, e os carpinteiros polas aixolas, compases, trenchas e machadas. Namentres o gremio dos curtidores gravaba na súa funesta lauda os mandís que adoitaban empregar para traballar o coiro nos pelamios, moitos zapateiros serían recordados polas soletas do calzado e outros moitos ferreiros polas tenaces da fragua. Os carniceiros, nembargantes, serían soterrados co emblema dos machetes gravados nas súas lápidas e os xastres con cortantes tesoiras e afiadas agullas. 


Co paso do tempo, moitos dos símbolos gravados nas laudas gremiais iríanse substituíndo por inscricións ou ben mesturarían os gravados co nome do defunto. En moitos casos, a lápida co emblema inicial sería posteriormente empregada para soterrar os restos doutro descendente ou familiar falecido que sería recordado na mesma lauda pero desta volta co seu nome gravado. Santa María A Nova agocha tamén outras moitas antigas laudas que amosan signos ou marcas que semellan representar, de xeito simbólico, o nome da familia á que pertenceron. Estas laudas con marcas familiares posuían emblemas que semellaban caracterizar e identificar a toda unha estirpe. Estes símbolos familiares adoitaban empregalos os canteiros para ter identificados os perpiaños cos que traballaban. Tamén se sabe que estes símbolos eran empregados para identificar as pequenas embarcacións e outros obxectos nas terras da foz do Miño e na veciña poboación portuguesa de Póvoa do Varzim. 


Amais das laudas gremiais e familiares, este santuario noiés reconvertido en museo posúe unha gran cantidade de laudas nobiliarias e outras moitas con temas antropomorfos. As primeiras son as máis modernas, e correspóndense co período comprendido entrámbolos séculos XVII e XIX. Nestas laudas nobiliarias represéntanse escudos heráldicos e até estatuas xacentes. As segundas, as laudas con temas antropomorfos, son bastante comúns e amosan figuras humanas esquematizadas. Por se isto fose pouco, Santa María A Nova e o seu cemiterio atesouran tamén unha gran cantidade de antiquísimos sartegos completamente intactos e completos. Iso si, a meirande parte deles fican aínda á intemperie. 


Malia todo, entre os pétreos muros e baixo teito desta pequena igrexa sen misas, pregarias nin incensos, consérvanse dous impresionantes sartegos que datan do século XVI e que chaman a atención de todo aquel que penetra neste lugar. Por unha banda albiscaría o de Pero Carneiro na capela plateresca do mesmo nome, onde tamén acharía o sartego de Álvaro Paz Carneiro e a meirande parte das laudas nobiliarias do museo, e pola outra, o de Ioan das Estivadas, que foi un taberneiro noiés que fixo unha importante doazón á igrexa aló polo ano 1397. Este último sartego procede da igrexa de San Martiño, e sería trasladado a Santa María A Nova no ano 1930. O seu cadaleito é, sen lugar a dúbidas, un dos máis impresionantes da colección. O finado semella durmir un prácido sono co seu canciño quentándolle os pés. A carón deste sartego acharía tamén unha pétrea pía bautismal de gran fermosura que data do século XV.


Fiquei pampo ante cada unha das diferentes e variadas laudas que se conservan nas entrañas de Santa María. Cantas vidas e historias finaron tras destes gravados, tras destes pétreos recordos, tras destes sinais de identidade. A de Santa María A Nova é, como dicía, a mellor colección de laudas medievais do vello continente e poida que até do mundo, mais esta ampla colección non está para nada protexida nin tan sequera catalogada. Todo canto acharía na igrexa sería somentes unha pequena parte do importantísimo patrimonio que agocha o histórico camposanto que a arrodea. Decidín saír ó exterior da igrexa pra coñecer a inmensa maioría das laudas e sartegos deste recuncho noiés; as que fican á intemperie, as que resisten amoreadas unhas sobre das outras baixo mantos de musgo i esquecemento. 


Apenas quedan ocos baleiros no chan deste cemiterio pra finar baixo das reigames de malas herbas e alentar o nacemento de primaverais margaridas, agás a dura terra dos camiños que nos fan transitar por antr’os centos de lápidas que nos lembran outras vidas, que nos afunden nos misterios da morte e nos fan cavilar na fugacidade da vida. Este cemiterio fica aínda con vida, logo de tantos centos de anos sendo o derradeiro refuxio dos que marchan para non volver. Namentres ollaba algunhas lápidas modernas puiden comprobar como numerosos veciños se achegaban até eiquí pra lembrar os seus defuntos e traerlle flores frescas, pra deter un anaco as súas vidas e sentirse máis preto dos seus seres queridos xa finados. 


Achegueime até un dos muros do camposanto para ollar de preto a enorme cantidade de sartegos e de laudas que fican, coma dicía, amoreadas unhas sobre das outras. Resultoume imposible tratar de contabilizalas todas. Todas estas laudas fican aquí, á intemperie e totalmente desprotexidas, por falta de espazo, pois na igrexa expuxéronse somentes as máis representativas. Por outra banda, que este cemiterio siga aínda en funcionamento tampouco contribúe a que estas laudas poidan protexerse i expoñerse como deberían. Arrodeei paseniño esta igrexa pechada ó culto e detívenme en cada unha das laudas que iría atopando a cada paso i en cada recuncho deste histórico e ateigado camposanto. Despedinme de Santa María A Nova, así como dos misterios da morte que me trouxeron até eiquí, desexando que algún día se poidan pór en valor todas e cada unha das máis de cincocentas laudas que fan deste recuncho un dos máis singulares, non so do noso país, senón do mundo enteiro.