venres, 16 de outubro de 2009

As dornas da Illa de Arousa


"No ébano xélido
do skating da ría,
voltexando ledas
esbaraban as luces da vila.
No fío da praya
as dornas durmidas,
debruzadas carón da marea
nun soño de illas.
Nas ponlas do vento
o trebón pousado
era un moucho de negro prumaxo
que agoira os naufraxios.
Unha lua verde
penduraba no mouro silenzo
un longo surriso
de esquelete vello.

Luís Amado Carballo, Noite mareira

Dende a Illa de Arousa, os horizontes están cheos de bateas e as suas mudas praias son o mellor leito para redes, dornas, remos e velas. Esta sorprendente illa das Rías Baixas é unha xoia que presume das súas dornas e tradicionais regatas, así coma do Faro de Punta Cabalo ou as marismas e as ancestrais artes do mar. É un dos municipios máis recentes de Galicia e o único concello insular. O mar, as pedras e os piñeiros conforman a paisaxe que, dende o mar, observan os mariñeiros, os visitantes e as bateas. Eses ventres que enxendran o mellor mexilón da cociña galega e o máis sublime antollo das cociñas internacionais. As garzas reinan nas marismas sempre presentes e antergas das Rías Baixas.


Estas xunqueiras son fonte de vida e universo particular de patos e innumerábeis especies da nosa fauna e flora. Dende o Con do Forno divísase a actividade mariñeira e as contornas da Illa, a ponte que a une con Vilanova de Arousa e o azul intenso do mar Atlántico. A brisa trae o arume do salitre, o alento do mar. O silenzo que habita no faro, nas praias e nas bateas, morre co boureo incesante das gaivotas que surcan o vento mareiro, transitan as rúas da illa e mergullan os corpos no mar.

mércores, 30 de setembro de 2009

Chega o San Froilán!



"E medraban as tellas do piano
que se achegaba lento ao plenilunio.
E xa se trafegaban unhas mans en outras,
nunha clarividente transparencia.
O sol naquil solpor era un ourizo
parello de min mesmo sempre envolto
no meu proprio silencio.
Dun horizonte noutro,
por riba do mundo dos tellados,
aquel piano soaba sen acougo"

Tomás Barros, Vieiro de Señardade

Do 4 ó 12 de outubro, Lugo abre as súas portas a tódolos visitantes para festexar o San Froilán, unha das festas máis tradicionais do País Galego e declarada de Interese Turístico Nacional. A súa historia nace na Idade Media, aínda que comeza a cobrar magnitude aló polo século XIX. Agora, uns 255 anos despois, o día de San Froilán e o "Domingo das Mozas" traerán consigo a tradición, a feira, a xente e as noites medievais. Non faltarán gaitas, pulpeiras, concertos e moita diversión asegurada. Benvidos a unha das festas máis multitudinarias do chan galego, benvidos ó San Froilán!

mércores, 16 de setembro de 2009

A Guarda, museo vivo do tempo



"Sober ao Páramo, nunha Oímbra do Sil
e Fisterrar no Barco para sempre
baixo a Bóveda Sandiás
até ir perdendo de vista a Mezquita
na Irixoa dun Brión que nos Melide.
Eu Muxía
mentres ti Ramirás A Guarda"

Estíbaliz Espinosa, Mecánica Zeleste

A Guarda é un fermosísimo municipio pontevedrés que alberga un monte onde o paso evolutivo de civilizacións foi deixando a súa pegada, Santa Trega. Este máxico lugar foi dende o dez mil denantes de Cristo, un propicio asentamento para os primeiros homínidos e posteriormente seguiu habitado durante o período Neolítico (5.000 - 2.000 denantes de Cristo), pasando pola Cultura do Bronce (2.000 – 1.000 denantes de Cristo.), a Cultura Castrexa e a Romanización. Proba disto son os petróglifos, a escultura de Hércules en bronce e os vellos fogares castrexos que, xunto coa capela e os cruceiros, fan deste lugar un museo vivo da historia. Este monte máxico, legado das diferentes civilizacións, é sen lugar a dúbidas; un dos máis senlleiros e simbólicos do noso pequeno e verdescente país.


A desembocadura do Río Miño exerce de fronteira natural con Portugal e dende o porto da Guarda divísase unha fermosa variedade de cores, que visten e distinguen as fachadas das casas mariñeiras. Esta vila goza tamén de praias como A Lamiña, O Muíño e Area Grande, paraxes que recenden a esa brisa mariñeira do Atlántico que a diferencia do Río Miño; non nos separa do país veciño, únenos.