venres, 23 de xaneiro de 2015

Os salitrosos Muíños da Ribeira


“O sol, baril muiñeiro,
pingotas de choiva moe,
o arco da vella pineira
fariña de sete cores.
Os brancos foles das nubens,
a lombos das serras, van
cara o muiño do ceo
para moelo seu gran”
Florencio Delgado Gurriarán, Cantarenas

Denantes mesmo de coñecer, este pasado outono, o dolmen malpicán de Pedra da Arca na compaña dos meus amigos Óscar e Damián, procuraríamos en San Cristovo de Cerqueda, na mesma parroquia onde se localiza o citado dolmen, un conxunto de muíños que fican chantados sobre dos cantís da costa bergantiñá e de fronte ó indómito e inmenso Océano Atlántico. Estouvos a falar dos Muíños da Ribeira, tamén mal chamados "Muíños de Ardeleiro", un conxunto etnográfico que fica nunha paraxe ben fermosa e verdadeiramente singular do Concello de Malpica. Viaxamos pois rumbo á máxica e bravía costa bergantiñá pra coñecer estes muíños que fican pendurados dos máis estremeiros cantís da Costa da Morte e a rentes do mar das Sisargas


Poucas veces na miña vida tiven a oportunidade de coñecer un lugar tan singular coma este da parroquia de Cerqueda. Ás veces adoitamos asociar os tradicionais muíños a contornas do interior, i en moi contadas ocasións temos a oportunidade de velos arrodeados dunha paraxe puramente costeira; atlántica. Ante nós tiñamos un conxunto de muíños que aproveitaban o curso dun regato de auga doce, coñecido como o Rego de Muíños, que escorregaba polos cantís e se abría camiño por antr’as toxeiras e as herbas namoradeiras, para logo precipitarse sobre do salgado leito atlántico. Ó seu redor albiscamos a impresionante paraxe na que se localiza: un xigantesco rochedo que resiste os embates dun mar fero e asasino. 


O conxunto etnográfico de Cerqueda componse de cinco muíños, de canle e de cubo, que nos nosos días fican perfectamente restaurados. Todas as construcións, erixidas en cachotería, semellan presentar unha planta rectangular e teitume a unha auga cuberta de tella do país. Puxémonos a camiñar por un estreito sendeiro de terra que arrodea o curso do Rego de Muíños tratando de ollar cada unha daquelas cinco construcións que, coma pétreos e xigantescos crustáceos, semellan desafiar os feroces azoutes atlánticos. A paraxe, máxica comuñón de augas doces e salgadas, de cultura, tradición e natureza, non deixou de sorprendernos en ningún momento. 


Ollamos as canles, nos infernos os rodicios e a través das estreitas xanelas, a silueta e as sombras das moas, quenllas e moegas que aínda conservan estes muíños. Ficamos pampos ante o preto que ficaba do mar o último dos muíños, e chagamos a maxinar os moitos azoutes que debeu soportar. Maxinamos tamén o duro que debía ser, en tempos non moi distantes, vir moer a estes muíños nos máis chuviosos outonos e nas máis tempestuosas invernías. Estes muíños, como a meirande parte dos muíños galegos, foron caendo no abandono coa chegada de novos artefactos eléctricos para a elaboración da moenda. Nembargantes, sería aló polo ano 2007 cando se levarían a cabo unhas obras de rehabilitación que fixeron rexurdir unha paraxe única no noso país. 


É un auténtico pracer coñecer lugares tan sinxelos pero á vez tan cheos de fermosura e singularidade, que recrean boa parte da nosa historia, da nosa cultura e das nosas tradicións. Detrás destes muros de pedra, e baixo dos tellados destas pequenas e humildes construcións, hai unha importante etapa da nosa historia somerxida. Estes muíños foron clave para o desenvolvemento dunha Galiza famenta, foron unha ferramenta pra acadar a fartura. Quen sabe cantos milleiros de muíños, coma estes de Ardeleiro, ficarán aínda derrubados e cubertos pola maleza a carón dos infindos regatos deste noso húmido e verdescente país. 


Foi unha auténtica mágoa termos que deixar atrás un recuncho tan singular e impresionante coma este. Fixémolo paseniño, ollando o derradeiro treito do Rego de Muíños denantes de que as súas doces augas contribúan a conformar un océano que se perde na liña do mesmo horizonte que conforma. Conxuntos etnográficos coma este de San Cristovo de Cerqueda, ó igual que as doces augas do Rego de Muíños, contribúen a conservar o noso patrimonio, a recrear a nosa historia e a  manter acesa a nosa cultura e as nosas tradicións; son o celme da nosa identidade. 

4 comentarios:

Antón Pena dixo...

Noraboa polas viaxes que nos propós, coma preciosa entrada! Os muíños recordan aos de Estaca de Bares, tamén impresionantes sobre os cantís do norte.
Se non os coñeces, visitar a zona e os muíños hache dar un día inesquecible, seguro!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Grazas Antón!, tratarei de visitalos máis pronto que tarde. Unha aperta

Unknown dixo...

Boas Ivàn! Fermoso lugar q nos viu medrar, so comentar que os muîños pertencen A Ribeira de Cerqueda e son os Muîños da Ribeira, de feito nin se atopan en Ardeleiro. Foi un erro nomealos así, por facer as cousas sen importar a sùa historia. Por sorte e moi agradecida, recuperaron o nome q tiveron sempre, Os Muîños da Ribeira. Unha aperta, se tendes oportunidade, non perxades de ir!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezada Mabel,

Con toda a humildade pídovos desculpas polo erro. Sabía que estes muíños estaban preto do lugar de Ardeleiro, e denantes de achegarme a velos, toda a información da que dispoñía referíase a eles como Os Muíños de Ardeleiro.

Grazas ao teu comentario puiden indagar un chisco máis e decateime que a mesma páxina do Concello de Malpica refírese a eles como Os Muíños da Ribeira. Polo tanto, como podes observar, decidín corrixir este erro e mesmo modificar o título da entrada.

Así pois, moitísimas grazas polo teu comentario e convídote a pasar por esta fraga sempre que queiras.

Unha forte aperta, Mabel!