pingotas de choiva moe,
o arco da vella pineira
fariña de sete cores.
Os brancos foles das nubens,
a lombos das serras, van
cara o muiño do ceo
para moelo seu gran”
Florencio Delgado Gurriarán, Cantarenas
Denantes mesmo de coñecer, este pasado outono, o dolmen malpicán de Pedra da Arca na compaña dos meus amigos Óscar e Damián, procuraríamos en San Cristovo de Cerqueda, na mesma parroquia onde se localiza o citado dolmen, un conxunto de muíños que fican chantados sobre dos cantís da costa bergantiñá e de fronte ó indómito e inmenso Océano Atlántico. Estouvos a falar dos Muíños da Ribeira, tamén mal chamados "Muíños de Ardeleiro", un conxunto etnográfico que fica nunha paraxe ben fermosa e verdadeiramente singular do Concello de Malpica. Viaxamos pois rumbo á máxica e bravía costa bergantiñá pra coñecer estes muíños que fican pendurados dos máis estremeiros cantís da Costa da Morte e a rentes do mar das Sisargas.
Poucas veces na miña vida tiven a oportunidade de coñecer un lugar tan singular coma este da parroquia de Cerqueda. Ás veces adoitamos asociar os tradicionais muíños a contornas do interior, i en moi contadas ocasións temos a oportunidade de velos arrodeados dunha paraxe puramente costeira; atlántica. Ante nós tiñamos un conxunto de muíños que aproveitaban o curso dun regato de auga doce, coñecido como o Rego de Muíños, que escorregaba polos cantís e se abría camiño por antr’as toxeiras e as herbas namoradeiras, para logo precipitarse sobre do salgado leito atlántico. Ó seu redor albiscamos a impresionante paraxe na que se localiza: un xigantesco rochedo que resiste os embates dun mar fero e asasino.
O conxunto etnográfico de Cerqueda componse de cinco muíños, de canle e de cubo, que nos nosos días fican perfectamente restaurados. Todas as construcións, erixidas en cachotería, semellan presentar unha planta rectangular e teitume a unha auga cuberta de tella do país. Puxémonos a camiñar por un estreito sendeiro de terra que arrodea o curso do Rego de Muíños tratando de ollar cada unha daquelas cinco construcións que, coma pétreos e xigantescos crustáceos, semellan desafiar os feroces azoutes atlánticos. A paraxe, máxica comuñón de augas doces e salgadas, de cultura, tradición e natureza, non deixou de sorprendernos en ningún momento.
Ollamos as canles, nos infernos os rodicios e a través das estreitas xanelas, a silueta e as sombras das moas, quenllas e moegas que aínda conservan estes muíños. Ficamos pampos ante o preto que ficaba do mar o último dos muíños, e chagamos a maxinar os moitos azoutes que debeu soportar. Maxinamos tamén o duro que debía ser, en tempos non moi distantes, vir moer a estes muíños nos máis chuviosos outonos e nas máis tempestuosas invernías. Estes muíños, como a meirande parte dos muíños galegos, foron caendo no abandono coa chegada de novos artefactos eléctricos para a elaboración da moenda. Nembargantes, sería aló polo ano 2007 cando se levarían a cabo unhas obras de rehabilitación que fixeron rexurdir unha paraxe única no noso país.
É un auténtico pracer coñecer lugares tan sinxelos pero á vez tan cheos de fermosura e singularidade, que recrean boa parte da nosa historia, da nosa cultura e das nosas tradicións. Detrás destes muros de pedra, e baixo dos tellados destas pequenas e humildes construcións, hai unha importante etapa da nosa historia somerxida. Estes muíños foron clave para o desenvolvemento dunha Galiza famenta, foron unha ferramenta pra acadar a fartura. Quen sabe cantos milleiros de muíños, coma estes de Ardeleiro, ficarán aínda derrubados e cubertos pola maleza a carón dos infindos regatos deste noso húmido e verdescente país.
Foi unha auténtica mágoa termos que deixar atrás un recuncho tan singular e impresionante coma este. Fixémolo paseniño, ollando o derradeiro treito do Rego de Muíños denantes de que as súas doces augas contribúan a conformar un océano que se perde na liña do mesmo horizonte que conforma. Conxuntos etnográficos coma este de San Cristovo de Cerqueda, ó igual que as doces augas do Rego de Muíños, contribúen a conservar o noso patrimonio, a recrear a nosa historia e a manter acesa a nosa cultura e as nosas tradicións; son o celme da nosa identidade.
4 comentarios:
Noraboa polas viaxes que nos propós, coma preciosa entrada! Os muíños recordan aos de Estaca de Bares, tamén impresionantes sobre os cantís do norte.
Se non os coñeces, visitar a zona e os muíños hache dar un día inesquecible, seguro!
Grazas Antón!, tratarei de visitalos máis pronto que tarde. Unha aperta
Boas Ivàn! Fermoso lugar q nos viu medrar, so comentar que os muîños pertencen A Ribeira de Cerqueda e son os Muîños da Ribeira, de feito nin se atopan en Ardeleiro. Foi un erro nomealos así, por facer as cousas sen importar a sùa historia. Por sorte e moi agradecida, recuperaron o nome q tiveron sempre, Os Muîños da Ribeira. Unha aperta, se tendes oportunidade, non perxades de ir!
Prezada Mabel,
Con toda a humildade pídovos desculpas polo erro. Sabía que estes muíños estaban preto do lugar de Ardeleiro, e denantes de achegarme a velos, toda a información da que dispoñía referíase a eles como Os Muíños de Ardeleiro.
Grazas ao teu comentario puiden indagar un chisco máis e decateime que a mesma páxina do Concello de Malpica refírese a eles como Os Muíños da Ribeira. Polo tanto, como podes observar, decidín corrixir este erro e mesmo modificar o título da entrada.
Así pois, moitísimas grazas polo teu comentario e convídote a pasar por esta fraga sempre que queiras.
Unha forte aperta, Mabel!
Publicar un comentario