sábado, 30 de agosto de 2014

Santa María de Ferreira, mosteiro feminino


“O alciprés que direito s'asoma
D'o convento tras d'o muro,
Y o lieiro campanario
Cuberto d'herbas e musgo,
D'a devesa, c'o cruceiro
Eran cintinelas mudos”.
Rosalía de Castro, Follas Novas

Fai cousa dun par de anos, decidimos regresar á Ribeira Sacra para tratar de coñecer algúns dos seus máis senlleiros santuarios e mosteiros. Ó longo desta paradisíaca paraxe conformada dende a noite dos séculos polo Miño e polo Sil, achamos numerosos mosteiros que nos deixaron realmente impresionados. Nas ribeiras do Miño coñecemos o Santo Estevo, San Facundo, a Igrexa de San Martiño da Cova e o San Paio de Diomondi. Nas do Sil, os impresionantes Santo Estevo e Santa Cristina. Regresamos á Comarca da Terra de Lemos para achegármonos agora até o concello lugués de Pantón. Neste concello, limitado polos cursos do Miño, Sil e Cabe, trataremos de coñecer o histórico Mosteiro de Santa María de Ferreira. Sempre resulta un pracer internarse neste paraíso que é a Ribeira Sacra. Tomamos rumbo a Pantón coa ollada posta nas ringleiras socalcadas, nas centenarias carballeiras, nas cristalinas augas do río. 


Chegamos a Pantón unha fría i escura mañá de outono. O ceo ameazaba chuvia, polo que tivemos que apresurar un pouco o paso. Estabamos ante o Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, tamén coñecido como Mosteiro das Madres Bernardas. É este un mosteiro rexido dende antano por monxas e non por abades, algo único no noso país. As orixes deste mosteiro remóntanse ó século X. Primeiro foi un mosteiro beneditino e logo cisterciense, mais é o único do noso país que mantivo vivas as súas funcións dende a súa creación até os nosos días, que nunca foi abandonado; sen verse afectado nin tan sequera pola Desamortización de Mendizábal. O mosteiro foise erixindo ó longo de cinco séculos i en diferentes etapas. Do primitivo cenobio conservase a igrexa románica, que data de mediados do século XII. O claustro, nembargantes, data d’entrámbolos séculos XV e XVI, e o resto dos espazos serían erixidos no XVIII. O conxunto fica arrodeado por unha rexa muralla. Decidimos detérmonos primeiramente na igrexa, que semella formar un ángulo recto coa fachada do mosteiro. 


A Igrexa de Santa María de Ferreira posúe unha planta rectangular, unha única nave e ábsida semicircular. Na cabeceira da igrexa achamos unha gran riqueza escultórica. Contan que nas reformas levadas a cabo no ano 1975 achouse unha pequena escultura de madeira policromada que representa a Virxe María sentada co neno no regazo. A talla fica nos nosos días no interior do santuario. Nas entrañas desta igrexa fican tamén os sepulcros de Don Diego de Lemos, dirixente das revoltas irmandiñas falecido no ano 1492, e Don Lope de Lemos; ámbolos dous, Condes de Amarante. Achegámonos agora até a porta principal do mosteiro, sobre da cal achamos un escudo da Orde do Císter de Castela. O edificio posúe dous andares e foi erixido en pedra de cantería granítica. Posúe un claustro de dous corpos, que como diciamos anteriormente, semella datar d’entrámbolos séculos XV e XVI, con arcos de medio punto apoiados sobre capiteis alcarreños. A fachada principal data do século XVIII e posúe na súa parte norte unha torre. 


Resulta curioso que este Mosteiro das Madres Bernardas se mantivese vivo dende a súa fundación ata a actualidade, e máis aínda que sexa o único mosteiro feminino do noso país. A primeira nova documentada data do 924; ano no que se rexía pola Orde de San Bieito. No 1175 somentes ficaría habitado por monxas que adoptarían os usos do Císter baixo a tutela do abade cisterciense de Meirás (Lugo). Detivémonos a ollar a cantidade de criaturas que fomos descubrindo baixo dos chapiteis, tal que seres zoomorfos, animais ou bestas de alongadas colas e pescozos, amais doutros moitos motivos vexetais. Nos nosos días, o Mosteiro posúe unha hospedaría e venden produtos que as Madres Bernardas elaboran. Liscamos de Ferreira de Pantón coas primeiras gotas do que logo sería unha forte treboada, desexando que este mosteiro, gobernado dende sempre por mulleres, siga vivo por moitos séculos máis.

2 comentarios:

navegacruz dixo...

Moi boas as pastas de améndoa das monxiñas de Pantón. Tiven ocasión de visitar o convento en catro ocasións, e sempre lle atopo o encanto das pequenas alfaias que perduran no tempo sempre incólumes.
Apertas, Mouro. Fermoso percorrido pola Ribeira Sacra!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Grazas compañeira, é unha sorte terche eiquí,tan preto e tan lonxe, nesta meu eido, nesta fraga, nesta terra que nos é común. Unha aperta forte Cruz