“Chegar a Compostela desde dentro,
coa forma da palabra rezumando,
voltar cara ó silencio de granito
cando a vida é verdade e ninguén chega.
Tan só o verso que ispe na nostalxia,
leve harmonía do lume en homenaxe
ou retorno a esa fraguiza sempre acesa
que nos marca os alustros da memoria.
Tráioche agora unha oración de noite
pecha e reixas forxadas ás escuras
coa música dos teus canos de pedra,
e ti segues ofrecéndome a túa aperta
falsa e clandestina,
erguendo as mans das lousas prohibidas
co engado do que brilla e se proclama.
Pouco ten mudado,
nada cambia
o ritmo das sombras debaixo das torres;
Santiago é un rostro sorrinte
na máxica bóveda das estrelas”.
Luís González Tosar, Volver a Compostela
Xa van case tres anos dende que deixei a miña
querida cidade herculina e as súas xentes, das que sempre gardarei un excelente recordo, para comezar unha nova etapa da miña vida en
Compostela. Xa van case tres anos dende que pisei por vez primeira as empedradas rúas da nosa capital como cidadán, coma veciño. Dende aquel intre tiven que afacerme a vivir nunha cidade nova, moi distinta da que proviña, e comezar a establecer nela novos hábitos e amizades. Debo recoñecer que os comezos, coma era de agardar, foron bastante duros, mais coido que, coma tódalas experiencias que nos toca vivir, hanme ser de proveito pra madurar i evolucionar. Aínda lembro aqueles primeiros e fríos días nos que comezaba a descubrir esta antiga e granítica cidade, as súas húmidas rúas e os seus máxicos segredos. A pesares de ter transitado a cotío en soidade polas rúas desta cidade, debo admitir que nunca me sentín só.
Compostela, e as súas xentes, acolléronme nas máis escuras rúas, acompañáronme en cada praza, en cada arcada, en cada parque, en cada xanela, en cada chanzo, en cada fonte, en cada gárgola, en cada capela. As súas xentes, entre as que hai músicos, artesáns, anciáns, estudantes, artistas, hostaleiros, políticos, peregrinos, funcionarios, monxes, clérigos e outros moitos colectivos, contribuíron a sentirme un pouco máis cidadán dunha
Compostela aberta ó mundo. É por iso que quixen, como diría González Tosar, tratar de
“chegar a Compostela desde dentro”, centrando toda a miña atención nas súas xentes, nos cidadáns que transitan esta nosa pétrea e monumental cidade, e que fan posible que continúe a ser o que sempre foi; a capital da vangarda, da arte, da cultura, o refuxio e a escola dos nosos máis senlleiros artistas, o corazón do noso país. Para tódolos composteláns e compostelás, con toda a gratitude do mundo, vai esta miña pequena homenaxe:
|
Das súas cordas nacen os sons máis estremecedores da Acibecharía |
|
As súas cordas fannos viaxar danzando até a India |
|
A elegante anciá de San Francisco |
|
Café e xornal, no mesmo lugar, á mesma hora de sempre |
|
Non se move el, móvese a súa sombra
|
|
Da súa voz e das súas cordas nacen as máis míticas e melancólicas baladas
|
|
Moito ten camiñado
|
|
Dos sons máis harmoniosos e celestiais de Compostela |
|
Nos seus dedos, a destreza do bon gaiteiro... |
|
...nos seus pulmóns, a forza do aturuxo galego
|
|
A Tuna... |
|
...e o "tunante" |
|
Algo teño sucumbido a aqueles doces almendrados...
|
|
Rumbos opostos... |
|
...e rumbos parellos |
|
Ninguén ten queixa del, éche un home calado |
|
Con el trouxo a samba brasileira |
|
A serea compostelá |
|
Sons caribeños para público nipón |
|
No sendeiros da fe e da espiritualidade |
|
A Igrexa... |
|
... e os seus fieis |
|
O clarinete que tanto gostou ó burro |
|
Escoitanse os berros da revolta...
|
|
...ecos reivindicativos que a bo seguro retumban nas mentes máis rancias e conservadoras. |
|
A bandurria eléctrica de Acibecharía |
|
Que sería do outono compostelán sen os asadores de castañas?... |
|
...que sería de nós sen o seu recendo? |
|
Os seus sons fan vibrar até o mesmísimo soportal |
|
Os máis prezados xeados do verán |
|
Somentes lembro a súa voz enérxica e anenada |
|
Semella non ter vida propia... |
|
Cuspidiño ó Santo Patrón |
|
...escola e abeiro de artesáns... |
|
...a cidade onde os máis bohemios procuran o seu sitio... |
|
...a esperanza de moitos que tiveron que deixar atrás as súas casas...
|
|
...o fogar de solitarias viúvas que pechan as portas ó inverno e déixanse acariñar por un sol...
|
|
...por un sol curandeiro de artrites e reúmas, de humidades que remanecen no maxín da soidade. |
|
Sen el non hai festa... |
|
...sen elas tampouco se concibe... |
|
...porque cando a gaita asubía e o atutuxo resoa, Compostela bótase a bailar! |
|
Pois iso, que nos quiten "o bailao"... |
Esta brazada de fotografías en branco e negro abofé que non representan a tódolos cidadáns de Compostela, mais debo confesar que a meirande parte das xentes que aparecen nas mesmas adoito atopalos con frecuencia nas mesmas rúas, nas mesmas prazas, en cada arcada, en cada parque, en cada xanela, en cada chanzo desta pétrea e sacra cidade. Eles somentes son unha pequena representación dos moitos colectivos da cidade. Oxalá o destino siga a facerme cruzar polo pentagrama dos músicos da rúa, deambular ante altares por nostálxicas calexas onde finan os versos dos poetas e nacen os berros das revoltas, onde vibran con forza e puntuais as badaladas. Oxalá volva a atravesar as agullas dun improvisado reloxo solar sobre das sombras dos mimos, e a peteirar os máis amendoados e irresistibles doces da capital. Oxalá siga a procurar o arume áurico do mar nas salitrosas mans das pescadoras, e nos abastos, os máis selectos froitos da cociña dos probes. Oxalá siga a escoitar o ir e vir dos estudantes namorados. Oxalá poida perderme no son das gaitas enmudecidas baixo a sombra dos soportais, en ferreñas corroídas de vellas cantareiras. Oxalá me afunda na suor e na aperta peregrina, nos dourados liques que ollan a occidente. Que nada mude nesta cidade de anónimos estudantes, de anónimos forasteiros, de músicos, de poetas; de artistas sen padriños. Que nada troque xa neste pequeno universo da arte e da cultura, neste sempre latexante corazón da patria, nesta
“máxica bóveda das estrelas”.
3 comentarios:
Moi boas fotos que reflexan o mais interesante : a vida cotidiá. Grande entrada.
Noraboa mouro!
Tes talento !. Tanto na escrita coma na gráfica...qué textos !,qué fotos !
(talento é esa aura invisible que teñen certas persoas, con facilidade para compartir e expresar as sensibilidades de moitos...)
Como compostelán agradecido,emocionadas grazas por esta alfaia de entrada...
E como din na Arxentina -a segunda patria do poeta Tosar -
"Sós grande, pibe!".
Unha forte aperta picheleira !
Grazas a vos por estáredes aí. Apertas
Publicar un comentario