“Hai que romper os púlpitos, as torres de homenaxe,
os parapetos, as almeas, romper as saeteiras,
hai que romper os fosos, hai que romper o escuro
e abrir as portas”.
Antón Avilés de Taramancos, Última fuxida a Harar
Retomamos o noso camiño polas múltiples e variadas fortalezas que atesoura o noso país. Desta volta quixemos volver ó extremo norte da Provincia da Coruña para perdérmonos pola Comarca de Ferrol, unha terra que tiñamos bastante esquecida nesta fraga e que nos ten moito que amosar. Andabamos á procura dunha antiga fortaleza nos dominios da poderosa liñaxe dos Andrade, en terras de gloria e sufrimento, de batallas e revoltas aínda latexantes. O noso obxectivo ficaba por antr’os vales que o Xubia foi labrando ó longo dos séculos, nun pequeno concello do interior desta comarca ferrolá. Dirixímonos cara Moeche, un municipio duns 1500 habitantes que se perden por antr’as cinco parroquias que o compoñen; Santa María de Labacengos, Santiago de Abad, Santa Cruz, San Xoán e San Xurxo de Moeche. O nome deste concello semella proceder dunha antiga vila fundada denantes do século X por un cabaleiro chamado Modesto. De aí que o topónimo poida proceder de Vila Modesti. Chegamos á parroquia de San Xurxo de Moeche unha fresca mañá de inverno, logo de ollar o impresionante e monumental Mosteiro de Monfero, onde descansan, en traballados sartegos de pedra, os restos de boa parte da estirpe dos Andrade. Entre estes sartegos, estaba tamén o de Nuño Freire de Andrade, alcumado o “O Mao”, que tería un papel moi importante na historia do castelo que estabamos a piques de coñecer.
A historia de Moeche está estreitamente ligada, como non podería ser doutro xeito, ó seu castelo, que é a mostra arquitectónica máis importante e valiosa que conserva. Esta fortaleza medieval, xunto coas de Vilalba e Pontedeume, foi edificada no século XIV polos Andrade, i en concreto, por Fernán Pérez de Andrade “O Boo”. O obxectivo non era outro que manter ben controlados os extensos dominios que posuían nestas terras do Eume. Logo, a estas tres fortalezas de control habería que sumar a incorporación do Castelo de Naraío, situado no veciño coruñés de San Sadurniño. Estas fortalezas marcaban e vixiaban as terras, o poder e os recursos dos Andrade. Esta fortaleza, coma tantos outros castelos do noso país, tivo que sufrir as consecuencias das Revoltas Irmandiñas. Nembargantes, a de Moeche sería a gran protagonista destas sublevacións, xa que tivo que sufrir ata en dúas ocasións a furia e a rabia contida polos vasalos. Ademais, contan que eiquí tivo lugar a primeira de todas as Revoltas Irmandiñas acontecidas no noso país. Esta primeira revolta tivo lugar aló polo 1431, cando o pobo, farto dos abusos dos Andrade, comezou a sublevación da man de Roi Xordo e a Irmandade Fusquenlla.
O primeiro obxectivo da irmandade sería dar morte ó señor. Neste caso, a Nuño Freire de Andrade “O Mao”, de quen falabamos ó comezo. Contan que o tentaron atacar na mesma fortaleza de Moeche. Ó “Mao” non lle quedou outra que fuxir a fume de carozo cara á súa Pontedeume natal, co pobo sublevado pisándollelos talóns. Cando os irmandiños chegaron a Pontedeume, “O Mao” xa ía camiño de Santiago de Compostela, onde foi acollido e protexido polo arcebispo.
Namentres isto sucedía, os irmandiños destruirían parte do patrimonio que os Andrade tiñan en Moeche e perseguiríano até Compostela. Unha vez alí, o arcebispo emprazaríaos a loitar, cos exércitos xa descansados e organizados, na Batalla do Eume. O Mao derrotaría a esta primeira revolución irmandiña, na que din que puido falecer Roi Xordo. Logo da vitoria, O Mao reprendería e castigaría duramente ós vasalos. A segunda revolución Irmandiña tería lugar aló polo 1.467, tempo no que estas terras xa non eran dos Andrade, senón que ficaban baixo o domino do poderosísimo Condado de Lemos. Desta volta, os Irmandiños tampouco tiveron moita sorte, mais os danos ocasionados na fortaleza foron maiores que na primeira revolta, deixando o Castelo de Moeche destruído e arruinado case por completo. O Conde de Lemos, logo da vitoria, obrigou ós vasalos a reconstruílo de novo. Logo destas dúas históricas revoltas, a Fortaleza de Moeche foi adaptándose ás situacións e ós tempos, mais os seus muros opresores erguéranse para delimitar territorios, sociedades e xerarquías, para mitigar soños e liberdades; para dominar. Por iso, no século XVI, a histórica fortaleza reconverteríase nun escuro cárcere da xurisdición. Xa en tempos modernos, este histórico edificio pasaría a mans da Duquesa de Alba, herdeira dos condados de Lemos e Andrade, e a derradeira dona e señora deste castelo.
No que respecta á súa estrutura, posúe unha planta octogonal, construída en cachotería de lousa e perpiaños de granito, e fica arrodeado na súa parte oeste por un foxo pouco profundo escavado na mesma rocha. O edificio fica dominado por unha torre da homenaxe de planta cadrada e duns 18 metros de altura. Os muros que protexen o edificio acadan os 12 metros de altura, abertos ó exterior por estreitas e fermosas seteiras. Nos nosos días, estes muros antano opresores e dominantes, albergan un interesantísimo museo que recrea os duros tempos daqueles señores e campesiños, así como as lendas e batallas que se teñen sucedido nesta pequena e lendaria Fortaleza de Moeche. Ademais, cada ano, os seus veciños recrean aquelas revoltas no seu popular Asalto ó Castelo. Ollamos os escudos dos condes e o patio de armas. Deambulamos polo alto dos muros e contemplamos os amplos e verdescentes dominios dos señores. Camiñamos baixo unha bóveda que nos achegou até as marcas dos canteiros que tiveron que erguer estes muros, estas bóvedas, esta torre i estas graníticas ameas. Agora, logo de tantas revoltas, de tanto odio, de tantas mortes e de tanto sufrimento, este anaco de historia é propiedade dos veciños de Moeche; de todos e cada un de nós. Deixamos tras de nós as escuras e frías entrañas desta casa dos Andrade e dos Lemos, para volver a pisar o chan de escravizados labradores, a xenerosa terra campesiña, e ollar dende fóra, dende abaixo, unha fortaleza galega liberada. Liscamos fachendosos de Moeche, rememorando aqueles versos do gran Avilés de Taramancos que dicían algo así como que “hai que romper o escuro e abrir as portas”.
2 comentarios:
Valioso traballo histórico.
Quedará para a posteridade (galega )
Noraboa!
Xa quixera, xa... Mais con manter entretidos ós meus bos seguidores xa me chega. Grazas mestre!
Unha aperta!
Publicar un comentario