“E das cousas pequenas
faránse as torres
para que da torre
saia un grande puño
e nese puño
aniñará un pardal
sendo cativo
acadará o horizonte
e no horizonte
abismaráse o mundo
cara un elo fantástico
que todo o xunte
e dese xunto faremos unto
e dese unto un todo lene
un ovo novo
que deite leite
porque no branco bota raíz o escuro
o carbón negro do que sairá o meu diamante”
Estíbaliz Espinosa, Pan (Libro de ler e de desler)
Aló polas avermelladas terras de Coristanco, na cantareira Comarca de Bergantiños, procurei fai cousa dun par de meses unha histórica torre que formaba parte dun antigo pazo erixido pola familia Bermúdez de Castro aló polo século XV no couto de Nogueira, na parroquia de San Mamede de Seavia. Trátase da Torre de Nogueira, unha das meirandes mostras da arquitectura civil medieval que atesoura esta Comarca de Bergantiños. Interneime paseniño, unha gris e monótona tarde de domingo, nesta parroquia da pataqueira vila de Coristanco. Xa albiscara, de camiño ó lugar de Nogueira, a silueta da súa torre, o porte medieval dos seus rexos muros, a súa garrida e cuadrangular estrutura. Detívenme de fronte a ela e tratei de procurar en cadansúa xanela, en cadansúa porta, en cada unha das pedras que aínda a manteñen en pé; as súas orixes e os seus antigos moradores. A Torre de Nogueira e a casa que se localiza ó seu carón formaban parte dun pazo erixido polos Bermúdez de Castro durante o século XV que orixinariamente atesouraba dúas torres. A que aínda resiste, erixida con traballadas pezas graníticas, posúe unha planta cadrada duns aproximados 9 metros cada de lado e uns muros de máis dun metro de ancho. A torre carece de ameas e presenta unha teitume a catro augas cuberta de tellas de arxila.
En tempos baixomedievais, o couto de Nogueira, onde se localiza esta torre, foi unha concesión dos monxes do mosteiro de San Mamede de Seavia á familia Bermúdez de Montaos, e suporía unha extensión aproximada dunhas 1.000 hectáreas. Os primeiros moradores do pazo eiquí erixido serían o VIII Señor de Montaos Pedro Bermúdez "O Vello" e Leonor de Castro e Guzmán. O Señorío de Nogueira sería herdado tempo despois polos seus descendentes, Inés de Nogueira e Fernando de Castro, até que a comezos do século XVII, o por aquel entón Señor de Nogueira Pedro Bermúdez de Castro e Pardo de Donlebún, contrae matrimonio con Ana María de Bardaxí Díez de Guevara Girón. Dende aquel entón o Señorío de Nogueira pasaría a mans dos Marqueses de Cañizar, completamente alleos a Galicia. No 1847, este couto de Nogueira, xunto coa torre e a casa anexa, pasaría a mans de José María Maya Barrera e a súa familia, que remataría por vendelo no 1941 a Pilar Maya Cano-Manuel. Nos nosos días, esta vella torre i esta histórica casa seguen a ser unha propiedade privada. Os seus donos actuais, a familia Rabuñal Pose, adquiriríana no ano 1959. Deixei tras de min esta torre i este couto de Nogueira pero non a morfoloxía oxival das súas xanelas, as súas portas nin os escudos de armas que aínda testemuñan o poder dos seus antigos moradores. Lisquei de San Mamede de Seavia coa esperanza de que algún día esta torre fique pra sempre coas portas abertas, agoirando a liberdade que descoñece, narrando batallas e soñando treguas.
4 comentarios:
Ogallá sexa algún día, mentres disfrutaremos dela baixo o ceo anubrado deste inverno.
Unha aperta.
Non queda outra, Patricia. Grazas polo comentario e unha forte aperta!
Noraboa, moi interesante blog, pena de non coñecervos antes. Añadir sobre a vosa información das Torres de Nogueira, que na súa capela (hoxe desaparecida) atopouse unha ara consagrada ao Deus Coso, para máis información consultar a entrada;https://anosahistoria.blogspot.com.es/2016/03/coso-o-deus-galaico-da-asemblea.html.
Un saúdo e graciñas polo voso fenomenal traballo.
Celso
Moitísimas grazas polo teu comentario, Celso! O certo é que eu tampouco coñecía este teu espazo tan histórico como interesante, polo que pasamos a penduralo nas "Xanelas Amigas". Moitísimas grazas por esta información que nos achegas e que valoramos moito, e quedas convidado a pasarte por esta fraga sempre que queiras. Unha aperta e grazas novamente!
Publicar un comentario