venres, 8 de agosto de 2014

O Mosteiro de Santa María de Melón


“Gran sabor havería eno meu coraçón
d'ir a Santa María, se i achass'entón,
     irmana, o meu amigo.
Ja jurei noutro día, quando m'ende partí,
que non foss'a l'ermida, se ante non foss'i,
     irmana, o meu amigo”.
Trobadores, Cantigas de amigo

Esta pasada primavera decidimos achegarnos até algúns dos recunchos máis fascinantes da Provincia de Ourense na procura da paz e do silencio que tanto precisabamos.Nesta ocasión propuxerámonos percorrer boa parte das comarcas do Carballiño, Ourense, Celanova e O Ribeiro. Nesta última, e máis concretamente no Concello de Melón, tiveramos a sorte de coñecer o axitado curso do Río Cerves e de mergullármonos nas súas pozas naturais. Naquela mesma xornada, e logo dun reconfortante xantar na antiga xudería de Ribadavia, decidimos aproveitar a nosa estadía no Ribeiro para visitar tamén un vello mosteiro que aínda resiste neste mesmo Concello de Melón. Estamos a falar do mosteiro cisterciense de Santa María, unha das xoias máis descoñecidas do románico monástico galego. 


Viaxamos cara o Mosteiro de Santa María de Melón, declarado Ben de Interese Cultural no ano 1931, tratando de seguir o vieiro da fe e da espiritualidade. Nada máis chegar a Melón xa puidemos albiscar o mosteiro que procurabamos a carón mesmo da estrada principal da vila. Logo de atravesar unha antiga alameda, contemplamos ante nós a monumentalidade do mosteiro que estabamos a piques de coñecer. Aínda lembro o moito que nos impresionou este mosteiro; a súa monumentalidade, as súas dimensións. Ficamos pampos ante a grandeza inesperada que achamos neste vello cenobio de Melón. Achegámonos primeiramente até a fachada da igrexa para logo internármonos nos claustros e demais dependencias monacais. Denantes mesmo de entrar ó adro da igrexa, chamounos fortemente a atención a presenza de dous graníticos cans que semellaban flanquear a porta principal deste sacro e antigo edificio. 


A Igrexa de Santa María de Melón posúe unha planta de cruz latina con corpo de tres naves de sete tramos. Destaca a cabeceira con deambulatorio gótico e a capela de soterramento, moi semellantes á do Mosteiro de Santa María de Oseira. A ábsida do presbiterio é semicircular e presenta, de cara ó exterior, unha forma poligonal na parte da capela maior e semicircular na das radiais. Sobre do ángulo conformado polas tres naves e o cruceiro, érguese unha torre de corpo rectangular rematada en casquete piramidal. 

Contan que aló polo século XVIII, a igrexa foi reformada, modificándose a capela radial central, e que a finais do século XIX desaparece boa parte do corpo da mesma; provocando o seu peche cun muro historicista e converténdoa nunha igrexa cabeceira que contrasta, desproporcionadamente, co resto das naves. Logo de contemplar a igrexa, decidimos entrar a coñecer os claustros e demais dependencias do antigo mosteiro cisterciense de Santa María de Melón. Estabamos ás portas do cenobio de Santa María de Melón, pertencente á Orde do Císter e fundado aló polo século XII, máis concretamente no ano 1142. Do antigo muro do mosteiro somentes se conserva, nos nosos días, parte da cerca e unha portada semicircular que fica flanqueada por torres cilíndricas con seteiras, así como tamén o frontón triangular e a imaxe da Virxe María. Boa parte das dependencias monacais e claustros foron reducidos a ruínas e remataron por perdérense no tempo. Á nosa dereita achamos os restos dunha gran arcada que nos chamaron fortemente a atención. 
Internámonos paseniño naquel mosteiro que até o de agora presentaba un estado de ruína e total abandono. Nada máis entrar achamos un impresionante claustro arrodeado de fermosísimas columnas no cal, para a nosa sorpresa, achamos numerosas mesas e cadeiras, e mesmo algún que outro veciño tomando un refrixerio. Non nos trabucamos, estabamos na terraza dunha taberna que ficaba nas entrañas mesmas dun mosteiro recentemente restaurado. Decidimos percorrer o mosteiro denantes de tomar asento naquela máxica terraza. Achegámonos pois até o pouco que queda, até as últimas dependencias monacais que aínda seguen en pé, ben por seren restauradas recentemente ou porque o tempo non as puido derrubar, para tratar de recrear parte da historia deste cenobio e dos seus antigos moradores. Antano, este mosteiro posuía dous claustros, o Principal e o Reglar. No Claustro Principal existían celas para os criados, os carreteiros, o porteiro e o cura, así como bodegas e cortes. No Claustro Reglar atopábanse as celas abaciais, a hospedaría, a cela do mordomo e algunha que outra sala destinada á servidume. Este claustro tamén posuía unha cociña, un arquivo, refectorio, coro, biblioteca e Sala Capitular. Pénsase que este claustro contaba tamén cuns trinta e seis dormitorios, e outros seis destinados ó noviciado.


Logo de repasar os diferentes espazos que conforman este mosteiro cisterciense de Santa María, de fitar as dependencias monacais, as bóvedas e unha gran cantidade de arcos e columnas, decidimos pasar a coñecer máis polo miúdo a súa historia. Contan que este cenobio pasou a pertencer á Orde do Císter grazas a Afonso VII, quen doou para este fin as terras da contorna. As primeiras comunidades monásticas en habitaren este cenobio proviñan das terras francesas de Claivaux. 

Estes primeiros monxes foron aumentado as súas posesións e o seu territorio, chegando até a mesmísima Ribadavia. Os monxes fóronse facendo moi poderosos por estas terras, chegando a exercer tamén unha gran presión sobre da veciñanza, queimada xa polos seus impostos, a súa posición e os seus abusos. Mais todo semellou mudar a comezos do século XV, xa que os monxes foron perdendo o seu poder ante o establecemento da nobreza. Aló polo século XVI o Mosteiro de Santa María pasaría a depender da Congregación de Castela. Dende aquel entón, o cenobio estaría habitado ata a metade del século XIX, máis concretamente até o ano 1835, cando a desamortización de Mendizabal lle asestou o derradeiro golpe. A partires daquel entón e até fai ben pouco, o mosteiro ficou arruinado i esquecido. Somentes as portas da igrexa ficarían abertas pr’os veciños da parroquia. Nos últimos anos, as ruínas do mosteiro foron saqueadas, chegándose a vender, de xeito ilegal, pezas graníticas e até outros moitos elementos decorativos do mosteiro. Nos nosos días, aínda achamos materiais de construción e cascallos polos claustros, o que semella evidenciar que as obras de restauración levadas a cabo nos últimos anos están a piques de rematar. 


Logo de coñecer unha pequena parte da historia deste sorprendente mosteiro e de visitar as súas mesmísimas entrañas, recentemente restauradas, acordamos sentar nunha das mesas daquel claustro e tomar unhas frescas e merecidas cervexas. 

Estabamos moi cansos da viaxe, levabamos dous días sen parar, de aldea en aldea, de vila en vila, de comarca en comarca. E sen dúbida algunha esta foi a mellor recompensa.  Dende aquela mesa da terraza todo se vía diferente, estabamos a tomar unhas cervexas no antigo e sacro claustro dos abades do Mosteiro cisterciense de Santa María de Melón, ollando aqueles muros antano derrubados, aquelas columnas que aínda resisten en pé nos nosos días; experimentando unha sensación nunca antes vivida. Facía un día solleiro e ben caloroso, polo que foi o mellor xeito de pór fin a aquela visita. Mais por se fose pouco, denantes mesmo de liscar deste impresionante e sorprendente mosteiro, a camareira que nos atendeu convidounos a pasar aquela mesma noite por alí, xa que andaban a preparar, se mal non recordo, unha festa reggae. Acudiriamos a aquela festa de moi boa gana, de non ser porque tiñamos moi pouco tempo libre e moitos horizontes por descubrir aínda naquelas terras, sempre feiticeiras, do Ribeiro. Deixamos tras de nós este cenobio recentemente restaurado, satisfeitos e dobremente sorprendidos, mesmo coa sensación de termos rescatado, como pobo, parte da arte, da vida e da historia afundida deste mosteiro melonés de Santa María.

mércores, 6 de agosto de 2014

O Rego de Arcos e a Fervenza da Nuveira


“e o poema mortal con nomes e nomes que non se tocan
e corpos derrubados pola néboa
e pesadelos mornos que despertan un home
debaixo dunha luz queimando verbos
chuvia en fervenza quente derretendo a pedra”
Xosé María Álvarez Cáccamo, Escolma

Esta pasada primavera decidimos achegarnos até o leito doutro río galego para descansar e refrescarnos, mais tamén pra fitar unha máxica e descoñecida fervenza onde sentir o balbordo e a forza das súas augas. Desta volta quixemos procurar o curso do Rego de Arcos, un afluente do Río Xallas que atravesa a parroquia de Santiago de Arcos, no concello coruñés de Mazaricos, onde xa tiveramos a oportunidade de coñecer o milenario Dolmen de Mina da Parxubeira e a ruinosa Igrexa de Santa Baia de Chacín. Viaxamos de novo cara este concello da Comarca de Xallas para tratar de coñecer agora un dos tramos máis fermosos do Rego de Arcos, un río de curto percorrido que fica ateigado de saltos e pozas e que posúe unha gran beleza natural e paisaxística. Este río conforma o val que separa os macizos do Monte do Pindo do Monte da Ruña. Andabamos na procura da Fervenza da Nuveira, un fermosísimo salto de auga, duns dez metros de altura, que fica xusto detrás dos cumios do Monte Pindo e moi preto da monumental Fervenza do Río Xallas


Achegámonos até este encrave conformado polo Rego de Arcos, ascendendo o Miradoiro de Ézaro, no veciño Concello de Dumbría. Nunca me cansarei de contemplar dende este alto as súas marabillosas vistas. Dende este miradoiro albiscamos de cheo toda a grandeza da Ría de Corcubión; a desembocadura do Xallas, o areal e a vila do Ézaro, o monte, o porto e a vila do Pindo, as Illas Lobeiras, o Carrumeiro e a impresionante silueta do Promontorium Nerium fisterrán no horizonte. 

Logo de atravesar o encoro de Santa Uxía sobre da mesma presa do Xallas, achamos o lugar de Nuveira. Desgraciadamente, non achamos neste lugar, nin nas proximidades, ningún tipo de indicador que nos alerte da presenza da fervenza que procurabamos, mais sabiamos que ficaría moi preto dunha depuradora de augas. Atopamos a citada depuradora a uns 300 metros denantes de chegar á parroquia de Arcos. Puxémonos a camiñar a carón da mesma e, ó pouco, xa comezamos a escoitar o estrondo do que semellaban ser as augas da Fervenza da Nuveira. Non tardamos en chegar.
Á fin estabamos ante a fermosa e descoñecida Fervenza da Nuveira, ante as axitadas augas do Rego de Arcos. Resulta incrible contemplar a cortina de branca escuma que esvara e se esvaece sobre dos encarnados e graníticos petoutos. Como diciamos anteriormente, esta fervenza posúe unha altura aproximada de dez metros, durante os cales as súas augas se arremuíñan conformando unha gran cantidade de saltos e de pequenas pozas. Precisamente nestas pozas, moitos veciños das aldeas de arredor procuran o fresco das súas augas nas xornadas máis calorosas i estivais. Ao noso redor abríanse paso fragas infestadas de carballos e salgueiros, mantos de musgo e fentos nas ribeiras. Sentamos de fronte á ruxidoira, pechamos os ollos e centramos toda a nosa atención no balbordo, no ronco son das súas augas. 


Antano, denantes da construción do Encoro de Santa Uxía, o Rego de Arcos vertía as súas augas directamente sobre do curso do Xallas. Logo da citada construción, as augas do Rego de Arcos pasaron a ser vertidas ó Encoro de Santa Uxía. Cavilamos en canto debeu de mudar a paisaxe destas terras dende aquel entón. Canta paz se respira neste recanto da Nuveira, canto descanso achamos no son das súas augas arremuiñadas, nos cálidos matices daquelas rochas de granito rosa. Foi unha sorte coñecer este lugar, mais semella incrible que aínda nos nosos días careza de indicadores ou sinais que nos conduzan ata el. Liscamos desta fervenza paseniño, escoitando o seu estrondo cada vez máis lonxe de nós. Oxalá algún día volvamos até esta fermosísima ruxidoira somentes pra pechar os ollos e detérmonos no seu son, pra ceibar nas súas augas as nosas tensións, as nosas teimas, os nosos pensamentos; pra sentirmos de novo aquela “chuvia en fervenza quente derretendo a pedra”

sábado, 2 de agosto de 2014

Os danados muros da Torre de Sande


“Castelo de Sande,
pernas de avión,
cantas terras vexo,
todas miñas son”

Volvemos de novo cara as cálidas terras de Ourense para achegármonos agora até unha de tantas torres e fortalezas que aínda delimitan os antigos dominios e camiños deste noso histórico e verdescente país. Esta provincia atesoura numerosas torres defensivas, antigas atalaias de vixilancia, que testemuñan o paso dos séculos e que nos falan da súa historia e das lendas que foron xurdindo ó seu redor. Son moitas as torres e fortalezas que fican esparexidas por esta provincia. Algunhas delas presentan un excelente estado de conservación, mais tamén é certo que outras moitas presentan un estado de ruína e abandono. Nesta viaxe tiñamos previsto coñecer torres tan senlleiras como a de Sande, a de Viana do Bolo, a da Forxa, a da Pena e a de Sandiás; as tres últimas na Comarca da Limia. Nesta comarca, fai uns cantos anos, xa tiveramos a sorte de coñecer tamén as torres e murallas do Castelo de Monterrei, que fican nos nosos días en rehabilitación. Decidimos achegármonos primeiro até a de Sande e deixar pra máis adiante a de Viana e as tres anteriormente citadas torres limiás. 


Achegámonos pois até a comarca da Terra de Celanova, e máis concretamente até o Concello de Cartelle, para coñecer parte da historia e das lendas que agochan os danados muros da senlleira Torre de Sande, declarada de Interese Turístico Nacional no 1949. Sabiamos que pra dar coa torre debiamos procurar a Parroquia de San Salvador de Sande. Desta volta resultounos moi sinxelo achar o obxectivo que procurabamos. Nada máis chegar a Sande puidemos albiscar a silueta da súa impoñente e histórica torre nun intricado e xigantesco penedo que semellaba erixirse sobre dun frondoso e verdescente val, entre os cursos do Arnoia e do Miño. Achegámonos até aquela atalaia pétrea e arruinada contemplando a fermosa paisaxe que a arrodea. Non tardamos en chegar até os pés daquel penedo que albiscaramos ó lonxe nin en detérmonos baixo a sombra da súa impoñente torre. Á fin estabamos ante a histórica Torre de Sande, mais aínda debiamos ascender aquel intricado penedo para achegármonos ata ela.


Non nos resultou nada doado ascender o penedo sobre do que se asentan os muros desta torre medieval. Tivemos que ascender facendo camiño antr’as silveiras, pisando toxos e breixos, suxeitándonos ós espiños e ás xestas. Ascender este penedo foi unha tarefa con bastantes riscos, xa que nin coñeciamos o estado do acceso á torre nin dispuñamos da indumentaria axeitada para ascender con certa seguridade. Malia todo, decidimos emprender a ascensión até acadar os mesmos pés da Torre de Sande. Chegamos ó alto do penedo coas pernas ensanguentadas e coas roupas esfiañadas polas silveiras. Á fin estabamos ante os muros da primeira atalaia que tiñamos previsto coñecer nesta provincia, ante o pouco que queda da antiga fortaleza de Sande. O que máis nos sorprendeu nada máis chegar ó alto foi achar nun dos muros unha enorme e profunda fenda que semella pór en serio risco a conservación de boa parte da estrutura desta antiga torre da homenaxe.


Esta torre, erixida con perpiaños graníticos sobre da mesma rocha deste xigantesco petouto, posúe unha planta rectangular de 5,8 por 6,4 e unha altura de 13 metros. Pénsase que se pode tratar dunha construción de estilo gótico serodio, quizais do século XIV. No alto da torre consérvase un pequeno escudo de armas que recorda á liñaxe dos Sande. Nesta fachada onde achamos o escudo, achamos tamén outra profunda fenda que, ó igual que a viramos no primeiro muro, semella pór en serio risco a conservación da estrutura da torre. A Torre de Sande consta de varios andares, un deles abovedado, i está coroada por un ameado beiril que presenta un estado ruinoso.  Esta torre tiña como misión servir de centro de control da riqueza agropecuaria da veiga, mais tamén vixiar e dominar a confluencia de antigas vías de paso. Contan que aló polo ano 1141, o rei Afonso VII de León e Castela, alcumado O Emperador, e a raíña Berengela de Barcelona, doaron esta torre ós abades do Mosteiro de San Salvador de Celanova, outorgándolles tamén o título de marquesas da Torre de Sande. Pasado un tempo, entre os abades de Celanova e os descendentes da estirpe dos Sande viviríanse momentos de tensión. 


Nun dos enfrontamentos entre os abades e os descendentes da estirpe, Nuño de Sande mataría a un abade de Celanova, provocando o castigo real. A fortaleza dos de Sande pasaría de novo a ser patrimonio do mosteiro. Contan que no castelo tamén se vivirían momentos de gran tensión aló polo 1165, e mesmo sería este un campo de batalla nunha loita na que se enfrontaron Fernando II de León e Afonso Henriques, primeiro rei portugués. Contan que o monarca luso gañou o enfrontamento, apoderándose da fortaleza, mais os galegos cercaron o exército e, segundo conta a lenda, recuperaron o castelo coa axuda de San Rosendo. Diversos documentos achados semellan confirmar que no século XIV, o dono e señor desta torre e das terras d’arredor, era Paio Rodríguez de Araúxo, servidor do rei Xoán I de Castela. É unha mágoa achar esta histórica torre nun estado de conservación tan deficiente e lamentable. Liscamos de Sande cavilando nas profundas fendas que acharamos nos muros da torre. Agora tiñamos por diante coñecer outras moitas atalaias ourensás como a de Viana do Bolo, a da Forxa, a da Pena ou a de Sandiás. Como pode ser posible que esta Torre de Sande, declarada de Interese Turístico Nacional, presente un estado tan ruinoso?. O único que semella evidente é que, se ninguén o remedia,  esta torre e o pouco que queda da súa historia, rematarán por desaparecer.