mércores, 14 de decembro de 2011

A paz brota dos xardíns de Oca


"¡Oh, Terra de montes! chea de meiguice e encantos mil:
de mosteiros, igrexas, torres, pontes e castros: de
canteiros, artistas guerreiros e labregos; de mámoas
ermitas, romerías e chozas; de feiras para pasear,
mercar, vender e pescudar, alumea a todos os teus
gobernantes para que a Galiza poda mellorar".
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

O Pazo de Oca está situado no municipio pontevedrés de A Estrada, e máis concretamente, na Parroquia de Santo Estevo de Oca, unha de tantas aldeas fermosas da Comarca de Tabeirós. Este fermoso pazo, na actualidade pertencente ó Ducado de Medinaceli, e coñecido por moitos como o “Versalles Galego”, foi declarado Monumento Histórico artístico e alberga entre os seus muros uns xardíns dunha gran riqueza arbórea e botánica, autóctona e exótica. O edificio foi construído como fortaleza aló polo século XV da man de Don Suero de Oca, nembargantes, non foi ata o século XVII cando se transformou en Pazo, grazas ó impulso de Andrés Galloso.


O seu xardín, -contan que o máis vello do chan galego-, está caracterizado por conter especies antiquísimas de árbores, roseiras,  hortensias, magnolios, viñas e, por suposto, Camelias. É moi frecuente ver diversas variedades desta especie nos pazos galegos, como é o caso de Lourizán ou Mariñán. Os primeiros exemplares de Camelia foron introducidos na nosa terra aló polo século XVIII desde Portugal e a razón pola que este exemplar goza de tanta presenza no noso territorio, non é outra que o clima. Pese a ter unha orixe oriental, a Camelia atopa nestas terras pontevedresas, a humidade e temperatura suave, así como unha terra ácida, idóneas para o seu desenrolo. O Río Boo, que atravesa o Pazo, é quen agasalla a auga precisa para abastecer os estanques e as pétreas fontes, así como nutrir os xardíns e as hortas, en definitiva, toda a riqueza natural deste remanso de paz que é o Pazo de Oca.


Por outra banda, este río tamén se encarga de refrescar as altas temperaturas, propias da cálida época estival, nos amplos patios, pontes e xardíns, e embelecer este lugar coa súa eterna presenza. O edificio móstranos os escudos nobiliarios traballados no granito polos seus antigos propietarios, case fachendoso dunha historia nobre e dun pasado defensivo, coma reflicte a silueta da súa torre ameada. Coma pazo que é, ten tamén a súa igrexa, barroca e planta de cruz latina. Ante a mesma, sitúase a praza que dá a benvida a esta nobre fogar estradense.


Este pazo foi tamén, escenario cinematográfico de varios filmes como La Casa de Troya, Las Aventuras del Marqués de Brandomín, La noche oscura e El aliento del diablo. Na actualidade é posible a visita ós xardíns, pero fica en mans privadas, polo que teremos que pagar se queremos gozar dos segredos que esconde tralas súas fachadas. Paga a pena visitar, tamén, a pequena aldea de Oca, onde podemos atopar vellas construcións que fican rememorando as orixes feudais do lugar. Igrexas, pombais, cabazos e casas orfas de fidalgos, completan unha paisaxe que aínda recende a historia, que semella ficar en paz a carón deste pazo. Que as portas do Pazo de Oca fiquen abertas por sempre ós curiosos camiñantes que desexen adentrarse nos xardíns deste fermoso lugar.

1 comentario:

Xoán S. Pazos dixo...

O gran problema desa parte tan importante do patrimonio que son os pazos, é a malfadada privatización. Os pazos son historia viva e necesaria, reflexo indemne ó tempo da evolución de Galicia na Idade Moderna. Xa vai sendo hora de que exista un plan ambicioso para expropiar TODOS e cada un dos pazos de Galicia, para que poidan ser empregados para usos públicos e para que todo o mundo os poida visitar e disfrutar deles. Ó fin e ó cabo, unha persoa que posúe un pazo, de seguro que non terá problemas para adquirir outra vivenda. Polo pronto, eu non coñezo a ningunha persoa pobre que teña un pazo en propiedade.
Á parte desta reflexión, dicirche que noraboa por esta entrada adicada ó máis xenuíno, clásico e coñecido pazo galego: o Versalles pontevedrés. Un saúdo!